O judo (en ) é unha arte marcial, un deporte e unha filosofía con orixe no Xapón. O judo foi creado a partir dalgunhas escolas clásicas de jujutsu por Jigoro Kano (嘉納治五郎) en 1882. O termo xaponés pode ser traducido como "Camiño da flexibilidade", influíndo no desenvolvemento físico, mental e emocional a través da práctica.

A pesar de ser unha arte marcial completa, o judo tamén se practica como deporte oficial dos Xogos Olímpicos dende 1964 na competición masculina e dende 1992 na feminina. No Occidente, o aspecto deportivo do judo é probabelmente o máis difundido.

Na forma deportiva, homes e mulleres combaten separadamente (a pesar de moitas veces adestraren xuntos), e os atletas son divididos por clases de idade e categoría de peso, incluíndo unha clase libre na que poden participar todos os pesos.

O judo é practicado sobre esteiras especiais chamadas tatamis que poden ser de palla de arroz cuberta por lona de algodón ou sintéticas fabricadas a partir de polímeros de caucho. Os practicantes, chamados judokas, visten un equipamento de algodón branco, composto por unha chaqueta, un pantalón e un cinto. A cor do cinto indica a graduación do judoka.

Nunha competición de judo, dous judokas enfróntanse sobre a esteira mentres un árbitro os avalía, e os puntos e as penalizacións dos atletas son rexistrados nun panel. O ippon é o "K.O." do judo. Un golpe bo, máis ou menos perfecto, chámase waza-ari e vale medio punto. Dous garanten unha vitoria. A loita pode ser decidida pola acumulación de puntos menores, coma o yuko ou o koka. Calquera falta (keikoku e shido) cometida por un dos loitadores durante un combate (shiai) aumenta a puntuación do opoñente. Se a falta for grave, coma o hansoku-make, o árbitro declara a vitoria do ofendido.

Historia Desenvolvemento A sociedade feudal do Xapón estaba dividida en clases, coma as dos guerreiros, agricultores ou comerciantes. Nese ambiente, a clase guerreira ocupábase, entre outras tarefas, da seguridade interna e externa, polo que se detiña en estudar as varias modalidades de combate, con e sen armas. Xurdiron entón diversas modalidades de loita, kenjutsu (arte da espada), iaijutsu (arte de sacar a espada), naginatajutsu (arte da lanza naginata) e outras. Nese momento xurdiu o jūjutsu, ou "arte suave", que durante a historia do Xapón recibiu moitos e variados nomes, coma wajutsu, kumiuchi, yawara, taijutsu etc., todos para se referir á loita desarmada contra un ou máis opoñentes, que portasen armas ou non, e que era chamada "arte suave" porque se practicaba sen armas, é dicir sen a rixidez das armas. O jūjutsu desenvolveuse como unha das artes que os samurais debían dominar, porque no campo de batalla un guerreiro podía verse sen a súa espada, e debería ser capaz de seguir loitando co inimigo. Os samurais estaban sempre baixo o mando dun xefe, un daimyō, o que deu lugar a que, así como existían varios xefes, chegasen a existir varias familias ou clans. E neses clans todas as artes marciais evolucionaron de forma máis ou menos independente, nacendo así as varias escolas, ou koryū (, escola vella), que ensinaban todas as formas de combate.

Por un longo tempo a historia do Xapón estivo marcada pola dominación dos samurais, e a historia do judo comeza exactamente cando o Xapón está nun intenso proceso de cambio, a era Meiji, na que Jigoro Kano, o seu creador, naceu e creceu. A historia do judo como arte marcial ou deporte vai relacionada coa historia do mestre Kano. Ambos son froito da súa sociedade e do seu tempo, o auxe da Era Meiji.

Cando o neno Jigoro Kano ingresou na escola, o ambiente que atopou foi de rivalidade entre os alumnos, o que acabou motivándoo a buscar unha forma de defensa. Ese ambiente hostil atopouno outra vez cando ingresou na universidade, pois, aínda que estivese en proceso de franca modernización, a mentalidade guerreira era moi forte na sociedade xaponesa, pero moitos esquecían os valores de honra e disciplina que limitaban esa agresividade.

Resolto a ir buscar un instrutor de jūjutsu, Kano non obtivo éxito nas primeiras tentativas, porque coa caída do Shogunato Tokugawa, durante a Restauración Meiji de 1868, o prestixio das artes marciais diminuíra nun país que viña valorando os costumes occidentais máis cós seus propios. Os vellos mestres, despois de perderen a súa función de guerreiros, foron obrigados a deixar de ensinar e dedicarse a outras actividades para sobrevivir. Algúns simplemente desistiron e abandonaron completamente os valores e o modo de vida tradicional.

Nakai Umenari, un soldado retirado coñecido do pai de Kano, acordou amosarlle os kata, pero non coa intención de ensinar. O vixilante da casa de seu pai, Ryuji Katagiri, era tamén coñecedor de jujutsu, porén non estaba disposto a ensinar esta arte marcial, se non era para un uso coherente e porque tamén consideraba ao mozo Kano moi inmaturo. Imai Genshiro, do estilo ), que frecuentaba a residencia da familia Kano, tamén o rexeitou.

Despois dalgúns anos de insistente busca, Jigoro Kano coñeceu a Teinosuke Yagi, que fora profesor do estilo Tenjin Shinyō-ryū (), de jujutsu, pero que xa non ensinaba. Aínda así, en 1877, Yagi consentiu en presentarlle o mestre Hachinosuke Fukuda, tamén do estilo Tenjin Shinyō-ryū, que tiña un pequeno dojō onde ensinaba a unha clase de cinco alumnos.

O estilo Tenjin Shinyō-ryū era coñecido pola súa eficacia e a énfase na combinación de técnicas de puñadas e patadas con técnicas de inmobilización, e polos medios de manexo óseo. Dicíase que o fundador deste estilo perfeccionouno con loitas de rúa. A mediados de maio de 1879 o mestre Fukuda faleceu, só catro días despois dunha demostración ao expresidente dos EUA.

Sentíndose carente de coñecementos, Kano continuou o seu adestramento en Tenjin Shinyō-ryū co mestre Masamoto Iso, fillo do fundador do estilo, o mestre Mataemon Iso. En 1881, o mestre Masamoto morreu e Kano quedou unha vez máis sen instrutor. Neste escenario, foi practicar o estilo Kitō-ryū () co mestre Tsunetoshi Iikubo que, diferente do pragmatismo do Tenjin Shinyō-ryū, era dunha escola máis filosófica e que daba máis importancia aos golpes de lanzamento. Outra característica do estilo era o emprego do "ki", unha enerxía (etérea) que existe en todo aquilo do que se pode facer uso durante unha loita. miniatura|Jigoro Kano, con 28 anos Kano comezou unha busca para elaborar un principio unificador das técnicas que aprendera. Así, formulou o concepto da máxima eficiencia co menor gasto de enerxía, porque só aquelas técnicas que preservasen ao máximo o loitador e que realmente funcionasen, deberían ser parte das ensinanzas da súa futura escola; para el unha persoa non debería esgotarse para se librar dunha agresión, ao contrario, debería empregar o máximo da enerxía allea en favor seu.

O dojō de Jigoro Kano, que foi aberto en 1882, recibiría o nome de Kodokan, no Templo Eishoji. Porén, Kano non cría que o seu estilo de jujutsu estivese completo e acabado. A base ficaba asentada nos dous estilos que máis practicou, pero recibiría influencia doutros estilos e doutras formas de loita, coma o sumo, o aikido e mailo karate.

Tras a inauguración do instituto Kodokan, o mestre continuou a practicar judo cos seus mellores alumnos, coa intención de mellorar as súas propias habilidades e en consecuencia facer que a arte marcial medrase en calidade. O mestre Kano estudaba e adestraba con toda a súa dedicación, emporiso, el cría que a práctica dun deporte coma o judo debería ser a única actividade dunha persoa, para contribuír á súa formación.

Ao resultado das súas investigacións e adestramento nas artes marciais, chamouno jūdō, substituíndo a partícula "jutsu", que significa "arte" ou "profesión", pola partícula "do", que significa "camiño". Acontece, porén, que o termo "judo" non é creación de Kano, porque esta denominación, dadas ás técnicas de combate sen armas, xa era utilizada orixinalmente polo estilo Jikishin-ryu e co significado moi próximo ao pretendido, que era o de facer da arte marcial un instrumento de evolución persoal. Antes, as artes marciais eran vistas só como instrumento de loita, de guerra, pero non era ese soamente o seu obxectivo, pois para el deberían ser un modo de evolución persoal e físico.

O repertorio de técnicas quedou asentado en tres grandes conxuntos: técnicas de proxección ou lanzamento (nage waza), técnicas de chan (katame waza e ne waza) e técnicas de pancadas (atemi waza). As técnicas de lanzamento viñeron do estilo Kitō-ryū, que tamén contribuíu coas nocións de tempo e uso de enerxía. Do Tenjin Shinyō-ryū viñeron as técnicas de control en chan e de puñazos e patadas, de onde veñen aínda a idea da práctica repetida dos kata e as loitas con seguridade (randori).

Como o mestre era profesional da educación, utilizou ese coñecemento para estruturar as clases e o proceso de aprendizaxe do judo, e tamén para transformar unha arte marcial, enfocada só á guerra e a seguridade, nunha disciplina moral, un deporte e mais un instrumento educativo. Tamén cambiou a ética combativa: a demostración pública das habilidades de loita pasou a ser vergoñenta, pois todo coñecemento só é útil se axudar a comunidade e axudar un compañeiro nos seus estudos, e xamais debería ser usado de forma egoísta ou por mera xactancia.

Xunto co instituto, medraron o recoñecemento e a influencia do judo. De feito, o instituto Kodokan non foi aberto co fin específico de ser un centro de formación e perfeccionamento só de judo, senón, antes de todo, era un lugar de formación xeral e de recreación.

O 11 de xuño de 1886, a Academia Nacional de Policía, coa intención de resolver o debate sobre cal sería a escola de arte marcial encargada do adestramento da forza policial, realizou un torneo de jujutsu no que o Kodokan loitou coa tradicional escola Totsuka. De todos os combates, os alumnos do Instituto Kodokan conseguiron vencer doce, perder dous e empatar un.

En maio de 1922, realizouse unha gran exhibición de artes marciais, na que estiveron algúns representantes do karate de Okinawa, que xa ouviran falar desa arte marcial e mesmo xa tiveran correspondencia co mestre Gichin Funakoshi, convidándoo para ensinar, mais foi soamente nese evento cando Jigoro Kano o coñeceu. Funakoshi tiña como obxectivo divulgar a arte marcial de Okinawa no resto do país.

As técnicas mostradas nesa ocasión, movementos de ataque e desvío moi veloces e fluídos, provocaron boa impresión no mestre Kano, polo que convidou o mestre de karate para que fose dar algunhas clases no Kodokan. Desa experiencia de influencia mutua foron incorporadas no judo técnicas do karate nalgúns kata, mais o kata máis afectado foi o Kime-no-kata, ou forma de resolución, no que están compilados moitos golpes de autodefensa e de loita real, con enfoque en chimpar ao opoñente.

Un dos moitos practicantes de judo foi Kenji Tomiki, que empezou a adestrar ao redor de 1910 e obtivo o 1º dan en 1919. A partir de aí foi destacando cada vez máis, até obter o 4º dan en 1922. En 1926, por consello do mestre Kano, Tomiki foi estudar aikido con Morihei Ueshiba, obtendo por fin o 8º dan en 1940.

Entrementres, en 1930, o mestre Kano viu o adestramento de aikido e quedou moi impresionado coa súa disciplina e a súa técnica. Entón, mandou dous alumnos seus para adestrar e estudar o aikido no seu nome. Como resultado do intercambio entre estas artes marciais, creouse o kata Kodokan goshin-jutsu, composto por técnicas de autodefensa, enfocadas a desarmar e someter o contrario.

Entrada nas escolas miniatura|Rapazas aprendendo