miniatura|dereita|Localización da central nuclear.
O accidente de Chernóbil foi un accidente nuclear ocorrido o 26 de abril de 1986 na central nuclear de Chernóbil, situada na República Socialista Soviética de Ucraína (actual Ucraína). Un estoupido e un incendio lanzaron grandes cantidades de contaminación radioactiva á atmosfera, que se estendeu sobre gran parte do oeste de Rusia e Europa. Está considerado o peor accidente nunha central nuclear da historia, e foi o primeiro clasificado como de nivel 7 na escala internacional de eventos nucleares (no 2011 chegou a este nivel o accidente nuclear de Fukushima). Na batalla para conter a contaminación e para evitar unha catástrofe maior participaron ao redor de 500 000 traballadores, e esta custou uns 18 billóns de rublos, paralizando a economía soviéticaDe entrevistas con Mikhail Gorbachov, Hans Blix e Vassili Nesterenko. The Battle of Chernobyl. Discovery Channel..
O desastre comezou durante unha proba do sistema na madrugada do 26 de abril de 1986 no reactor número 4 da central de Chernóbil, próxima á cidade de Pripyat. Durante a proba houbo unha repentina subida de potencia e, cando se intentou realizar unha parada de emerxencia, produciuse un pico máis extremo no aumento da potencia, que levou a unha serie de estoupidos. Estes estoupidos expuxeron ao grafito usado como moderador do reactor ao aire, causando que se incendiasePreguntas frecuentes sobre Chernóbil Axencia Internacional da Enerxía Atómica, maio de 2005 . O lume resultante enviou unha columna de fume altamente radioactivo á atmosfera, sobre unha extensa área xeográfica, incluíndo a cidade de Pripyat. A columna percorreu grandes zonas do oeste da Unión Soviética e Europa. Dende 1986 ata o 2000, 350 400 persoas foron evacuadas e desprazadas das zonas máis contaminadas de Belarús, Rusia e UcraínaTáboa 2 2 Número de persoas afectadas polo accidente de Chernóbil (ata decembro do ano 2000) , The Human Consequences of the Chernobyl Nuclear Accident, UNDP e UNICEF. Xaneiro do 2002 . Segundo datos oficiais post-Unión Soviética, ao redor do 60 % do po radioactivo caeu sobre Belarús.
miniatura|250px|O vello sarcófago do reactor 4 na central nuclear de Chernóbil en 2009.
O accidente amosou a preocupación sobre a seguridade da industria da enerxía nuclear soviética, ademais da enerxía nuclear en xeral, atrasando a súa expansión durante varios anos e forzando ao goberno soviético a ser menos reservado sobre os seus procedementos.
Rusia, Ucraína e Belarús cargaron cos enormes e continuos custos da descontaminación e sanitarios do accidente de Chernóbil. 31 mortes foron atribuídas directamente ao accidente, todas producidas entre traballadores do reactor e persoal de emerxencias. Un informe do UNSCEAR (comité científico das Nacións Unidas sobre os efectos da radiación atómica) di que o total de mortes confirmadas por radiación ata o ano 2008 é de 64. As estimacións de vítimas mortais potencialmente resultantes do accidente varían enormemente: a OMS suxire que poderían chegar a 4 000; un informe de Greenpeace fala de 200 000 ou máis; unha publicación rusa, Chernobyl, conclúe que se produciron unhas 985 000 mortes entre 1986 e 2004 pola contaminación radioactiva.
O accidente O 26 de abril de 1986, á 1:23 (UTC+3), o reactor catro sufriu un catastrófico aumento de potencia, conducindo a varios estoupidos no seu núcleo. Isto dispersou gran cantidade de combustible radioactivo e material do núcleo á atmosfera, e incendiou o grafito usado de moderador. O grafito en chamas incrementou a emisión de partículas radioactivas, transportadas polo fume, ao non estar o reactor encerrado nun compartimento de contención. O accidente ocorreu durante un experimento programado para aumentar a seguridade do reactor.
O intento de experimento Aínda cando non está activa a xeración de enerxía, os reactores nucleares requiren refrixeración, normalmente proporcionada polo fluxo de refrixerante, para eliminar a calor resultante da radioactividade. Os reactores de auga a presión usan un fluxo de auga a alta presión para eliminar a calor residual. Despois dunha parada de emerxencia, o núcleo segue xerando unha cantidade importante de calor residual, que é inicialmente un 7 % do total da produción termal da planta. Se non é eliminada por sistemas de refrixeración, a calor podería danar o núcleo .
O reactor que estoupou en Chernóbil estaba formado por unhas 1 600 canles de combustible individuais, e cada canle operativa requiría un fluxo de 28 toneladas métricas (28 000 litros) de auga por hora. Existía a preocupación de que no caso dunha interrupción da rede de enerxía, as fontes de alimentación externa non estarían dispoñibles inmediatamente para encargarse das bombas de auga refrixerante da planta. Os reactores de Chernóbil tiñan tres xeradores diésel de apoio. Cada xerador tardaba 15 segundos en poñerse en marcha, pero precisaban entre 60 e 75 segundos máis en acadar a velocidade máxima e xerar os 5 5 MW que se precisaban para alimentar á bomba principal de refrixeración.
Ese minuto de interrupción de enerxía era considerado inaceptable, e suxeriuse que a enerxía mecánica (cantidade de movemento rotacional) da turbina de vapor e a presión residual do vapor (coas válvulas da turbina pechadas) podería ser usada para xerar electricidade que alimentase as bombas principais de auga mentres o xerador acadaba as revolucións, frecuencia e voltaxe correctas. En teoría, as análises indicaban que esa cantidade de movemento residual e presión do vapor tiñan o potencial de subministrar enerxía durante 45 segundos, que pecharían a brecha de potencia entre a falta da alimentación externa e o momento no que os xeradores diésel puidesen dar a enerxía necesaria. Esta capacidade precisaba confirmarse experimentalmente, e probas anteriores remataron de forma pouco exitosa. Unha primeira proba realizada en 1982 amosou que a voltaxe de excitación da turbina xeradora era insuficiente; esta non mantiña o campo magnético desexado despois da parada da turbina. O sistema foi modificado, e a proba repetiuse en 1984 pero novamente sen éxito. En 1985, intentouse por terceira vez pero outra vez con resultados negativos. O procedemento da proba repetiríase en 1986, e foi programado para realizarse durante unha parada de mantemento do reactor 4 de Chernóbil.
A proba centrouse nas secuencias de conmutación das subministracións eléctricas para o reactor. O procedemento comezaría cunha parada automática de emerxencia. Non se agardaba ningún efecto prexudicial sobre a seguridade do reactor, polo que o programa da proba non foi coordinado formalmente, nin co xefe de deseño do reactor nin co director científico. En vez disto, foi só aprobado polo director da planta (e incluso esta aprobación non era compatible cos procedementos establecidos). Segundo os parámetros da proba, a saída térmica do reactor non podería ser menor de 700 MW ao comezo do experimento. Se as condicións da proba fosen como estaba previsto, o procedemento case seguramente se realizaría de forma segura; o desastre final foi froito dos intentos de aumentar a saída do reactor cando o experimento xa comezara, o que era incompatible co procedemento aprobado.
A central de Chernóbil estivera operando durante dous anos sen a capacidade de funcionar durante os primeiros 60–75 segundos tras unha perda total de electricidade, e polo tanto carecía dunha importante característica na súa seguridade. Os administradores da planta presumiblemente querían corrixir este feito á primeira oportunidade, o que pode explicar porque se continuou coa proba incluso cando comezaron a presentarse problemas serios, e porque a aprobación necesaria para a mesma non se solicitara ao regulador de supervisión nuclear soviético (a pesar de que había un representante no complexo dos catro reactores). miniatura|300px|Esquema dun reactor RBMK. O procedemento experimental organizaríase do seguinte xeito: O reactor tería que estar funcionando a baixa potencia, entre 700 MW e 800 MW. A turbina de vapor estaría traballando a toda velocidade. Cando esas condicións se cumprisen, pecharíase a subministración de vapor. O rendemento do xerador sería rexistrado para determinar se podería proporcionar a enerxía suficiente para as bombas de refrixeración durante ese tempo, ata que os xeradores diésel de emerxencia se acendesen e proporcionasen a enerxía para as bombas automaticamente. Despois de que a cantidade de movemento baixase das revolucións, voltaxe e frecuencia operacional, a turbina/xerador quedaría a piñón libre.
Condicións antes do accidente As condicións para executar a proba establecéronse antes da quenda de día do 25 de abril. Os traballadores da quenda recibiran instrucións por adiantado e estaban familiarizados cos procedementos establecidos. Un equipo especial de enxeñeiros eléctricos estivo presente para probar o novo sistema de regulación de voltaxe. Tal como estaba previsto, comezouse unha redución gradual da potencia da unidade á 1:06 do 25 de abril, e a potencia acadou o 50 % do seu nivel nominal de 3200 MW térmicos no comezo da quenda de día. Nese punto, outra estación eléctrica rexional quedou fóra de liña, e o regulador da rede eléctrica de Kíiv pediu que a redución de potencia en Chernóbil se pospuxese, xa que se precisaba enerxía para satisfacer o pico de demanda da tardiña. O director da central accedeu e pospuxo a proba.
Ás 23:04, o controlador de Kíiv permitiu que continuase o apagado do reactor. Este atraso tivo algunhas consecuencias serias: a quenda de día había tempo que marchara, a de tarde estaba preparándose para saír, e a de noite non se faría cargo do traballo ata a media noite. Segundo o plan, a proba debería estar rematada durante a quenda de día, e a nocturna só debería encargarse de manter os sistemas de refrixeración para baixar a calor na planta que debería estar apagada. A quenda de noite tivo un tempo limitado para prepararse para o experimento. Realizouse unha redución máis rápida da potencia do 50% durante o cambio de quenda. Alexander Akimov era o xefe da nova quenda, e Leonid Toptunov era o operador responsable do réxime operacional do reactor, incluído o movemento das barras de control. Toptunov era un enxeñeiro mozo que levaba traballando uns tres meses.
O plan da proba requiría que a potencia do reactor 4 se reducise gradualmente a un nivel térmico de entre 700 e 1000 MW. O nivel establecido no programa (700 MW) acadouse ás 00:05 do 26 de abril; porén, debido á produción natural de xenon-135, un gas moi absorbente de neutróns, no núcleo, a potencia do reactor continuou diminuíndo, sen que ningún operador actuase. Cando a potencia acadou aproximadamente os 500 MW, Toptunov inseriu por erro as barras de control demasiado lonxe, co que o reactor pasou a un estado non desexado de case-apagado. As circunstancias exactas son difíciles de coñecer, debido a que tanto Akimov como Toptunov morreron por enfermidades causadas pola radiación.
A potencia caeu ata os 30 MW (ou menos), un nivel de case parada completa, que era aproximadamente o 5 % da potencia mínima inicial establecida como segura para a proba. O persoal da sala de control consecuentemente tomou a decisión de recuperar a potencia e extraeu as barras de control do reactor, e pasaron varios minutos dende a extracción e o momento no que a potencia comezou a aumentar e se estabilizou en 160–200 MW (térmicos). Esta manobra retirou a meirande parte das barras de control, por riba dos límites permitidos, pero a pouca marxe de reacción restrinxiu calquera aumento da potencia do reactor. A rápida redución na potencia durante o apagado inicial, e a posterior operación nun nivel menor aos 200 MW levou á intoxicación do núcleo pola acumulación de xenon-135. Isto fixo necesario a extracción de máis barras de control do núcleo do reactor para contrarrestar a intoxicación.