Juan Carlos Real Ruíz, máis coñecido como Juan Carlos, nado na Coruña o 15 de marzo de 1991, é un futbolista galego. Xoga de mediapunta no Real Murcia, da Primeira Federación.

Traxectoria

Canteira do Deportivo e Fabril (2001-2013) Nado na Coruña en 1991, Juan Carlos é froito da canteira do principal equipo da súa cidade, o Deportivo da Coruña, ao que chegou procedente procedente do Victoria CF cando aínda estaba na idade de alevín. Desde entón foi progresando por todas as categorías inferiores do club herculino. Na tempada 2009–10 empezou a xogar no Deportivo B, que naquel entón militaba na Terceira División, conseguindo no seu ano de debut o ascenso a Segunda División B, con Tito Ramallo no banco. Na tempada 2010–11, xa na categoría de bronce e con tan só 19 anos, converteuse nun xogador imprescindible para o filial branquiazul, chegando a xogar 36 partidos e marcando 4 goles. Aínda así, o Dépor B, no que xogaban entre outros Diego Rivas, Raúl Carnero, Insua, Rochela, Dani Rodríguez, Añón e Jona, non puido conseguir a permanencia, volvendo outra vez a Terceira. O 22 de xullo de 2011 chegoulle a oportunidade de debutar co primeiro equipo nun amigable de pretemporada, contra o Viveiro CF, onde formou no medio do campo xunto a Jesús Vázquez.

Deportivo da Coruña e primeira etapa no Huesca (2013-2015) Na tempada 2011–12 conseguiu marcar un total de 15 goles co Fabril. O bo rendemento fixo que debutara co primeiro equipo en partido oficial, sendo o seu primeiro encontro un partido de Copa do Rei, na vitoria do Dépor fronte o Girona FC (5–1) o 7 de setembro de 2011. En Segunda División, o seu debut produciuse no derradeiro partido da campaña 2011–12, co equipo xa proclamado campión, na vitoria fronte o Villarreal B a domicilio (0–1).

O 14 de xaneiro de 2013, no mercado de inverno, marchou cedido ao SD Huesca até o final da tempada 2012–13. No conxunto aragonés participou en 10 partidos, conseguindo marcar o seu primeiro gol como profesional nunha vitoria (2–1) do Huesca ante o Numancia en Los Pajaritos, onde bateu ao gardameta Iago Herrerín.

Tras o descenso de Deportivo a Segunda División, para a tempada 2013–14 Juan Carlos regresou ao club coruñés, onde o adestrador Fernando Vázquez lle deu bastantes minutos de xogo. Chegou a participar en 29 partidos, 19 deles como titular, sobre todo cara ao final da tempada, cando o seu equipo se xogaba o ascenso á Primeira División, obxectivo que conseguiu vencendo na penúltima xornada ao Real Jaén.

Primeira etapa no Tenerife e paso por Romanía (2015-2017) Na tempada 2014/15, co equipo en Primeira e con Víctor Fernández no banco, non contou apenas con minutos, polo que en xaneiro rescindiu o seu contrato co club e fichou polo CD Tenerife. No equipo canario xogou 19 partidos ata o final da tempada, marcando un gol. Despois de rematar o seu contrato e estar uns meses sen equipo, en xaneiro de 2016 asinou co CRF Cluj romanés. Uns meses despois da súa chegada, disputou a final da Copa de Romanía contra o Dinamo de Bucarest no Arena Națională. Marcou o primeiro gol do seu equipo e, despois de que o partido acabase 2-2, anotou o lanzamento decisivo na quenda de penaltis, dándolle así o cuarto título de Copa ao seu club.

Segunda etapa no Tenerife e Almería (2017-2019) Tras unha segunda tempada en Romanía, regresou á disciplina do Tenerife en xullo de 2017, asinando un contrato por dous anos. Foi titular durante a primeira parte da tempada 2017/18 con Pep Martí como adestrador, marcando 8 goles, pero trala chegada ao banco de Andoni Etxeberria foi relegado á suplencia, polo que ao remate da campaña rescindiu o seu contrato.

Fichou entón polo Almería, realizando unha gran campaña na Segunda División, disputando como titular case todos os partidos e marcando 10 goles.

Segunda etapa no Huesca (2019-2023) No verán de 2019 fichou polo Huesca, comezando así a súa segunda etapa no equipo aragonés. No equipo adestrado por Míchel coincidiu cos tamén galegos Mosquera, Ferreiro e o seu excompañeiro no Fabril Insua, e proclamouse campión da categoría, no que foi o segundo ascenso á Primeira División da historia do club. Na seguinte campaña disputou só 15 partidos, case todos como suplente, pero renovou o seu contrato por dúas campañas máis. Tralo descenso en 2021, militou dúas campañas máis co equipo en Segunda, tendo especial protagonismo na 2022/23, na que foi titular na maioría de encontros, anotando 8 goles.

FC Cartagena (2023-2024) En xullo de 2024 deixou Aragón despois e catro anos na comunidade, e asinou polo FC Cartagena, tamén de Segunda. Co Efesé disputou 26 partidos, nos que anotou tres goles.

Murcia (2024-) No verán de 2024 rescindiu o seu contrato co Cartagena para fichar por outro equipo murciano, o Real Murcia, da Primeira Federación.

Selección galega Foi convocado pola selección galega nas categorías sub-16 e sub-18.

Palmarés Deportivo Segunda División (1): 2011–12.

CFR Cluj Copa de Romanía (1): 2015–16.

Huesca Segunda División (1): 2019–20.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador en Soccerway

Categoría:Nados en 1991 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do SD Huesca Categoría:Xogadores do CD Tenerife Categoría:Xogadores do CFR Cluj Categoría:Xogadores da UD Almería Categoría:Xogadores do FC Cartagena Categoría:Xogadores do Real Murcia