Juan Manuel Jiménez Morán, nado en Verín o 22 de setembro de 1956, é un político galego do PPdeG.

Traxectoria Diplomado universitario en enfermería (ATS) e estudou menciña ata 4º curso na Universidade de Santiago de Compostela.

Nas eleccións municipais de 1983 concorreu como independente na listas de Coalición Galega en Verín e resultou escollido concelleiro, pasando a ostentar responsabilidades de goberno co alcalde Santiago Cid Harguindey. Volveu a ser elixido concelleiro nas municipais de 1987 e de 1991 baixo as siglas de AP-Centristas de Galicia e Converxencia Centrista-CDS, respectivamente, e baixo o liderado de Cid Harguindey que revalidou novamente a alcaldía. Porén, o 17 de outubro de 1991 perderon o goberno tras unha moción de censura. En decembro de 1991 pasou a formar parte xunto co seu grupo do PPdeG, trala integración de Centristas de Galicia en dita formación.

Nas municipais de 1995 foi candidato do PPdeG á alcaldía de Verín e foi elixido alcalde con maioría absoluta. Nas municipais de 1999 revalidou a alcaldía, novamente con maioría absoluta e en 2003 por maioría simple. En abril de 2004 unha moción de censura do PSdeG-PSOE, o BNG e os independentes do anterior alcalde Santiago Cid Harguindey desaloxouno da alcaldía. Nas municipais de 2007 recuperou a alcaldía tras lograr a maioría absoluta. Nas municipais de 2011 volveu ser novamente elixido tras revalidala maioría absoluta.

Nas municipais de 2015 non logrou a maioría absoluta, polo que perdeu a alcaldía tras un pacto entre o PSdeG-PSOE e o BNG que fixo alcalde ó candidato socialista Gerardo Seoane Fidalgo. Nas municipais de 2019 pasou a ser a terceira forza por detrás do PSdeG e o BNG, polo que permaneceu como portavoz na oposición ata o final do mandato.

Dende 1994 ata 2011 foi membro do consello de administración da CRTVG.

Jiménez Morán foi o aliado e man dereita de Alberto Núñez Feijóo nos conflitos internos do PPdeG na provincia de Ourense e chegou a disputarlle o liderado provincial do partido a Xosé Manuel Baltar en xaneiro de 2010, o fillo de Xosé Luís Baltar.

En novembro de 2011, logo das Eleccións Xerais, foi designado polo Parlamento de Galicia como un dos senadores en representación da comunidade autónoma. Volveu ser designado tralas xerais de 2015 e 2016.

Vida persoal Está casado e ten un fillo e unha filla.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lista de senadores galegos desde a Transición Eleccións municipais en Verín

Ligazóns externas Ficha no Senado

Categoría:Alcaldes de Verín Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Alcaldes de Galicia polo PPdeG Categoría:Nados en Verín Categoría:Nados en 1956 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Senadores por designación do Parlamento de Galicia