miniatura|dereita|Escultura de Estanislao Reverter, Antonio Colemán e o Alpinche na cidade de Ourense (Ramón Conde, 2006).
dereita|miniatura|Rally 2003. dereita|miniatura|Vehículos participantes no rally 2022, no xardín do Posío.
O Rally de Ourense é un evento automobilístico que se leva a cabo cada ano no mes de xuño na comarca de Ourense dende o ano 1967, organizado pola Escudería Ourense.
O rally naceu por iniciativa do piloto ourensán Estanislao Reverter, que quería que en Galicia houbese unha proba como as que el disputaba no campionato europeo. Esta proba é puntuable para o Campionato de España de Rallys de asfalto dende a primeira edición de 1967, coas únicas excepcións da edición de 1973 e as de 1984 a 1988. A edición número 43 do Rally de Ourense que se disputou en 2010 foi premiada pola Federación Española de Automovilismo como a proba mellor organizada do Campionato de España de Rallys.
Historia
Anos 60 A primeira edición levouse a cabo grazas á comisión de festas da cidade de Ourense e a Estanislao Reverter, que axudou a facela puntuable para o Campionato de España. Non se lle concedeu o carácter internacional por ser a primeira edición, pero aínda así houbo pilotos estranxeiros: portugueses e italianos. Os coches que se inscribiron foron os pertencentes á categoría de Gran Turismo (preparación lixeira) e Turismo (sen preparación). Corenta e dous participantes partiron da Praza Maior da cidade, todos cunha insignia na solapa consistente nunha roda de afiar enmarcada nun volante, unha imaxe que se convertería ao longo dos anos nun símbolo da proba. O percorrido incluía oito tramos destacando o Alto do Barón, Carballiño-Cea, O Alto do Rodicio, Viana-A Gudiña. Realizouse un reagrupamento no Parador de Monterrei para iniciar posteriormente a segunda etapa, consistente en dous tramos dos que se cancelou un deles por dous accidentes. Despois da chegada a Ourense celebrouse a terceira etapa cunha subida e un slálom final, ambos os dous fóra da cidade. O gañador foi Bernard Tramont, co seu copiloto Ricardo Muñoz, que lideraron boa parte da proba cun Alpine 1300. Segundos chegaron Manuel Juncosa e Artemi Eche, cun Fiat Abarth, e terceiros Jorge e Alberto Ruiz-Giménez.
A segunda edición comezou xa coa Escudería Ourense creada, que foi a encargada de organizar o evento. O itinerario contou con once tramos, algúns novos, dous deles en terra e cunha etapa nocturna. Admitíronse vehículos das categorías Sport e Turismo e inscribíronse 56 participantes, que tomaron a saída no parque de San Lázaro, entre eles Bernard Tramont, Eladio Doncel, Alberto Ruiz-Giménez ou Manuel Juncosa. Os continuos abandonos provocaron moita alternancia no liderado da proba. Despois do último tramo ,cunha subida ao Alto do Cumial, fíxose un slálom de exhibición. Os gañadores finais foron Doncel-Llagostera, cun Porsche 911 S, segundos os italianos Ceo Filippi e Sergio Lipizer cun Lancia Fulvia HF, mentres que terceiros remataron Juncosa-Artemi, repetindo podio co Fiat Abarth 1000. Tramont, gañador o ano anterior, tivo que abandonar cando lideraba o rally.
A terceira edición contou con cincuenta e oito vehículos que tomaron a saída desde o pavillón de deportes. O itinerario contou con 14 tramos, destacando varias subidas como o Alto do Rodicio, o Alto do Couso, o Alto do Paraño, o Alto do Cumial ou o Alto de Allariz, de novo cunha etapa nocturna. A carreira foi unha loita entre o ourensán José Pavón e José María Palomo, que foron marcando os mellores tempos. Un dos tramos tivo que neutralizarse tras o accidente de Jorge Bäbler co seu BMW 2002 e finalmente foi Palomo quen logrou a vitoria por diante de Pavón, ambos cun Porsche 911 R. O terceiro foi Bernard Tramont co Alpine A-110, mentres que Eladio Doncel, gañador do ano anterior, só puido ser undécimo, de novo co Fulvia.
Anos 70 A cuarta edición celebrouse en xuño de 1970 e contou con quince tramos, o último deles disputado no circuíto do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, coincidindo coa celebración da Copa Renault 8 TS. A carreira celebrouse por primeira e única vez en domingo e luns por mor dunha festividade local e nela púxose en marcha un campionato nacional de vehículos con preparación de serie realizado por SEAT. O rally comezou co dominio inicial de José Pavón a bordo dun Porsche 911 R ata que sufriu un grave accidente no tramo Rodicio-Couso que o obrigou a abandonar, sendo trasladado ao hospital con dúas costelas rotas. A partir de aí, Ruiz Giménez liderou a proba ata o último tramo, disputado no circuíto de San Cibrao, onde trinta e un pilotos correron as tres mangas previstas. O vencedor do mesmo foi Tramont, co que se asegurou a segunda posición do rally, mentres que Juncosa foi terceiro e a vitoria foi para Ruiz Giménez. En 1971 celebrouse a quinta edición e ofrecéuselle a Presidencia de Honra ao príncipe Xoán Carlos, que a aceptou. O itinerario constou de quince tramos, algúns deles en terra, sendo o primeiro o celebrado no Alto do Rodicio, de onde partiron corenta e oito pilotos. Eladio Doncel, piloto da Escudería Repsol, foi o dominador da proba, mentres que o seu compañeiro Ruiz Giménez (cun Porsche 911 S ao igual que Doncel) tivo que conformarse co segundo posto a pesar de marcar o mellor tempo nos últimos tramos. O terceiro posto foi para o francés Tramont co Alpine A-110.
En 1972 a organización sufriu problemas coa puntuación da proba (sendo excluída do campionato de España), que sumado a outros relacionados co peche das estradas fixo que non se levara a cabo o rally. A sexta edición celebrouse polo tanto en 1973 e por primeira vez sen puntuar para o certame nacional. Este feito fixo que só se inscribisen trinta e seis vehículos dos que só vinte e dous tomaron a saída. Algúns pilotos negáronse a acudir ao saber que se disputarían tres tramos en terra. Con todo, houbo participantes do Simca Challenge e do equipo oficial FASA Renault. Na primeira etapa, José Pavón lideraba a carreira, tras unha penalización a Juan Ignacio Villacieros que o relegou ao segundo posto. Dezaoito vehículos chegaron ao reagrupamento para comezar posteriormente a segunda etapa, na que de novo houbo baixas debido á dureza dos tramos de terra e só doce participantes remataron a proba. Villacieros rompeu un palier polo que tivo que abandonar, sendo a vitoria final para Pavón. O piloto ourensán converteuse no primeiro piloto local en gañar o rally, mentres que segundo foi Luis Portela cun Lancia Fulvia HF e terceiro Juan Carlos Oñoro cun Simca 1200.
En 1974 a proba volveu ao calendario do Campionato de España e na lista de inscritos estaban os pilotos oficiais de SEAT, Juan Carlos Pradera e Antonio Zanini. Nos primeiros compases cos tramos mollados pola choiva da noite anterior, Marc Etchebers marcou os mellores tempos e liderou a carreira. Nas seccións de terra, Zanini e Pradera foron algo superiores. Na etapa nocturna Etchebers aumentou a súa vantaxe sobre os seus rivais pero volveuna perder coa choiva no tramo de Avión-Beiro. Con todo, o piloto francés mantivo o liderado e levou a vitoria co seu Porsche Carrera por diante dos SEAT 1430 de Zanini e Pradera que quedaron segundo e terceiro respectivamente. En 1975 a proba tivo un itinerario de dezaseis tramos, todos sobre asfalto e eliminando todos os de terra. Corenta e seis pilotos tomaron a saída, con Etchebers liderando dende o principio e producíndose o primeiro abandono importante, o de Pradera, que bateu o seu Alpine contra unha pedra, mentres Jorge de Bagration co seu Lancia Stratos se consolidaba na segunda posición. Na terceira etapa só vinte e tres pilotos tomaron a saída e Etchebers levou finalmente a vitoria, seguido de Bagration e Juan Carlos Oñoro.
En 1977 o rally celebrou a súa décima edición e contou cunha lista de só trinta e cinco pilotos inscritos e coas ausencias do equipo SEAT (Zanini e Cañellas). Ese ano, Estanislao Reverter marcouse o obxectivo de incluír a proba no Campionato de Europa e ademais aliñou a un equipo formado por Beny Fernández, Antonio Freire "Ventura", "Peitos" e Pío Alonso. O itinerario tiña vinte e catro tramos sendo Beny quen marcou os mellores tempos nos primeiros dezaoito polo que liderou a carreira con certa comodidade. Despois da etapa nocturna enfrontáronse á terceira e última onde só saíron vinte coches e onde o Ford Escort de Beny Fernández comezou a sufrir problemas e a perder perdeu medio minuto en cada tramo, pero logrou rematar os últimos cinco tramos e chegar ao final como gañador cunha diferenza mínima respecto a Marc Etchebers, segundo. A terceira posición correspondeu a Rafa Cid, cun Renault Alpine. En 1978 a proba foi preinscrición para o Campionato Europeo e contou coa presenza dun federativo italiano. O percorrido constou de vinte e cinco tramos e a saída realizouse dende o Estadio do Couto. Jorge de Bagratión foi o dominador da maioría dos tramos seguido de Pablo de Sousa, que logrou marcar o mellor tempo nalgunhas pero sen recortar moito tempo. Na terceira posición situábase Etchebers e os tres afrontaron a terceira etapa con certa tranquilidade e sen arriscar polo que alcanzaron a meta nas mesmas posicións.
Campionato de Europa En 1979 entrou no calendario do Campionato de Europa de Rallys. Para aumentar a participación, a organización ofreceu axudas, como bonos para os participantes que viaxaban dende lonxe, presentou a proba en Porto e a inscrición foi gratuíta. Inicialmente o rally foi un duelo entre Beny Fernández e Jorge de Bagratión ata que o primeiro se saíu da estrada na segunda etapa a só 300 m da meta dun dos tramos deixando vía libre a Bagratión que dominou a carreira ata o final. O podio completouno Ricardo Muñoz cun Porsche 911 SC e Eugenio Ortiz, cun Simca 1200 TI. Ao ano seguinte, e por segundo ano o rally volve ser puntuable para o campionato europeo e contou coa presenza do equipo Ford que participou con dous Ford Fiesta 1600 do grupo 2 para Salvador Serviá e Juan Ignacio Canela. Ese ano a organización sopesaba se seguir formando parte ou non do certame europeo debido á escasa presenza de equipos estranxeiros e á maior quilometraxe requirida. Na primeira etapa produciuse o abandono de Bagratión por perda de aceite no seu Lancia Stratos, mentres que Beny Fernández sufriu problemas no seu Opel Ascona 2000. A carreira estivo marcada polo duelo entre Eduardo Balcázar e Salvador Serviá, que fixeron os mellores tempos na maioría dos tramos, sendo finalmente a vitoria para Balcázar, que conducía un Lancia Stratos. Segundo foi Serviá e terceiro Pablo de Sousa, cun Seat 124-2000.
Gañadores
Edición Resultados2022 1º - Efrén Llarena / Sara Fernández - Škoda Fabia Rally2 2º - José Antonio Suárez / Alberto Iglesias - Škoda Fabia Rally2 3º - Alejandro Cachón / Ángel Luis Vela - Citroën C3 Rally22021 1º - José Antonio Suárez / Alberto Iglesias - Škoda Fabia Rally2 2º - Iván Ares / David Vázquez - Hyundai i20 R5 3º - José Luis Peláez / Rodolfo del Barrio - Volkswagen Polo GTI R52020 1º - Pepe López / Borja Rozada - Citroën C3 R5 2º - Iván Ares / David Vázquez - Hyundai i20 R5 3º - Alberto Monarri / Alberto Chamorro - Citroën C3 R52019 1º - Pepe López / Borja Rozada - Citroën C3 R5 2º - Surhayen Pernía / Alba Sánchez - Hyundai i20 R5 3º - Joan Vinyes / Jordi Mercader - Suzuki Swift Sport2018 1º - Miguel Fuster / Ignacio Aviñó - Ford Fiesta R5 2º - Iván Ares / José Antonio Pintor - Hyundai i20 R5 3º - Joan Vinyes / Jordi Mercader - Suzuki Swift Sport2017 1º - Cristian García / Rebeca Liso - Ford Fiesta R5 2º - Iván Ares / Álvaro Bañobre - Hyundai i20 R5 3º - Pedro Burgo / Marcos Burgo - Škoda Fabia R52016 1º - Cristian García / Rebeca Liso - Mitsubishi Lancer Evo X 2º - Iván Ares / Álvaro Bañobre - Porsche 997 GT3 3º - Pedro Burgo / Marcos Burgo - Porsche 997 GT32015 1º - Iván Ares / Álvaro Bañobre - Porsche 997 GT3 2º - Sergio Vallejo / Diego Vallejo - Porsche 997 GT3 3º - Cristian García / Rebeca Liso - Mitsubishi Lancer Evo X2014 1º - Miguel Fuster / Borja Rozada - Ford Fiesta R5