Os elefantes son grandes mamíferos da familia Elephantidae e da orde Proboscidea. No presente, recoñécense tres especies: o elefante africano de sabana (Loxodonta africana), o elefante africano de bosque (L. cyclotis) e o elefante asiático (Elephas maximus). Os elefantes distribúense pola África subsahariana, sur de Asia e o sueste asiático. Elephantidae é a única familia sobrevivente da orde Proboscidea, e outros membros da orde, agora extintos, inclúen deinotheriidae, gomphotheriidae, mamuts e mastodontes.
Os elefantes son os maiores animais terrestres que existen, pesando até 12 toneladas e medindo por termo medio catro metros de altura. As súas características máis distintivas son os cabeiros de marfil. O macho de elefante africano, o maior animal terrestre, pode acadar unha altura de 4 m e pesar 7000 kg. Estes animais teñen numerosos elementos distintivos, como a súa longa trompa, que empregan con numerosos fins e particularmente para coller obxectos. Os seus cabeiros teñen gran tamaño, e úsanos para mover obxectos, escavar e como armas para loitar. As súas grandes orellas axúdanlles a controlar a temperatura do seu corpo. Os elefantes africanos teñen orellas grandes e o lombo cóncavo, mentres que os elefantes asiáticos teñen as orellas máis pequenas e o lombo convexo.
Os elefantes son herbívoros e poden ser atopados en diferentes hábitats como a sabana, bosques, desertos e marismas. Prefiren ficar preto da auga. Son considerados unha especie chave debido ó seu impacto no medio no que viven. Os outros animais tenden a manter as distancias, e os predadores como os leóns, tigres, hienas e cánidos xeralmente teñen como obxectivo as crías pequenas. As femias viven en grupos familiares, que poden consistir nunha única nai coas súas crías ou nun grupo emparentado de femias. Estes son liderados polo exemplar máis vello, coñecido como matriarca. Os elefantes viven nunha sociedade fisión-fusión, na que múltiples grupos familiares xúntanse para socializar. Os machos abandonan os grupos cando chegan á puberdade, e poden vivir sós ou canda outros machos. A miúdo interactúan cos grupos familiares cando buscan reproducirse e entran nun estado de agresividade coñecido como musth, que lles axuda a ser dominantes e reproducirse satisfactoriamente. As crías son o centro de atención dos grupos familiares, e dependen das súas nais durante os tres primeiros anos de vida. Poden vivir uns 70 anos en liberdade. Comunícanse entre eles mediante o tacto, a vista e o son; empregan os infrasóns para comunicarse a longas distancias. A súa intelixencia comparouse coa dos primates e a dos cetáceos. Teñen consciencia de si mesmos e amosan empatía ó morrer individuos da súa especie.
O elefante africano está clasificado como unha especie vulnerable pola International Union for Conservation of Nature (IUCN), mentres que o elefante asiático está considerado como especie ameazada. Un dos seus principais inimigos é o comercio de marfil, xa que son cazados polos seus cairos. Outras ameazas son a destrución do seu hábitat e os conflitos cos habitantes locais. Son usados como animais de traballo en Asia. No pasado foron empregados para guerra; hoxe, son comúns en zoos e en actuacións de circos. Os elefantes son animais amplamente recoñecibles e son protagonistas de moitas representacións na arte, no folclore, na relixión, na literatura e na cultura popular.
Etimoloxía A palabra "elefante" provén do latín elephantus, que é a forma latinizada do grego ἐλέφαντος (elephantos), xenitivo de ἐλέφας (elephas), probablemente dunha lingua non-indoeuropea, como o fenicio. Aparece en textos da Grecia micénica como e-re-pa e e-re-pa-to na escrita silábica Lineal B. Homero usou a palabra grega para referirse ó marfil, pero despois do tempo de Herodoto, tamén se usou para referirse ó animal. A palabra tamén aparece no inglés medio como olyfaunt (c.1300) e foi tomado do francés antigo oliphant (século XII). En suahili os elefantes son coñecidos como Ndovu ou Tembo. En sánscrito é chamado Hastin,Shoshani, J.; Shoshani, S. L. What is an Elephant? in Shoshani, J., ed. (2000). Elephants: Majestic Creatures of the Wild. Checkmark Books. ISBN 0-87596-143-6, p. 14. mentres que en hindi é coñecido como Hathi (हाथी). Loxodonta, o nome xenérico dos elefantes africanos, é unha palabra grega para "dentes oblicuos".
Taxonomía Clasificación, especies e subespecies
Os elefantes pertencen á familia Elephantidae, a única familia representante da orde Proboscidea, á súa vez pertencente á superorde Afrotheria. Os seus parentes máis próximos existentes son os sirenios (dugongos e manatís) e os hiracoideos, cos que comparten o clado paenungulata dentro da superorde Afrotheria. Os elefantes e os sirenios están agrupados no clado Tethytheria. Recoñécense tres especies de elefantes; o elefante africano (Loxodonta africana) e o elefante do bosque (Loxodonta cyclotis) da África subsahariana e o elefante asiático (Elephas maximus) do sur e sueste asiático. Os elefantes africanos teñen orellas grandes, un lombo cóncavo, pel máis engurrada, un abdome inclinado e dous apéndices a xeito de dedos no extremo da trompa. Os elefantes asiáticos teñen as orellas máis pequenas, un lombo convexo, a pel máis lisa, un abdome horizontal que ocasionalmente se afunde no medio e unha única extensión na punta da trompa. As cristas en bucle nos molares son máis estreitas no elefante asiático, mentres que os do africano teñen forma de diamante. O elefante asiático tamén ten protuberancias dorsais na cabeza e algúns parches de depigmentación na pel.Shoshani, pp. 38-41.
O zoólogo sueco Carl Linnaeus describiu o xénero Elephas e un elefante de Sri Lanka (entón coñecido como Ceilán) baixo o binomial Elephas maximus en 1758. En 1798, Georges Cuvier clasificou o elefante indio baixo o binomial Elephas indicus. O zoólogo holandés Coenraad Jacob Temminck describiu o elefante de Sumatra en 1847 baixo o binomial Elephas sumatranus. O zoólogo inglés Frederick Nutter Chasen clasificou as tres como subespecies do elefante asiático en 1940. Os elefantes asiáticos varían xeograficamente na súa cor e cantidade de despigmentación. O elefante de Sri Lanka (Elephas maximus maximus) habita en Sri Lanka, o elefante indio (E. m. indicus) é nativo do continente asiático (no subcontinente indio e Indochina), e o elefante de Sumatra (E. m. sumatranus) atópase en Sumatra. Unha subespecie discutida, o elefante de Borneo, vive no norte de Borneo e é máis pequeno que todas as outras subespecies. Ten orellas máis grandes, unha cola máis longa e cabeiros máis estreitos que o elefante tipo. O zoólogo de Sri Lanka Paulus Edward Pieris Deraniyagala describiuno en 1950 baixo o trinomial Elephas maximus borneensis, tomando como tipo unha ilustración de National Geographic. Foi posteriormente incluída baixo E. m. indicus ou E. m. sumatranus. Os resultados dunha análise xenética de 2003 indican que os seus antecesores se separaron da poboación continental hai uns 300 000 anos. Un estudo realizado en 2008 descubriu que os elefantes de Borneo non son autóctonos da illa senón que foron levados alí antes de 1521 polo Sultán de Sulu dende Xava, onde os elefantes xa están extinguidos.
O elefante africano foi nomeado por primeira vez polo naturalista alemán Johann Friedrich Blumenbach en 1797 como Elephas africanus. O xénero Loxodonta foi nomeado por Frédéric Cuvier en 1825. Cuvier escribiu Loxodonte, pero en 1827 un autor anónimo latinizou a ortografía a Loxodonta: o Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica recoñece esta como a autoridade axeitada. En 1942, dezaoito subespecies de elefante africano foron recoñecidas por Henry Fairfield Osborn, pero outros datos morfolóxicos reduciron o número de subespecies clasificadas, e na década de 1990 só se recoñeceron dúas, a de sabana (L. a. africana) e o de bosque (L. a. cyclotis), sendo este último nomeado en 1900 polo zoólogo alemán Paul Matschie. Os elefantes de bosque teñen orellas máis pequenas e redondeadas e cabeiros máis delgados e rectos que os elefantes de bosque, e están limitados na súa distribución ás áreas boscosas de África Occidental e África Central.Shoshani, pp. 42–51. Un estudo do ano 2000 argumenta para a elevación das dúas formas en especies separadas (L. africana e L. cyclotis, respectivamente) en función das diferenzas na morfoloxía do cranio. Estudos de ADN publicados en 2001 e 2007 tamén suxeriron que eran especies distintas mentres estudos en 2002 e 2005 concluíron que eran a mesma especie. Estudos posteriores (2010, 2011, 2015) apoiaron a condición do elefante de sabana e dos elefantes de bosque como especies separadas. Crese que as dúas especies se separaron hai 6 millóns de anos. e quedaron completamente illados xeneticamente nos últimos 500 000 anos. En 2017, a análise da secuencia de ADN mostrou que L. cyclotis está máis relacionado co extinto Palaeoloxodon antiquus, do que está con L. africana, posiblemente socavando o xénero Loxodonta no seu conxunto. aínda que isto está en disputa. Os elefantes pigmeos da bacía do Congo, que foron suxeridos como unha especie separada (Loxodonta pumilio) son probablemente elefantes forestais cuxo pequeno tamaño e/ou madurez precoz se debe a condicións ambientais.
Evolución e parentes extintos miniatura|dereita|Cranio de Moeritherium lyonsi no Muséum national d'histoire naturelle, París. Foron rexistrados uns 185 membros extintos e tres grandes radiacións adaptativas da orde Proboscidea. O proboscídeo máis antigo, o africano Eritherium e o Phosphatherium do Paleoceno tardío, son da primeira radiación. O Eoceno inclúe os anthracobunidae do subcontinente indio e os Numidotherium, Moeritherium e Barytherium de África. Eses animais eran acuáticos e relativamente pequenos. Posteriormente, os xéneros como Phiomia e Palaeomastodon medraron; estes últimos habitaron nos bosques e terreos arborados. A diversidade dos proboscídeos declinou durante o Oligoceno.Sukumar, R. (2003). The Living Elephants: Evolutionary Ecology, Behaviour, and Conservation. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-510778-4, pp. 13–16. Unha especie notable desa época foi o Eritreum melakeghebrekristosi do Corno de África, que ben puído ser o antepasado de numerosas especies. O comezo do Mioceno presenciou a segunda diversificación, coa aparición dos Deinotheriidae e os Mammutidae. Os primeiros foron relacionados cos Barytherium, e viviron en África e Eurasia,Sukumar, R. (2003). The Living Elephants: Evolutionary Ecology, Behaviour, and Conservation. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-510778-4, pp. 16–19. mentres que os segundos puideron ser descendentes dos Eritreum estendidos polo Norte de América.
A segunda radiación represéntase pola aparición dos Gomphotheriidae no Mioceno, que evolucionaron dos Eritreum e se orixinaron en África, espallándose por tódolos continente agás Australia e a Antártida. Os membros deste grupo inclúen ós Gomphotherium e ós Platybelodon. A terceira radiación comezou no Mioceno tardío e deu lugar á chegada dos Elephantidae, que descenden dos Gomphotheriidae.Sukumar, R. (2003). The Living Elephants: Evolutionary Ecology, Behaviour, and Conservation. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-510778-4, p. 22. O Primelephas gomphotheroides africano deu lugar aos Loxodonta, Mammuthus e Elephas. A póla Loxodonta separouse axiña, no límite entre o Mioceno e o Plioceno, mentres que os Mammuthus e Elephas diverxeron con posterioridade no Plioceno. Os Loxodonta permaneceron en África, mentres que os Mammuthus e Elephas se estenderon por Eurasia, e os Mammuthus mesmo chegaron a Norte América. Ó mesmo tempo, os Stegodontidae, outro grupo proboscídeo descendente dos Gomphotheriidae, espallouse por Asia, incluíndo o subcontinente indio, China, sueste de Asia e o Xapón. Os mamuts continuaron evolucionando en novas especies, como o mastodonte americano.Sukumar, R. (2003). The Living Elephants: Evolutionary Ecology, Behaviour, and Conservation. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-510778-4, pp. 24–27.