miniatura|dereita|Hamsun, en 1890.

Knut Hamsun, nado como Knut Pedersen en Lom o 4 de agosto de 1859 e finado en Grimstad o 19 de febreiro de 1952, foi un escritor noruegués. Recibiu o premio Nobel de Literatura en 1920. Acadou sona especialmente pola súa novela Sult ("Fame"). Xunto con August Strindberg, Henrik Ibsen e Sigrid Undset deu sona á literatura escandinava a comezos do século XX. Porén, a súa popularidade decaeu tras o seu apoio á figura de Adolf Hitler.

Traxectoria Naceu no medio rural, no sur de Noruega. Con tres anos a súa familia mudouse a Hamarøy, preto do Círculo Polar Ártico, mais a familia non chegou a integrarse.. Exerceu diversos oficios durante a súa vida, errante e aventureira. En 1882 trasladouse aos Estados Unidos de América, onde permaneceu en dúas etapas até 1888. Froito da súa experiencia como emigrante en 1889 publicou Fra det moderne Amerikas Aandsliv ("A vida espiritual da América moderna"), cunha crítica irónica e amarga da vida nese país, se ben máis adiante renegaría deste texto, considerándoo moi pobre e infantil.

En 1888 escribiu a novela que lle daría sona, Sult ("Fame"), narración con trazos autobiográficos que trata a historia de fame, pobreza e camiño á loucura dun xornalista acosado polos importantes desaxustes físicos e psicolóxicos. A obra comezou a publicarse en 1888 de forma anónima na publicación periódica Ny Jord. En varios aspectos, esta novela presaxia os escritos de Franz Kafka e outros novelistas do século XX, que exploraron a loucura da condición humana contemporánea.

De novo tivo inclinacións anarquistas, mais cun matiz antiigualitario e racialista. En Fra det moderne Amerikas Aandsliv (1889) expresou o seu rexeitamento cara á mestizaxe: «Os negros son e seguirán sendo negros, unha incipiente forma humana dos trópicos, órganos rudimentarios no corpo da sociedade branca. En vez de fundar unha elite intelectual, Estados Unidos estableceu un criadeiro de mulatos». Despois da segunda guerra Bóer, adoptou puntos de vista cada vez máis conservadores. Chegou a ser coñecido como un destacado defensor de Alemaña e a cultura alemá, así como un opoñente ao imperialismo británico e a Unión Soviética.

miniatura|Retratado por Hans Heyerdahl (1903).

A súa admiración pola vida bucólica e o seu rexeitamento pola gran cidade levárono a pasar grandes etapas da súa vida nunha cómoda cabana do bosque, onde apenas deixaba entrar á súa muller cando estaba a escribir.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas Biografía de Hamsun

Categoría:Escritores en lingua norueguesa Categoría:Premio Nobel de Literatura Categoría:Nados en 1859 Categoría:Finados en 1952 Categoría:Nados no condado de Innlandet