miniatura|Compendium mathematicum, 1647 Miguel Pselo ou Miguel Psellos, en grego Μιχαήλ Ψελλός ou Mikhaēl Psellos, chamado o Mozo para o distinguir do filósofo homónimo, nado en Nicomedia contra o ano 1018 e finado contra 1078, foi un humanista, político, filósofo neoplatónico, poeta, orador e historiador bizantino do século XI.
Pselo foi un cortesán intrigante e un dos políticos máis influentes do seu tempo. Ocupou os máis altos cargos do goberno imperial durante trinta e seis anos, baixo sete emperadores de tres dinastías distintas. Auténtico polígrafo, escribiu sobre teoloxía, dereito, filoloxía, arqueoloxía, historia, alquimia, matemáticas, medicina etc. Foi non soamente o espírito máis cultivado e a mente máis lúcida da súa época, senón tamén un auténtico artista. O seu Chronografía é o máis importante libro de memorias de toda a Idade Media, sen que ningún outro poida comparárselle pola súa frescura, a vivacidade da súa expresión, a finura da súa intuición psicolóxica e os seus dotes para os retratos.Ostrogorsky 1983: 313.
Traxectoria Primeiros anos Constantino Pselo Constantino era o seu nome propio; o de Miguel, co que o coñece a tradición posterior, era o seu nome monástico. naceu no seo dunha modesta familia residente en Constantinopla. O seu pai, orixinario de Nicomedia (Bitinia), tiña patricios e cónsules entre os seus antepasados máis próximos, pero nada lle restaba xa desas ilustres orixes e exercía como simple tendeiro nun barrio popular da capital imperial, onde casara cunha muller de familia humilde. Do matrimonio naceron dúas fillas antes do propio Pselo, que veu ao mundo a fins do ano 1017 ou principios do 1018, nos últimos anos do reinado de Basilio II (959-1025). O que talvez foi o mellor dos oradores bizantinos tivo un defecto físico (probabelmente era belfo) que lle valeu o sobrenome de Pselo (en grego: Ψελλός, psellós), este adxectivo aplícase aos que teñen unha traba ou un defecto na fala, seseo ou freo da lingua (pero non aos tartamudos ou que balbucen ao se expresaren).
Cando Pselo concluíu a educación elemental aos oito anos de idade, a súa familia, reunida en consello, pensou en buscarlle un oficio, e só a insistencia da súa nai, convencida das extraordinarias calidades do seu fillo, puido persuadilos para que seguisen pagando a súa formación: lémbrao emocionado o propio escritor no discurso fúnebre que lle dedicou á súa morte anos despois. A decisión da nai viuse recompensada e axiña Pselo, con apenas dez anos, sabía recitar de memoria a Ilíada e comentar as súas figuras e os seus tropos Como conta el mesmo demostrando un talento excepcional, mesmo naquela idade que cultivaba a memoria ata extremos actualmente impensábeis. Malia as súas calidades, aos dezaseis anos a economía familiar non puido custear máis a súa formación e Pselo púxose a traballar como secretario dun xuíz provincial, probabelmente no distrito europeo de Tracia e Macedonia. Por entón morreu a súa irmá e os seus pais retiráronse a un mosteiro. Pselo regresou a Constantinopla, onde iniciou estudos superiores de retórica e filosofía con Xoán Mauropus, un dos intelectuais máis importantes do seu tempo.
Durante os anos seguintes Pselo vería promovida a súa carreira administrativa como xuíz (gobernador provincial), probabelmente polo apoio do seu amigo Constantino Licudes, que entrou no Senado e asumiu postos de poder durante os reinados de Miguel IV e Miguel V. Así, Pselo tivo o cargo de xuíz polo menos en tres themas de Asia Menor (Tracesios, Bucelarios e Armeniacos), sen que se saiban exactamente as datas. É sorprendente que lle encomendasen postos de tan alta responsabilidade a un mozo duns vinte anos, algo para o que non se atopa paralelo ningún na historia administrativa do Imperio e que fala das súas excepcionais calidades. É probábel que a súa presenza en provincias non fose permanente durante eses anos e que a alternase con estancias en Constantinopla para continuar coa súa formación.
Na Corte Imperial
miniatura|dereita|350px|Mosaico de Constantino Monómaco e Zoe en Hagia Sophia. En 1041 entrou na corte como secretario imperial (hypogrammateús) de Miguel V, e en torno a 1042, contraeu matrimonio cunha muller de boa familia, descendente dun valido do emperador León VI (886-912). Do matrimonio naceu unha soa filla, Estiliana, á que Pselo colmou de atencións, e que morreu á temperá idade de nove anos, o que motivou o ingreso da súa muller nun mosteiro. Pselo quedou unicamente cunha filla adoptiva, Eufemia, pero o compromiso da moza cun mozo de boa familia debeu romperse, o que provocou mesmo un proceso legal contra o historiador.
Ao ascender ao trono imperial Constantino IX Monómaco (1042-1055), Pselo converteuse en secretario de estado e gran chanceler. Tiña nese momento uns vinte e cinco anos, e ao mesmo tempo ensinaba retórica e filosofía na Academia de Constantinopla, onde tivo entre outros discípulos a Xoán Ítalo e a Teofilacto; estaba considerado un grande helenista, constituíndose na columna vertebral do que na época dos Comnenos se denominou "Renacemento helénico".
Monómaco foi retirando aos poucos o seu favor aos eruditos do contorno de Pselo, que tiveron que tomar finalmente o hábito monástico para evitar seren perseguidos. O propio Pselo tonsurouse como monxe repentinamente a finais do ano 1054, adoptando o nome monástico de Miguel. Isto é estraño, xa que o costume bizantino era escoller un nome que comezase coa mesma letra do nome bautismal. Na súa Cronografía sinala, sorprendentemente, que o fixo malia as protestas do propio Emperador, que non quería verse privado da súa compañía. Pselo é de feito deliberadamente ambiguo ao falar sobre os motivos que o impulsaron a este retiro, e que posibelmente non tivesen que ver co Emperador senón co seu contorno cortesán, algo que explicaría que xustamente á morte de Monómaco, en xaneiro de 1055, Pselo abandonase axiña Constantinopla e se refuxiase no mosteiro da Fermosa Fonte, no Olimpo bitinio. Por entón morreu a súa nai, co que Pselo quedou privado de familia.
Vida monástica A experiencia do retiro monástico resultou moi decepcionante para Pselo, sobre todo pola ignorancia e inactividade dos seus compañeiros de hábito, aos que chamou despois xentes groseiras e incultas, verdadeiros escitas. Grande admirador de Platón e, en especial, do neoplatonismo, esforzouse por presentar esta corrente filosófica do paganismo como un esforzo imperfecto que acadou co cristianismo a súa perfecta coroación. Por iso adoptou o alegorismo como o mellor método de esexese para estudar, analizar e comentar os clásicos gregos como antes se analizaran as Sagradas Escrituras. Desa forma chegou a ver nos autores gregos unha especie de profetas do cristianismo e mesmo atopou en Homero nada menos que o misterio da Santísima Trindade. Acusado por iso de herexía, Pselo viuse de feito obrigado a acreditar a súa ortodoxia nun escrito.
Incapaz de se adaptar ao retiro monástico, e máis que probabelmente incomodado cos demais monxes, Pselo regresou á capital ese mesmo ano de 1055, cando a emperatriz Teodora, última da dinastía macedonia, o chamou ao seu lado como conselleiro. A pesar de que recuperou e mesmo incrementou a influencia perdida, fíxoo xa desde a súa condición de monxe, e a súa autoridade xa non se baseou máis en títulos ou dignidades concretas.
Intrigas cortesás
Pouco antes da morte de Teodora en 1056, o consistorio de palacio obrigou a que esta designase un sucesor. O elixido, Miguel VI (1056-1057), foi coroado pouco despois. Pselo declarou na súa Cronografía ser testemuña dos conciliábulos para elixir o sucesor, pero sitúase á marxe dunha decisión que axiña se revelará efémera, pois apenas proclamado emperador Miguel, subleváronse contra el os xenerais de Asia Menor, membros de poderosas familias terratenentes descontentas co goberno de funcionarios da capital.
Cando os rebeldes, capitaneados por Isaac Comneno, chegaron ás proximidades da capital, Pselo foi enviado como embaixador polo Emperador para negociar un acordo co usurpador: nomealo César e herdeiro ao trono a cambio de pór fin das hostilidades.
Pselo, afirmou que superou o ambiente hostil dunha tenda chea de soldados inimigos, foi capaz de superar o ambiente hostil e convenceu coa súa oratoria superior aos presentes da bondade da súa proposta. Pero o feito de que a continuación Isaac o considerase o seu home de confianza ergue sospeitas sobre a xestión da súa embaixada e dúbidas acerca da súa fidelidade a Miguel, que foi derrocado en Constantinopla por sectores próximos ao patriarca Miguel Cerulario, cando o usurpador acampaba aínda á outra beira do estreito do Bósforo en compañía de Pselo.
Isaac entrou pouco despois na capital e nomeou a Pselo presidente do Senado, o que fixo evidente a todos o seu cambio de bando. As peores calidades de político sen escrúpulos de Pselo quedaron novamente patentes cando, pouco despois, aceptou o encargo do Emperador de redactar unha acusación contra o patriarca Miguel Cerulario por traizón. O patriarca, responsábel do cisma con Roma en 1054, era un home con ambicións políticas e perigosas para o poder imperial, polo que a súa deposición estaba xustificada. Porén, o singular do feito é que Pselo fose o encargado de formular os cargos a pesar da amizade que os unía e ao feito de que sobriños de Cerulario eran destacados discípulos seus. O patriarca, deposto e desterrado, morreu antes de que as acusacións de Pselo se fixesen públicas ante o sínodo convocado na capital, pero a súa deposición fixo gañar a Pselo a animadversión do pobo e prestixio ante o Emperador, que nomeou ademais patriarca a Constantino Licudes (1059-1063), vello amigo seu.
As férreas restricións de gastos decretados polo Emperador privárono do apoio dos altos cargos políticos do Corte, Pselo incluído. É posíbel por iso que, como suxire Robert Volk, a abdicación de Isaac en 1059 por mor dunha enfermidade fose estimulada por Pselo, que, como médico persoal do Emperador, esaxerou os síntomas do seu mal para facerlle renunciar ao trono. É curioso que Pselo non sinale na súa obra que Isaac morrería meses despois de abdicar.
O ascenso dos Ducas En calquera caso é evidente que a Pselo lle conviña o ascenso ao poder de Constantino X, da familia dos Ducas (1059-1067), coa que mantiña excelentes relacións desde a época de Monómaco. O novo Emperador, que inventou o novo título de hypertîmos para Pselo, tivo ao mesmo como principal conselleiro e encargoulle mesmo a educación do seu fillo e sucesor, o futuro Miguel VII Ducas.
A hostilidade da vila cara a el como responsábel da condena ao patriarca Cerulario, a dos abundantes exiliados de Isaac Comneno que regresaron co novo monarca e as presións dos relixiosos, para quen Pselo era un «apóstata», fixeron que o patriarca Constantino Licudes lle aplicase os canons dos monxes xiróvagos e Pselo viuse forzado a ingresar no mosteiro de Ta Narsu, en Constantinopla, do que non sairía ata que en setembro de 1063 un terremoto destruíu os seus muros.
As intrigas contra Pselo desatáronse abertamente cando, á morte de Constantino, a súa viúva Eudoxia (rexente do seu fillo menor de idade) seguiu confiando en Pselo para o goberno. Entón o eunuco Nicéforo acusouno de manter relacións adúlteras coa emperatriz. Non sabemos en que desembocaron estas acusacións, pero é evidente que o matrimonio de Eudoxia co xeneral Romano en 1068 non favoreceu os intereses de Miguel. Dióxenes, convertido en coemperador, desconfiaba do intrigante Pselo e temía deixalo na capital mentres el partía en campaña. O distanciamento entre ambos os dous se fixo patente cando ordenou que o acompañase na súa campaña militar contra os turcos selxúcidas do 1069, unha campaña que Pselo lle desaconsellara por precipitada. Porén, o erudito conseguiu escapulirse da expedición ao chegar a Cesarea Mazaca e regresar a Constantinopla.