O grou pequeno Nome de aves de España en galego na web de SEO/Birdife (Anthropoides virgo ou o sinónimo Grus virgo) é unha especie de ave gruiforme da familia Gruidae. A súa área de distribución comprende Asia central (zona de cría), África subsahariana e o sur de Asia (áreas de invernada). Tamén hai pequenas poboacións en Chipre e Turquía.

Descrición O grou pequeno mide entre 85 e 100 cm de lonxitude e entre 1,55 e 1,80 m de envergadura. As ás e o corpo están cubertas dunha plumaxe gris. O pescozo e a cara son negros, e a parte traseira da cabeza está coroada por unha serie de plumas brancas e finas. O peito ten plumas longas e negras. Os ollos son vermellos. O peteiro e as patas son máis curtos que noutros grous debido á súa alimentación.

Os pitos teñen a plumaxe gris, fóra da parte superior da cabeza, que é de cor marrón. Os exemplares novos teñen a coloración dos adultos, aínda que a cabeza é gris.

Bioloxía e comportamento miniatura|esquerda|Grou pequeno adulto e a súa cría

miniatura|Grupo de grous pequenos emprendendo o voo. O grou pequeno habita en zonas esteparias, próximas a zonas húmidas. Durante a época de apareamento prefire os hábitats húmidos, mentres que nas zonas de invernada vive en ambientes máis secos. Aliméntase de materia vexetal, lombrigas, insectos, caracois, lagartos, ras, pequenos mamíferos e pitos doutras aves. En ocasións poden verse buscando alimento e refuxio preto de asentamentos humanos.

Esta especie migra desde a área de cría, nas pradarías centroasiáticas, até a zona de invernada, en África ou na India entre agosto e setembro. Adoitan viaxar en grupos grandes, duns 400 individuos. Durante a viaxe moitas morren de fatiga, fame ou por depredadores. Nas zonas de invernada congréganse en grandes grupos, de até 20.000 individuos, en ocasións xunto ó grou. Entre marzo e abril, os grous emprenden a súa viaxe de regreso ás zonas de cría.

Na época de apareamento, o macho e a femia realizan danzas e chamadas de cortexo, aínda que as danzas distínguense por estar compostas de menos saltos, e as chamadas son máis agudas e intensas que noutros grous. Tras o apareamento, a femia pon 1 ou 2 ovos, que son incubados durante 1 mes. Tras nacer, os pitos permanecen xunto os proxenitores ata que son independentes, ós 65 días de nacer como máximo.

Relación co home O grou pequeno constitúe parte da cultura de Paquistán e o norte da India. É chamada koonj, e aparece na poesía e literatura da rexión como símbolo de fidelidade matrimonial. A formación en voo do grou foi adoptada polo exército na Antiga India.

Conservación A UICN considera ó grou pequeno como especie de preocupación menor. A poboación sitúase entre os 200.000 e os 240.000 exemplares. É vulnerable á caza furtiva, así como á degradación do seu hábitat.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Anthropoides virgo en UICN

Categoría:Grúidos Categoría:Animais descritos en 1758