A National Football League (en galego: Liga Nacional de Fútbol Americano), mellor coñecida polas súas siglas en inglés, (NFL), é a maior liga de fútbol americano profesional dos Estados Unidos e está considerada como a máis grande e prestixiosa propiedade deportiva nese país. A NFL toma a figura xurídica de Asociación Deportiva, controlada polos seus propios membros. Foi creada por once equipos en 1920 como a American Professional Football Association (a liga mudou o nome polo de American Professional Football League en 1921, e mudouno novamente en 1922 polo nome agora vixente). Actualmente, a NFL está formada por 32 franquías establecidas en diversas cidades e rexións estadounidenses. Divídese en dúas Conferencias: a Nacional (NFC) e a Americana (AFC). Á súa vez cada Conferencia intégrase por catro Divisións (Norte, Sur, Leste e Oeste) e cada unha delas por catro diferentes equipos.
A tempada regular consiste nun calendario de dezasete semanas durante as cales cada equipo ten unha de descanso (denominada bye week), consistindo en seis partidos contra rivais da mesma División, así como varios encontros interdivisionais e interconferenciais. A tempada comeza a noite do xoves da primeira semana completa de setembro (o xoves posterior ao "Labor Day") e prosegue a comezos de xaneiro. Ao finalizar a tempada regular, seis equipos de cada Conferencia disputan os playoffs, un sistema de eliminación directa a un partido entre os doce equipos que culmina no partido polo campionato, coñecido como Super Bowl. Este encontro xógase nunha cidade predeterminada, normalmente nalgunha con equipo na NFL. A semana seguinte dispútase o Pro Bowl, en Honolulu, Hawai, na que se enfrontan ambas as Conferencias, integradas polos seus mellores xogadores dese ano.
A pesar de considerarse o béisbol como o Pasatempo Nacional dos Estados Unidos, o fútbol americano é o deporte máis popular no devandito país. A NFL ostenta a maior asistencia de público por partido de todas as ligas profesionais do mundo, atraendo a 67.000 espectadores en cada partido nas tempadas 2006 e 2007. Grazas á súa tradición, ao principio de colaboración entre os seus membros e á administración con éxito das súas propiedades, a NFL consolidouse como a franquía deportiva por excelencia nos Estados Unidos, cuxo mercado inclúe igualmente entidades como a Major League Baseball (MLB), a National Basketball Association (NBA) e a National Hockey League (NHL), amplamente recoñecidas.
Historia A American Football League O crecemento da NFL a principios de 1958, foi tan rápido e contundente que logrou superar ao béisbol como o deporte favorito dos afeccionados dos estadounidenses. Isto espertou igualmente o interese de empresarios e o seu apetito por adquirir algunha franquía existente ou crear algunha nova. Tal foi o caso do empresario texano Lamar Hunt, quen presentou unha oferta de compra, finalmente rexeitada. Isto orixinou que Hunt e algúns outros homes de negocios decidisen formar con dez equipos unha asociación nova á que chamaron American Football League (AFL), que se convertería nunha seria rival da NFL.
O AFL introduciu novos cambios a este deporte, contribuíndo aínda máis a unha competente rivalidade coa NFL. Tratábase da instalación dun reloxo oficial visible para os afeccionados durante o xogo, os nomes dos xogadores nos xerseis e un sistema ofensivo máis agresivo facilitado pola nova regra de substitucións libres durante o encontro, o que levou finalmente á especialización das posicións. Outra circunstancia que a diferenciaba da NFL era a súa actitude en relación ao colectivo da raza negra: o AFL incluíu a xogadores negros e recrutaba activamente a xogadores en universidades historicamente descartadas e marxinadas pola NFL. Posteriormente, os equipos da NFL incluíron a xogadores negros en posicións tacitamente prohibidas para eles nesa liga, como a de quarterbackCollege Football Hall of Fame e middle linebacker.Lamar Hunt En xaneiro de 1965 houbo un boicot do partido das estrelas da AFL en Nova Orleáns con ocasión da discriminación dos xogadores negros por parte dalgúns hoteis e negocios da cidade. Foi un acto de activismo polas liberdades e dereitos sociais que foi homenaxeado polo Pro Football Hall of Fame. A nova liga tamén se asegurou financieiramente ao decidir compartir, cos demais equipos, as ganancias recibidas polos dereitos televisivos e de despacho de billetes nos seus encontros.
O AFL forzou a expansión da NFL: os Dallas Cowboys foron creados para competir cos Dallas Texans da AFL creados ao mesmo tempo. En 1963, os Dallas Texans cambiaron a súa sede pola de Kansas City e trocaron o seu nome polo de Kansas City Chiefs; os Minnesota Vikings foron unha doazón feita en favor de Max Winter por abandonar a AFL e os Atlanta Falcons foron xunta Rankin Smith para disuadilo de adquirir os Miami Dolphins.
A fusión NFL-AFL A mediados dos anos 60 a tensión chegou ao seu límite. A competición que enfrontaba a ambas as ligas para a adquisición de xogadores, incluíndo Drafts colexiais diferentes, levou a incrementos salariais considerables. En 1965, nunha das loitas máis disputadas, con saldo a favor do AFL, o quarterback da Universidade de Alabama Joe Namath asinou cos New York Jets preferíndoos antes que aos St. Louis Cardinals da NFL por unha marca salarial de $427.000. En 1966, o xerente da AFL Al Davis púxose como obxectivo realizar unha campaña para quitar xogadores á NFL, sobre todo quarterbacks, mais, ás súas costas, varios propietarios de distintos equipos empezaron a tomar contacto para pór fin a esa fría rivalidade entre as dúas grandes ligas.
Nun acordo formalizado polo fundador da AFL Lamar Hunt e o xerente dos Dallas Cowboys Tex Schramm, as dúas ligas anunciaron oficialmente a súa fusión o 8 de xuño de 1966. As ligas terían un Draft común e organizarían un partido de final de tempada que decidise o campión de entre ambas as ligas (posteriormente chamaríase Super Bowl), que co pasar dos anos se convertería no máis alto símbolo do fútbol americano e a celebración que máis espectadores convoca cada ano a nivel mundial. Aínda houbo unha cidade máis que recibiría unha franquía grazas á AFL, Nova Orleáns, que foi obsequiada cun novo equipo na NFL pola aprobación da Public Law 89-800 impulsada por Congresistas federais de Luisiana, que permitía a fusión e que desautorizaba toda excepción relacionada con restricións anti-monopolistas. En 1970, as ligas fusionáronse totalmente nunha nova adoptando o nome actual de National Football League, dividíndose en dúas Conferencias cun número igual de equipos cada unha. Houbo tamén un acordo financeiro polo que os equipos da AFL pagarían un total en conxunto de $18 millóns durante 20 anos. Tamén houbo unha obxección por parte de moitos afeccionados da AFL a respecto da perda, con motivo da fusión, da identidade da súa liga, o seu logo e o seu nome.
A NFL actualmente miniatura|300px|Partido da NFL de 2005 entre os Tennessee Titans e os Houston Texans no Reliant Stadium, casa dos Texans. A NFL continuou crecendo, expandíndose varias veces até a súa actual estrutura de 32 franquías, mentres que a Super Bowl se converteu en algo máis que un simple campionato de fútbol americano. Tratándose dun dos eventos máis televisados anualmente nos Estados Unidos, converteuse nunha das principais fontes de ingresos publicitarios para as cadeas de televisión que a retransmiten e serve de catapulta aos publicistas para iniciar grandiosas campañas de publicidade de novos produtos. A NFL creceu até tal punto de ser a máis popular en canto a espectadores de todas as ligas estadounidenses.
Unha das razóns que diferenciou á NFL respecto doutras grandes ligas norteamericanas é a aparente paridade entre os seus 32 equipos. A pesar de ser testemuña de equipos dominantes de cando en vez, a liga foi citada como unha das poucas en que calquera equipo ten posibilidades reais de gañar o campionato cada ano. O acordo laboral acordado entre a liga e a Unión de Xogadores (NFLPA), que instaura un sistema de tope salarial, así como a repartición de dividendos entre tódolos equipos, impediu aos clubs máis ricos de asinar aos mellores xogadores, conseguindo así que equipos de pequenas cidades como os Green Bay Packers ou New Orleans Saints teñan a oportunidade de competir pola Super Bowl. Un dos artífices dese acordo foi o antigo xerente da NFL Paul Tagliabue, quen presidiu a liga entre 1989-2006. Cos novos acordos realizados en 1993, renovados en 1998 e 2006, a liga conseguiu manter os niveis salariais máis baixos de todas as grandes ligas estadounidenses e contribuíu a que a NFL sexa a única delas que non sufriu unha folga de xogadores paralizadora de actividades dende 1993.
Dende a chegada de Roger Goodell á presidencia da NFL na tempada 2006, estableceuse como unha prioridade regular a conduta dos xogadores. Varios xogadores de gran talento experimentaron problemas legais, dende Adam "Pacman" Jones a Michael Vick. Nestes casos en particular e noutros en xeral, o presidente Goodell castigou severamente as condutas con sancións duradeiras a quen infrinxan gravemente a política de conduta da NFL. Actualmente a liga ten oficinas en dúas cidades. A oficina principal atópase en Nova York e debido á popularidade da NFL nos estados do Sur e o Sueste, hai unha segunda oficina en Nashville.
Estrutura da tempada NFL Draft Durante o mes de abril, os distintos equipos da NFL buscan engadir aos seus persoais xogadores universitarios a través do "draft da NFL", oficialmente chamado NFL Annual Player Selection Meeting, e que vén celebrando cada ano na cidade de Nova York desde 1965.
O sistema de elección é o seguinte: o equipo con peor balance de vitorias/derrotas da última tempada disputada é quen elixe primeiro, sendo o segundo en elixir o que segundo peor balance presente e así sucesivamente. Con independencia do resultado final da tempada regular, as dúas últimas eleccións resérvanse para os dous equipos que disputaron a Super Bowl, sendo o seu gañador o último en escoller. O Draft consiste en sete roldas. As dúas primeiras lévanse a cabo nun sábado, mentres que as cinco restantes organízanse o domingo. Os equipos teñen un tempo limitado para escoller os xogadores. Se non escollen no tempo predeterminado, pasan a súa quenda aos equipos seguintes. Isto ocorreulle por exemplo aos Minnesota Vikings en 2003.Off-season Overview: Minnesota Vikings
Os equipos teñen a posibilidade de intercambiar as súas eleccións con outros equipos xa sexa por outras eleccións ou por xogadores, diñeiro ou unha combinación de todas as anteriores. Así como os traspasos de xogadores por xogadores son infrecuentes durante o resto do ano (en comparación con outras ligas deportivas), os intercambios son máis frecuentes a fin de semana do Draft. En 1989, os Dallas Cowboys traspasaron ao running back Herschel Walker aos Minnesota Vikings por cinco xogadores e seis eleccións de Draft para un período de 3 anos. Os Cowboys usarían tales eleccións para intercambialas de novo por novos xogadores e máis eleccións. Consecuencia directa dese traspaso, draftearon a moitas das estrelas que máis tarde axudarían a Dallas a conseguir tres Super Bowls na década dos 90, entre os que se atopaban Emmitt Smith, Russell Maryland e Darren Woodson.
A primeira elección do Draft acostuma centrarse no mellor xogador universitario do momento. Porén, en moitas ocasións os equipos draftean máis en función das necesidades do seu persoal que baseándose no potencial do xogador. Con todo, considérase unha grande honra saír elixido na primeira rolda, e unha honra aínda máis grande, resultar ser o número un do Draft. A última elección, na sétima rolda, é coñecida como Mr. Irrelevant (Sr. Irrelevante) e ten como conmemoración unha cea en Newport Beach (California).