José Torres Mourelle, coñecido como Pepe Torres, nado en Ourense o 8 de outubro de 1901 e finado na Coruña o 19 de xaneiro de 1988, foi un futbolista e adestrador de fútbol galego. Considerado un dos mellores extremos galegos da historia, destacou especialmente no Deportivo da Coruña das décadas de 1920 e 1930.
Traxectoria Nacido en Ourense, ao pouco tempo trasladouse coa súa familia á Coruña, onde comezou a xogar ao fútbol. Xogou no Real Club Coruña ata 1919, ano no que o club desapareceu. Na tempada 1922/23 pasou polo Racing de Ferrol, co que xa disputara algúns partidos amigábeis na campaña anterior. Foi convocado coa selección galega, aínda que non chegou a xogar.
Emigrou a Cuba durante un tempo, e alí xogou no Olimpia Sporting Club, co que conseguiu un título do Campionato Nacional cubano, e no Real Iberia da Habana, xunto a outros galegos como Manuel Bergés, os irmáns Gonzalo, Edelmiro e O'Donell Lorenzo, ou o exdeportivista Cachán. Co Iberia gañou os campionatos de 1926 e 1928, e chegou a formar parte da selección cubana.
Volveu á Coruña en 1928, e en agosto xogou co Deportivo da Coruña en Riazor un partido amigábel fronte ao Celta de Vigo. Un mes despois fichou polo Sporting Lugo, do que o seu irmán Antonio era dianteiro centro e membro da directiva. Pouco despois foi contratado polo Deportivo co que disputou a tempada 1928–29, cun soldo de 400 pesetas ao mes. Foi un dos futbolistas titulares que xogaron o histórico primeiro partido do Deportivo en liga nacional fronte ao Alavés en Mendizorrotza. No Deportivo formou unha célebre liña de ataque xunto a Triana, Paco León, Chacho e Diz, e destacou pola súa velocidade, os seus centros e a súa técnica, ata o punto de ser considerado como un dos mellores futbolistas galegos da historia.
En 1932 xogou coa selección galega no Inferniño un partido contra o Racing de Ferrol en homenaxe a Manuel Rivera. En 1933, nun derbi contra o Celta de Vigo, sufriu un duro choque contra Miguel Ángel Valcárcel, o que lle provocou unha grave lesión que o acabou afastando do fútbol.
Exerceu como adestrador do Deportivo durante a tempada 1948-49.
Foi directivo do Deportivo baixo as presidencias de Daniel Chaver, Virgilio Rodríguez, Aurelio Ruenes e Enrique Gómez, e en 1954 converteuse en presidente do Fabril. Foi ademais propietario da cafetería Marineda na Rúa Real e logo do bar Astoria, en cuxo primeiro piso se atopaba a sede do Fabril.
Faleceu na Coruña o 19 de xaneiro de 1988, sendo soterrado no cemiterio de Santo Amaro.
Persoal Casou con Isabel Barallobre Barro, coa que tivo un fillo, Carlos Torres, tamén destacado futbolista. O seu irmán Antonio tamén foi futbolista e militou entre outros no Lugo Sporting e no Racing de Ferrol.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en aupadeportivo.com Datos do xogador en BDFutbol . Datos do adestrador en BDFutbol .
Categoría:Nados en Ourense Categoría:Futbolistas de Ourense Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Nados en 1901 Categoría:Xogadores do Iberia Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do Lugo Sporting Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Galicia Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Cuba Categoría:Xogadores do Real Club Coruña Categoría:Finados en 1988