Carlos Torres Barallobre, nado na Coruña o 19 de xaneiro de 1934 e finado na mesma cidade o 30 de outubro de 2020, foi un futbolista e adestrador de fútbol galego, que xogaba de extremo.

Fillo do histórico extremo do Deportivo da Coruña Pepe Torres, xogou no Xuvenil e no Fabril, pero ao non mostrar interese por el o Deportivo, fichou polo Celta de Vigo en 1952. Despois dunha década xogando na Primeira División co Celta e o Espanyol, pasou polo Málaga e brevemente polo Deportivo, antes de marchar a Venezuela onde xogou no Deportivo Galicia e onde comezou a súa etapa como adestrador.

Á súa volta a Galicia adestrou á selección galega xuvenil, ao Fabril, ao Deportivo da Coruña, ao Compostela e ao Sporting Sada.

Traxectoria

Como futbolista

Comezos Comezou a xogar ao fútbol en varios equipos coruñeses como o Cantábrico da praza de Santa Catalina, o Alameda (onde coincidiu con Luis Suárez e Lázaro Candal) ou o Sin Querer. No verán de 1950 fichou polo Xuvenil e ao ano seguinte pasou ao Fabril. Aos 16 anos realizou unha xira por Portugal co Deportivo da Coruña pero non chegou a xogar ningún partido.

Celta de Vigo Estudou no colexio Labor de Vigo e en novembro de 1952, mentres estudaba Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, asinou co Celta de Vigo. Debutou na Primeira División nun partido fronte ao Sporting de Gijón no Molinón. Disputou 119 partidos co club vigués en cinco tempadas e anotou 42 goles, incluído un triplete ao Atlético de Madrid nunha histórica goleada por 8-1.

Espanyol No verán de 1957 fichou polo Espanyol de Barcelona. No partido do seu debut anotou dous goles fronte ao Valladolid e rematou a súa primeira tempada con 12 dianas. Xogou catro campañas e media máis no club catalán, disputando a Copa de Feiras e eliminando en 1961 ao FC Barcelona da Copa do Xeneralísimo nunha eliminatoria na que lle marcou dous goles a Ramallets no Camp Nou. Ese mesmo ano, nunha xira co equipo por América do Norte, sufriu unha fractura de peroné, que o mantivo afastado dos terreos de xogo un tempo. Participou tamén nas xiras do equipo por Nixeria, a Guinea Española e Libia,e viviu un descenso a Segunda. Outras lesións posteriores fórono afastando das aliñacións do club, do que acabou saíndo na metade da tempada 1962/63, na que o equipo ascendeu de novo.

Málaga En xaneiro de 1963 chegou ao Málaga, no que xogou seis partidos no que restaba de tempada e non puido evitar o descenso a Segunda. Xogou unha tempada máis no Málaga e ao remate desta volveu a Barcelona, onde se puxo ás ordes de Kubala de novo no Espanyol. Con todo, acabou fichando polo Deportivo da Coruña en xaneiro de 1965.

Deportivo da Coruña Debutou co Deportivo na xornada 20 fronte á UD Las Palmas no Estadio Insular, sendo aliñado por Luis Carniglia na dianteira titular a carón de Escolà, Veloso, Sornichero e o peruano Montalvo. Xogou no once inicial na maioría dos restantes partidos da tempada, pero non puido evitar o descenso do club a Segunda. Ao remate da campaña emigrou a Venezuela.

Deportivo Galicia En Caracas fichou polo Deportivo Galicia, onde xogou dúas tempadas, ata 1968, conquistando dúas Copas Venezuela.

Seleccións nacionais As súas boas actuacións no Espanyol levárono a xogar na selección española B, coa que xogou dous partidos, fronte a Portugal en 1958 e fronte a Turquía en 1959. Xogou tamén un partido coa selección catalá, fronte á de Berlín en 1958.

Como adestrador En Venezuela obtivo a licenza de adestrador, foi profesor nun colexio onde adestrou catro equipos de rapaces, e dirixiu tamén ao Deportivo Galicia e a aos xuvenís da selección venezolana. Ao seu regreso a Galicia substituíu a Chao á fronte da selección galega xuvenil, coa que chegou durante tres anos consecutivos ás semifinais do Campionato de España.

No verán de 1973, coa chegada de Manuel Sánchez Candamio á presidencia do Deportivo da Coruña, Torres foi elixido para ser o adestrador do Fabril, así como o segundo adestrador do primeiro equipo do club. En outubro de 1973 colleu as rendas do primeiro equipo, substituíndo ao chileno Fernando Riera, despois dun mal inicio de tempada con só unha vitoria nos primeiros oito partidos. Aínda que comezou con catro vitorias consecutivas, os resultados empeoraron a partir de aí, e foi cesado en xaneiro, despois de catro derrotas seguidas. Continuou como segundo adestrador do equipo durante as etapas de Irulegui e Naya e dende setembro de 1975 compaxinou o cargo coa súa segunda etapa como seleccionador galego xuvenil, tarefa compartida con Pepe Villar.

En xuño de 1976 converteuse no novo técnico da SD Compostela, que viña de ascender á Terceira División. Con Torres no banco o equipo santiagués logrou esa mesma tempada o ascenso á nova Segunda División B. Renovou por un ano máis e dirixiu o cadro branquiazul na súa primeira tempada na categoría pero o equipo acabou descendendo, polo que deixou o cargo ao remate da campaña 1977/78.

En agosto de 1979 fichou como adestrador do Sporting Sada. Con este equipo realizou unha xira por Venezuela en 1980. Xogou tamén ao fútbol sala no equipo Naranjas Ibáñez e ao fútbol de veteranos.

Fóra do fútbol Traballou tamén como enfermeiro e rexentou durante anos a cafetería Tres Torres na rúa Olmos da Coruña. Faleceu na cidade herculina en 2020 aos 86 anos de idade.

Vida persoal Casou con María Consuelo García Laliena, coa que tivo tres fillos: José Carlos, Mario e Laura.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do adestrador en BDFutbol .

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1934 Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Xuvenil Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do RCD Espanyol Categoría:Xogadores do CD Málaga Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Deportivo Galicia Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Deportivo Galicia Categoría:Adestradores da SD Compostela Categoría:Adestradores do Deportivo da Coruña