María Socorro Cea Vázquez, nada en Melide o 1 de abril de 1970, é unha mestra e política galega vinculada ao BNG.

Traxectoria A súa primeira aparición en política foi en 1999 ocupando o posto número cinco da candidatura do BNG de Melide, sen resultar elixida. En 2003 encabezou a candidatura nacionalista e pasou de 2 a 4 concelleiros, reforzándose como alternativa ó goberno do PP. Nese mandato foi designada deputada provincial, durante o cal foi voceira do BNG na Deputación. A finais de 2003 foi elixida membro do Consello Nacional e da Executiva Nacional do BNG, responsabilidades que abandonou a finais de 2006 para dedicarse por completo á política municipal.

Nas eleccións municipais de 2007 preséntase por segunda vez como cabeza de lista do BNG, obtendo seis concelleiros o que fai perder a maioría absoluta ao PP. En xuño de 2007 foi elixida alcaldesa de Melide co apoio do único concelleiro do PSdeG-PSOE, con quen gobernou ata o final da lexislatura. Nas municipais de 2011 perdeu a alcaldía en favor do PPdeG, que logrou a maioría absoluta. En abril de 2012 renunciou como portavoz e concelleira.

Regresou ao ensino despois de nove anos de excedencia dedicados de xeito intenso á política como voceira do BNG. A pesar de deixar a política activa en 2012, nunca abandonou a súa militancia nacionalista e segue sendo unha activista cultural e política; así como unha loitadora comprometida coa causa feminista, ecoloxista, xustiza social e memoria.

Vida persoal

Está casada dende 1995 co escritor Xosé de Cea (Xosé García Rodríguez) e ten dous fillos.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Melide

Ligazóns externas Biografía en galegos.info

Categoría:Alcaldes de Melide Categoría:Alcaldes de Galicia polo BNG Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Deputados provinciais da Coruña Categoría:Nados en Melide Categoría:Nados en 1970 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes