José María David Suárez Núñez, nado en Santiago de Compostela o 17 de xullo de 1932 e finado na mesma cidade o 4 de xuño de 1987, foi un médico e político galego.

Traxectoria Estudou o bacharelato en Santiago de Compostela e licenciouse en Medicina en 1955, tamén na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Durante o trienio posterior, ata 1958 realizou diversas viaxes a Inglaterra, Francia, Bélxica ou Portugal, como parte da súa especialización en estomatoloxía. En 1966 obtén a cátedra de Anatomía na Universidade de Granada, en 1968 consegue tamén por oposición a cátedra na Universidade Complutense de Madrid, e en 1969 consegue o traslado da cátedra á Universidade de Santiago. Alí ocupou a dirección da escola de Enfermería, ao ano seguinte a secretaría da Facultade de Medicina en 1975 o vicedecanato da mesma e en 1976 o vicerreitorado de Extensión Universitaria da USC.

Nas eleccións xerais de 1977 resultou elixido senador pola UCD, na provincia da Coruña. Ao ano seguinte, 1978 foi designado polo daquela ministro de Educación, Íñigo Cavero, reitor da Universidade de Santiago de Compostela. En 1981 soou o seu nome como candidato da UCD á presidencia da Xunta de Galicia nas primeiras eleccións autonómicas, pero finalmente non concorreu. Permaneceu no reitorado ata 1984, cando nas primeiras eleccións universitarias foi derrotado por Carlos Pajares.

Presidente do consello de administración da editorial que publicaba El Correo Gallego, formaba parte do Grupo Diego de Muros de planificación universitaria e era membro tamén da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia. Vida persoal

Casou con María Jesús Quintanilla Padín, e foron pais de catro fillos, entre eles os doutores David, José María e Juan Suárez Quintanilla.

Notas

Véxase tamén Outros artigos

Lista de senadores galegos desde a Transición Ligazóns externas Ficha no Senado

Categoría:Políticos de UCD Categoría:Senadores pola Coruña Categoría:Reitores da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Nados en 1932 Categoría:Finados en 1987 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela