Xosé Trapero Pardo, nado en Castro de Ribeiras de Lea (Ribeiras de Lea, Castro de Rei) o 29 de setembro de 1900 e finado en Lugo o 10 de outubro de 1995, foi un escritor e xornalista galego.
Traxectoria Cursou a carreira eclesiástica no Seminario de Mondoñedo, pero non chegou a exercer. Como xornalista, dirixiu ou traballou nos semanarios Acción Social, Justicia, Renovación, Vallibria (fundado por el en Mondoñedo), Lucus e Heraldo de Vivero. Tamén dirixiu o boletín do Concello de Lugo e os xornais La Voz de la Verdad e El Progreso de Lugo, sendo este último onde se xubilou en 1972.
Foi cronista oficial de Lugo, director do Museo Provincial de Lugo, membro correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e numerario da Real Academia Galega, onde ingresou o 5 de xuño de 1971, apadriñado por Álvaro Cunqueiro. co discurso Noriega entre os poetas do seu tempo, dedicado ao seu finado amigo Antonio Noriega Varela. O instituto da súa localidade natal, Castro de Ribeiras de Lea, leva o seu nome.
Obra Ademais de numerosos artigos en todos os periódicos nos que traballou, Trapero Pardo tirou do prelo estas obras:
Obra en galego Teatro A ponte do Porco. Lexenda tráxica (1931).
Poesía Lóstregos e moxenas (1926), poemario no que por primeira vez escribe en galego.
Libreto de zarzuela Non chores, Sabeliña (1943), zarzuela galega á que lle puxo música Gustavo Freire e que foi o primeiro texto publicado en galego na comunidade despois da guerra civil.
Artigos xornalísticos ...E Pelúdez dixo (1984), recompilación de varios artigos do personaxe Pelúdez publicados en El Progreso.
Edicións Manoel Leiras Pulpeiro: vida e obra (1983, Real Academia Galega).
Obra en castelán Ensaio El Mariscal Don Pedro Pardo de Cela. Leyenda acerca de su prisión y muerte (1925). Cien años de vida local (1978). Lugo y poblaciones próximas. Itinerarios turísticos (1978). Pintura mural de Galicia (1978). Lugo: Antiguas fortalezas (1980).
Narrativa La venganza de Salgado (1931).
Pelúdez
miniatura|Escultura en Lugo de Pelúdez e familia Trapero Pardo continuou redactando as historias de Pelúdez, que fora creado por Antonio de Cora Sabater. Pelúdez é un personaxe, creado nas páxinas do xornal El Progreso, que cada ano vén da aldea a Lugo para participar nas festas do patrón, San Froilán, que se celebran do 4 ao 12 de outubro. Durante eses días, reflexiona sobre o que ocorre nas festas e tamén sobre outros temas de actualidade. Baixo o pseudónimo Trapacero, Trapero Pardo ocupouse de recrear a Pelúdez dende 1939 ata despois da súa xubilación, dándolle unha retranca e un humor chairego que o fixeron moi popular. Coa súa escrita, logrou que Pelúdez, nado nas páxinas dun xornal, se convertera en todo un símbolo popular das festas maiores de Lugo, que mesmo ten unha estatua a carón da muralla romana.
A morte de Trapero produciuse precisamente en plenas festas de San Froilán, feito polo que o xornal e quen tomou o relevo do personaxe, Xosé de Cora, adicáronlle unha serie de artigos recompilados posteriormente no libriño "Pelúdez despide a Trapacero" (1995).
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas Artigo de Ana María Rodríguez Rivas sobre o papel de estereotipos como o de Pelúdez
Categoría:Xornalistas de Castro de Rei Categoría:Escritores en lingua galega Categoría:Escritores de Galicia Categoría:Poetas de Galicia Categoría:Premio Otero Pedrayo Categoría:Membros de número da Real Academia Galega Categoría:Medallas Castelao Categoría:Nados en Castro de Rei Categoría:Nados en 1900 Categoría:Finados en 1995 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Cronistas de Lugo