Ramón Fernández Vidal, máis coñecido como Moncho Fernández, nado en Santiago de Compostela o 19 de outubro de 1969, é un adestrador de baloncesto galego. Histórico adestrador do Obradoiro, dirixiu o club santiagués durante 14 tempadas consecutivas (a primeira na LEB Ouro e as 13 seguintes na ACB) e ostenta o récord de maior número de campañas nun mesmo equipo da ACB. Actualmente é o adestrador do Bàsquet Girona na ACB.

Traxectoria

Comezos Nacido en Santiago de Compostela, estudou no colexio Manuel Peleteiro e comezou a xogar ao baloncesto no propio equipo do colexio, a AD Manuel Peleteiro. Ante a súa falta de aptitudes como xogador, preferiu dedicarse ás labores de adestrador, iniciándose aos 17 anos como técnico dun equipo do seu barrio, Pontepedriña.

Despois de licenciarse en Historia e de dar clases no propio colexio Peleteiro, no ano 2000 recibiu a chamada do adestrador naronés Moncho López, que lle ofreceu ser o seu axudante no Gijón Baloncesto, da Liga ACB. Tralo descenso do club en 2002, fíxose cargo el mesmo do equipo, ao que adestrou durante os seguintes dous anos na Liga LEB.

En 2005 regresou á Liga ACB para ser de novo o axudante de Moncho López, desta vez no banco do Breogán. Con todo, o equipo rematou na derradeira posición e perdeu a categoría.

Villa Los Barrios Entre 2006 e 2009 dirixiu o Club Baloncesto Villa Los Barrios na LEB Ouro, co que fixo historia ao converter a un humilde club dunha vila duns 20.000 habitantes nun serio candidato ao ascenso á máxima categoría. Clasificouse tres anos consecutivos para os play-offs de ascenso e na tempada 2008/09 conseguiu meter o conxunto andaluz na "final a catro", pero tras perder nas semifinais contra o Lucentum Alicante de Óscar Quintana, o club disolveu o seu primeiro equipo e Moncho fixo as maletas. Durante a súa etapa no Villa Los Barrios recibiu o seu alcume de "O Alquimista".

Murcia Para a tempada 2009/10 fichou polo CB Murcia, co que debutou na Liga ACB, pero foi destituído o 9 de decembro, despois de lograr só dúas vitorias en once xornadas.

Obradoiro En xullo de 2010 colleu as rendas do Obradoiro, equipo da súa cidade natal que viña de descender á LEB Ouro despois dunha soa campaña na máxima categoría en 27 anos. Na súa primeira tempada á fronte do equipo compostelán conseguiu a segunda praza de liga e acadou a final dos play-offs, onde se enfrontou ao Burgos de Andreu Casadevall. Despois de gañar os dous primeiros encontros e de perder o terceiro, o conxunto de Moncho Fernández, liderado na pista por Alberto Corbacho, gañou a cuarta contenda, obtendo así o ascenso á Liga ACB por terceira vez na súa historia (o segundo conseguido nas pistas de xogo).

Despois dun 13º posto na tempada 2011/12, na seguinte campaña o Obradoiro de Moncho Fernández conseguiu o mellor resultado da súa historia, ao rematar na oitava praza da liga, conseguindo así meterse nos play-offs polo título, onde caeu nos cuartos de final ante o Real Madrid de Pablo Laso. Tres anos despois o equipo participou como anfitrión na Copa do Rei 2016, sendo eliminado nos cuartos de final a mans do Baskonia de Velimir Perasović.

A pesar de contar cun dos orzamentos máis baixos da ACB, o Obradoiro foi conseguindo ano tras ano a permanencia, ao tempo que Moncho Fernández se convertía nunha lenda e nunha das figuras máis importantes da historia do club. A comezos da década de 2020 superou a Pablo Laso, Pepu Hernández, Javier Imbroda e Xabi Pascual como adestrador con máis tempadas nun mesmo equipo na historia da ACB. Ao remate da campaña 2023/24, o Obradoiro acabou descendendo e Moncho Fernández deixou o club despois de 14 tempadas, 13 delas de xeito consecutivo na máxima categoría. Foi sucedido no posto polo seu axudante durante todos eses anos, o tamén compostelán Gonzalo Rodríguez.

Bàsquet Girona O 16 de decembro de 2024 substituíu a Fotis Katsikaris como adestrador do Bàsquet Girona na ACB. Palmarés Obradoiro Copa Galicia (10): 2010, 2011, 2012, 2013, 2014, 2015, 2016, 2017, 2019, 2023. Copa Princesa de Asturias (1): 2011.

Notas

Categoría:Adestradores de baloncesto de Galicia Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Nados en 1969 Categoría:Adestradores do Obradoiro CAB