José Mário dos Santos Mourinho Félix, OIH, nado en Setúbal o 26 de xaneiro de 1963, é un exfutbolista e actual adestrador de fútbol portugués. Xogaba de centrocampista.
Durante dous anos consecutivos (2004 e 2005), Mourinho foi nomeado o mellor adestrador de fútbol do mundo pola Federación Internacional de Historia e Estatística de Fútbol (IFFHS). Ademais da súa exitosa traxectoria, é coñecido no mundo futbolístico polas súas frecuentes polémicas e enfrontamentos con outros profesionais deste deporte.
É un dos cinco adestradores que foron campións da Liga de Campións da UEFA con 2 equipos distintos (Porto e Inter de Milan).
Como primeiro adestrador comezou a súa carreira no Benfica e os seus primeiros éxitos importantes conseguiunos co Porto, entre eles unha Liga de Campións. Entre o 2004 e o 2007 adestrou o Chelsea inglés, etapa trala que foi contratado polo club italiano Inter de Milán por tres temporadas cobrando unha cifra millonaria de 9 millóns de euros por ano. Tras conseguir con este club, entre outros títulos, unha Liga de Campións, fichou polo Real Madrid. Tras tres tempadas en Madrid, Mourinho regresou ó Chelsea en xuño de 2013.
Carreira Primeiros anos José Mourinho é fillo de Félix Mourinho, quen na súa xuventude xogou ao fútbol na posición de porteiro, e na súa idade adulta fixo de adestrador de fútbol, e súa nai foi María Julia, que traballaba como profesora nunha escola en Portugal. O seu contorno familiar caracterizouse por ter unha gran tradición futbolística, pois na súa infancia José Mourinho vía xogar a seu pai como porteiro, ademais de que seu avó foi presidente do club de fútbol Vitória de Setúbal. Desde pequeno, José mostrou aptitudes para a condución e a organización dun equipo de fútbol, pois foi desde unha idade temperá que el facía xa informes e expedientes para os xogos que dirixiría seu pai.
El estudou no ISEF (Instituto Superior de Educação Física), unha escola de educación física en Lisboa que hoxe é a Facultade de Motricidade Humana da Universidade Técnica de Lisboa. Un pouco antes desa época, Mourinho tivo un altercado cun mestre de matemáticas na escola media. Isto propiciou que tardase en graduarse, pois este incidente sucedeu durante o último ano da súa educación media. José tivo que deixar a escola, pero regresou decontado para pasar o exame de matemáticas e completar o 12º grao. Durante o lapso en que José non asistiu á escola, súa nai -que en realidade quería que el estudase Administración en vez de Educación Física-, inscribiuno nunha escola privada de Administración. Porén José notou desde o primeiro día que non tería ningún futuro nesa profesión, e ese mesmo día deixou a escola de Administración. Uniuse ao seu pai en Vila do Conde, onde este era o director técnico do Rio Ave F.C. Ao ano seguinte Mourinho logrou ingresar no ISEF. Cinco anos despois, obtivo o grao en Educación Física, con especialidade en Metodoloxía en Deportes.
Mourinho completou o curso da UEFA para director técnico de fútbol en Escocia para logo regresar a Portugal para traballar como adestrador nunha escola secundaria.
Posteriormente Mourinho deixou o seu traballo como adestrador escolar ao recibir un convite para traballar co adestrador Manuel Fernández no Estrela de Amadora. Nos anos 90, regresou ao seu lugar de orixe como asistente no Vitória de Setúbal. Máis tarde Mourinho comezou a ser coñecido coma o tradutor, debido ao seu traballo ao lado de Sir. Bobby Robson. Con el José desempeñou como tradutor (tecnicamente era o seu intérprete), primeiro no Sporting e logo no FC Porto.
O portugués seguiu a Robson cando este último partiu ao Barcelona en 1996. Alí Mourinho mellorou os seus coñecementos de español. Cando Robson deixou o equipo blaugrana para dirixir o PSV Eindhoven de Holanda, Mourinho permaneceu no Camp Nou para traballar co técnico que substituíu a Robson, o holandés Louis van Gaal. Conforme transcorría o tempo, Mourinho comezou a participar activamente nas sesións de adestramento e nas reunións onde se discutían cuestións tácticas, incluso chegou a dirixir o FC Barcelona B.
Benfica e União de Leiria José Mourinho decidiu que ao finalizar a tempada 1999-2000 co FC Barcelona terminase tamén o seu ciclo como asistente de adestrador. Debido a isto, regresou a Portugal para dirixir algún equipo dese país. A tempada 2000-2001 comezou e el atopábase desempregado. A súa oportunidade de converterse en director técnico finalmente chegou en setembro do 2000, cando João Vale e Azevedo lle ofreceu o posto de adestrador dun dos clubs máis importantes de Portugal, o Benfica de Lisboa. Mourinho substituíu a Jupp Heynckes na cuarta xornada da Super Liga portuguesa. Mourinho escolleu a Carlos Mozer, un defensa retirado pero respectado no Benfica, como o seu asistente.
Mentres no plano deportivo Mourinho e Mozer se volvían populares, especialmente logo de venceren por 3-0 os eternos rivais, o Sporting, a elección do corpo directivo do Benfica non favoreceu ao entón presidente João Vale e Azevedo. O novo presidente electo do club foi Manuel Vilarinho, quen tomou posesión cun novo proxecto para o equipo que incluía a outro adestrador, Toni, unha lenda para o club e admirado polos fans. Aínda que Vilarinho non tiña a intención inmediata de botar a Mourinho, este decidiu solicitar unha extensión de contrato a metade da tempada, pois o contrato asinado con João Vale e Azevedo era só dunha tempada coa posibilidade de estendelo a catro anos só se Azevedo gañaba as eleccións. O novo presidente do Benfica rexeitou a solicitude. Mourinho deixou o Benfica (despois de tan só nove xornadas dirixindo ao equipo) o 5 de decembro do 2000.
Vilarinho dixo tempo despois nunha entrevista que se Mourinho permanecese no club e gañase a Liga portuguesa, el podería terlle estendido o contrato. Porén, para Mourinho as cousas non resultaban tan sinxelas, pois traballar baixo unha nova directiva que publicamente afirmaba que o seu proxecto o levaría a cabo Toni, non resultaba de ningunha maneira cómodo. Mourinho puxo nos seguintes termos os motivos polos que pediu unha extensión de contrato: "Era todo ou nada. Amo o meu traballo e desexaría permanecer nese club. Eles xa tiveran o tempo suficiente para coñeceren o meu traballo e os meus métodos, así que o único que pedía eran as condicións necesarias para traballar. Ou garantíanme esas condicións ou eu deixaba o equipo. Despois do 3-0 sobre o Sporting xa podían tomar unha decisión. Era a única forma de saber se era unha posibilidade real para min o seguir co posto ou debía soamente esperar a que chegase o meu sucesor. A cuestión era tomar unha decisión, eles ou eu nese momento."
Mourinho quedou novamente desempregado. Houbo rumores sobre unha posible contratación por parte do Sporting que nesa mesma semana despediu o seu adestrador Augusto Inácio trala dolorosa derrota ante o Benfica. José non volveu dirixir un equipo ata a seguinte tempada, a 2001-2002, ao poñerse a fronte do União de Leiria, un equipo non moi popular de media táboa, que da man de Mourinho chegou ao quinto lugar da táboa xeral a metade de tempada, precisamente só un posto por debaixo do Benfica. Mourinho novamente deixou o club que dirixía, nesta ocasión debido a unha circunstancia moi distinta, unha oferta para dirixir un club máis importante na Super Liga portuguesa
FC Porto
Mourinho foi o elixido en xaneiro do 2002 polo FC Porto (FCP) para substituír a Octávio Machado como adestrador, debido aos malos resultados do equipo, a insatisfacción que reinaba debido a que o club estaba case fóra da loita polo título de liga e estaban ao bordo de non se clasificaren para ningunha competición europea. Mourinho guiou o club ata o terceiro lugar da táboa dirixindo 15 partidos (11 triunfos, 2 empates e 2 derrotas) e prometeu que o club gañaría o título no seguinte torneo.
Mourinho identificou rapidamente aos xogadores que poderían ser a espiña dorsal da aliñación perfecta para o FC Porto: Ricardo Carvalho, Costinha, Deco, Dmitri Alenichev e Postiga. El devolveulle o brazalete de capitán a Jorge Costa. Este fora cedido por seis meses ao Charlton Athletic (após unha disputa con Machado). As contratacións dese verán incluíron a Nuno Valente e Derlei do Leiria, Paulo Ferreira do Vitória Setúbal, Pedro Emanuel do Boavista FC e Edgaras Jankauskas e Maniche, os cales remataban o contrato nese ano co Benfica. Maniche estivera incluso nas reservas do Benfica.
Durante a pretempada, Mourinho publicou no website do club os informes detallados dos adestramentos do equipo. Os informes estaban cheos de vocabulario formal. Por exemplo, el referiuse a unha práctica de xogo de 20 quilómetros como un exercicio aeróbico estendido. Mentres algúns se burlaban con desdén desta acción, outros alabárono pola innovación e por levar un tratamento máis científico ás vellas formas de adestramento que se practicaban en Portugal. Un dos aspectos máis importantes para Mourinho no FC Porto era a presión que debía exercer o seu equipo. Cando iniciaba unha liña ofensiva, el chamábaa "pressão alta" ("presión alta"). As habilidades físicas e combativas dos defensores e os mediocampistas como Derlei, Maniche e Deco permitíronlle ao FC Porto aplicar presión ás liñas ofensivas e forzar os rivais a concederen a pelota ou a probaren os pases por moito máis tempo.
No 2003, Mourinho gañou a súa primeira Super Liga cun récord de 27 triunfos, 5 empates e 2 derrotas, con once puntos de diferenza sobre o Benfica. O equipo atinxiu un total de 86 puntos de 102 posibles, o cal era un récord para a liga portuguesa desde a introdución da regra de tres puntos por triunfo. Mourinho rompeu o récord de 85 puntos logrado polo propio FC Porto na tempada 1996/97. Mourinho tamén gañou a Copa Portuguesa (contra o seu antigo club o Leiria) e a Copa da UEFA na final celebrada en maio do 2003 en Sevilla contra o Celtic de Glasgow.
A seguinte tempada foi a de máis éxito do FC Porto, pois logrou o seu título número 20 da Super Liga portuguesa. O club logrou un rexistro case perfecto xogando de local, con oito puntos de vantaxe sobre o seu máis próximo perseguidor e con só unha derrota ante o Gil Vicente FC. O FC Porto asegurou o título desde cinco xornadas antes de que a tempada concluise, mentres se mantiñan competindo ao mesmo tempo na Liga de Campións. O FC Porto perdeu a Copa da liga portuguesa ante o Benfica en maio do 2004, pero dúas semanas despois Mourinho gañou o trofeo máis importante a nivel de clubs en Europa, a Liga de Campións, cunha vitoria de 3-0 sobre o Mónaco de Francia na Arena AufSchalke en Gelsenkirchen, Alemaña. O club eliminara antes o Manchester United, o Olympique de Lyon, e mais o Deportivo da Coruña. O club só perdeu un partido contra o Real Madrid na rolda de grupos.
Mentres Mourinho ficaba no FC Porto, foi vinculado con algúns dos grandes clubs europeos, incluíndo o Liverpool e o Chelsea. Mourinho declarou publicamente a súa preferencia por dirixir o Liverpool por riba do Chelsea. Declarando que: Mourinho would prefer Liverpool The Daily Telegraph 23 April, 2004
Chelsea FC Mourinho chegou ao Chelsea en xuño do 2004, converténdose no director técnico mellor pagado no mundo cun soldo de £4.2 millóns ao ano. Un ano despois renovou o seu contrato para gañar £5.2 millóns anuais.
Na primeira conferencia como técnico do Chelsea, é dicir, a súa presentación ante a prensa inglesa, Mourinho gañou notoriedade polas súas palabras: Por favor, non me chamen arrogante, pero son campión europeo e penso que son un tipo especial. Ante isto os medios británicos alcumárono The Special One.What Mourinho said BBC Sport 02 June, 2004