Georg Friedrich Händel, nado en Halle o 23 de febreiro de 1685 e finado en Londres o 14 de abril de 1759, foi un compositor musical de orixe alemá nacionalizado inglés, considerado un dos cumes do Barroco e un dos mellores compositores da música occidental. É, na historia da música, o primeiro compositor moderno en adaptar e enfocar a súa música para satisfacer os gustos e necesidades do público, en vez dos da nobreza e dos mecenas.

Está considerado o sucesor e continuador de Henry Purcell, e marcou toda unha era na música inglesa, sendo o compositor máis importante entre Purcell e Elgar en Inglaterra. Foi o primeiro gran mestre da música baseada na técnica da homofonía, así como da ópera seria italiana e o oratorio.

O seu inmenso legado musical, síntese dos estilos alemán, italiano, francés e inglés da primeira metade do século XVIII, inclúe obras de practicamente todos os xéneros da súa época, onde as súas 43 óperas, 26 oratorios e o seu legado coral son o máis sobresaliente e importante da súa produción musical.

Traxectoria Primeiros anos miniatura|275px|Rexistro de bautismo de Händel. miniatura|275px|A casa de Händel en Halle, actualmente un museo e un importante centro de estudos sobre a súa obra. Händel naceu o 23 de febreiro de 1685 en Halle, o mesmo ano no que naceron Johann Sebastian Bach e Domenico Scarlatti. Era fillo de Georg Händel e a súa segunda esposa, Dorothea Taust. A súa familia era oriúnda de Breslau, e entre os seus devanceiros había moitos ferreiros e funileiros. O seu avó Valentine Händel mudouse a Halle, e os seus dous fillos continuaron a profesión familiar, mais o terceiro, o pai do compositor, converteuse en barbeiro-cirurxián. O seu avó materno era pastor luterano, tamén unha tradición familiar. Händel tivo seis medio irmáns do primeiro matrimonio do seu pai, un irmán, que morreu despois de nacer, e dúas irmás. Cando Händel naceu, Halle era unha cidade provinciana, sen grande actividade cultural. O seu pai conseguira un bo emprego nas cortes do duque de Weissenfels e do marqués de Brandenburgo, conseguira un óptimo nivel de vida e comprara unha gran casa que actualmente é o centro cultural e museo Casa de Händel, mais estaba constantemente viaxando entre ambas as cidades, e non parecía ver a arte con bos ollos. Considerándoa unha perda de tempo, planeou para o seu fillo unha carreira como avogado. Con todo, Händel mostrou dende cedo aptitudes para a música, no que foi apoiado pola súa nai.

Non se sabe con seguridade como iniciou a súa aprendizaxe musical. A tradición a este respecto di que practicaba ás agachadas do seu pai cunha espineta estragada que había na súa casa, que non emitía son, mais puido aprender algo da súa nai, que como filla dun pastor debía ter algunha educación musical, ou mesmo na escola puido recibir algúns rudimentos na arte. De calquera xeito, con sete anos Händel xa posuía un dominio considerable do teclado. Nese momento, acompañando ó seu pai nunha das súas visitas a Weissenfels, conseguiu ter acceso ao órgano da capela do duque, e para a sorpresa de todos deu probas da súa habilidade. Entón o duque insistiu en que o neno recibise unha educación musical regular. Consentindo, o pai púxoo baixo a supervisión de Friedrich Wilhelm Zachow, organista da igrexa de Nosa Señora, en Halle, aprendendo teoría e composición, órgano, violín, clavicémbalo e óboe, amais de estudar a obra de compositores célebres para adquirir un sentido do estilo. Nos tres anos nos que estudou con Zachow copiou gran cantidade de música doutros mestres, compuxo un motete por semana, e ocasionalmente substituía o seu profesor ao órgano da igrexa. Ao final deste período, o seu mestre dixo que xa non tiña nada máis que lle puidese ensinar. O seu primeiro biógrafo, John Mainwaring, dixo que nese momento foi mandado a Berlín, onde coñecería músicos distinguidos e gañaría a admiración de todos polas súas capacidades de improvisación ao órgano e ao clavecín, mais investigacións posteriores consideran esta opción moi improbable. É posible que asistise a óperas en alemán en Weissenfels, onde o duque abrira un teatro.

Hamburgo miniatura|Debuxo da Ópera de Hamburgo en 1726. O seu progreso foi interrompido cando seu pai morreu en 1697 deixando a familia nunha precaria situación financeira, e Händel tivo que conseguir un traballo para sustentalos. A viaxe a Berlín que Mainwaring situou en 1696, probablemente aconteceu en 1698, e de acordo con Lang exerceu un impacto decisivo sobre a súa futura carreira, aínda que non se tivera manifestado de inmediato. A cidade era unha metrópole musical grazas ao interese da Electora Sofía Carlota, máis tarde raíña da Prusia, que reuniu na súa corte un grupo de destacados compositores, de visita ou residentes, como Agostino Steffani, Attilio Ariosti, Giovanni Bononcini, Arcangelo Corelli e outros. Händel entrou en contacto con eles e admirou a súa música. Tocando na corte, causou unha forte impresión na Electora, e segundo os relatos foille ofrecida unha bolsa de estudos en Italia, que tería sido rexeitada pola súa familia. En 1701 Georg Philipp Telemann visitou Halle e procurou coñecer o xove músico, de quen tiña escoitado boas referencias, dando inicio a unha amizade que perdurou ao longo de toda a vida. En 1702 conseguiu o posto de organista na calvinista cátedra de Halle, na condición de candidato a proba e, tentando honrar a memoria e o desexo do seu falecido pai, comezou a estudar dereito, mais abandonou as clases. En 1703, cando estaba a punto de ser confirmado no posto de organista, renunciou ao traballo e marchou a Hamburgo, que nesa época era un dos maiores centros operísticos de Alemaña. Segundo o testemuño de Johann Mattheson, a quen encontrou en Hamburgo, á súa chegada á nova cidade Händel xa era quen de escribir longas cantatas, mal estruturadas no que se refire á forma e nun estilo anticuado, mais en todo correctas no que respecta á harmonía; no que respecta á fuga e ao contrapunto, afirmou que sabía máis que Johann Kuhnau, un mestre destacado da xeración anterior. Mattheson era catro anos máis vello que Händel, inmediatamente fixeron amizade e Mattheson, considerándoo unha especie de protexido, introduciuno na fervente vida musical de Hamburgo. En agosto dese mesmo ano ambos viaxaron a Lübeck para procurar o posto de organista da igrexa, sucedendo a Dietrich Buxtehude, mais entre os requisitos para o cargo estaba o de casar coa filla de Buxtehude, que era moito máis vella ca eles, e ambos desistiron. De volta en Hamburgo, posiblemente pola intervención de Mattheson, Händel ingresou na orquestra da ópera local, asumindo o posto de violinista, onde logo se faría notar o seu talento. Nunha ocasión, en ausencia do director, ocupou o seu lugar, e tivo tanto éxito que lle foi adxudicado o cargo. Permaneceu como líder da orquestra durante tres anos, e en 1705 compuxo a súa primeira ópera, Almira, coa axuda de Mattheson. A ópera foi estreada con Mattheson cantando o papel de Antonio, e como este músico tiña unha inclinación ao exhibicionismo, cando o seu personaxe morría, asumía a dirección, quitándolle o posto Händel. Nunha das interpretacións Händel negouse a entregar o posto, a isto seguiulle unha discusión e ambos acabaron baténdose en duelo. Por fortuna a espada de Mattheson quebrou ao bater nun botón de metal da roupa de Händel, e o duelo terminou. Despois reconciliáronse, e Mattheson cantou o papel principal doutra ópera de Händel, escrita ás presas para a mesma tempada, Nero, que se converteu nun fracaso de público. Quizais esta foi a causa da súa dimisión da orquestra pouco despois, mais por outra banda o director da ópera aparentemente deixara a administración do teatro nunha situación difícil, con gastos excesivos, e puido haber un recorte de persoal por motivos económicos, aínda que as circunstancias non están claras.

A amizade con Mattheson chegou deste xeito á súa fin, e pouco se sabe sobre a súa vida posterior en Hamburgo. Ao parecer viviu dando clases de música, e en 1706 recibiu o encargo doutra ópera, que só foi estreada dous anos despois, dividida en dúas pola súa extensión excesiva, Der beglückte Florindo, e Dafne, que se acabaron perdendo. Mais antes da súa estrea el xa partira en dirección a Italia. O motivo desa viaxe puido ser a dificultade para atopar un bo traballo logo da confusión que se instalara na ópera da cidade, mais de acordo con Mainwaring, Händel fora convidado polo príncipe italiano Xoán Gastón de Médici. Quizais foi resultado de ambos os factores. De calquera xeito decidiu ir, mais non se sabe certamente cando aconteceu. As seguintes novas que se teñen del datan de xaneiro de 1707, cando xa se encontraba en Roma.

Italia miniatura|esquerda|230px|Retrato de Händel na súa tempada en Italia. Na época da súa chegada a Roma, a cidade era un dos maiores centros artísticos de Europa, tiña unha nobreza ilustrada e cosmopolita, e un ambiente cultural de horizontes moito máis vastos que os que coñecera ata aquela, e en comparación Hamburgo parecía provinciana. Mais o papa prohibira a produción de óperas, consideradas inmorais, e a vida musical da cidade xiraba en torno á música instrumental, e principalmente dos oratorios, cuxo estilo era totalmente operístico mais trataban temas sagrados. O maior patrón da música era o daquela cardeal Pietro Ottoboni, que reunía semanalmente no seu palacio un grupo de personalidades para debater sobre arte e escoitar música. Nese círculo de coñecedores Händel encontrouse con músicos como Arcangelo Corelli, Bernardo Pasquini e Domenico Scarlatti. A finais de 1707 foi a Venecia, onde deu varios concertos. En abril do ano seguinte estaba de novo en Roma, como hóspede do príncipe Ruspoli, para quen escribiu o oratorio La Resurrezione, estreado o 8 de abril cunha montaxe suntuosa. Axiña escribiu a cantata sacra Il Trionfo del Tempo e del Disinganno para o cardeal Ottoboni, e puido asistir como visitante a reunións na Accademia dell'Arcadia, un círculo moi pechado de eruditos e artistas célebres, no cal non foi admitido. Mais a súa fama xa estaba estabelecida, e o cardeal Pamphilij escribiu unha oda louvando o artista, comparándoo a Orfeo, posta en música polo propio Händel.

Visitou Nápoles, onde en xuño de 1708 compuxo unha cantata pastoral para o casamento do duque de Alvito, e seguiu de novo cara a Venecia, onde o 26 de decembro de 1709 estreou a súa ópera Agrippina, cun grande éxito; a cada pausa a platea irrompía en aplausos, berros de viva! e outras expresións de aprecio. A pesar das perspectivas altamente prometedoras para unha carreira italiana, en 1710 mudouse a Hannover, onde asumiu o cargo de mestre de capela na corte do Elector Georg I Ludwig. Mais así como chegou pediu permiso para viaxar, e partiu cara a Düsseldorf, e deseguido a Londres.

Inglaterra miniatura|Händel, esquerda, e o rei Xurxo I no río Támese, 17 de xullo de 1717, por Edouard Hamman (1819-88).