Non confundir con Francisco de Asís Porto Rey (Santiago de Compostela, †1937). Francisco Porto Rey, nado na rúa do Carme do Carril (Vilagarcía de Arousa) o 16 de xaneiro de 1876 e finado en Vigo o 22 de maio de 1941, foi un xornalista e escritor galego e galeguista.

Traxectoria Fillo de Francisco Porto Codesido e Carmen Rey Formoso. Francisco comezou os estudos de dereito, pero deixounos para dedicarse principalmente á literatura e ao xornalismo, ademais do seu traballo principal na xefatura dos talleres da Compañía dos Camiños de Ferro de Galicia en Vilagarcía. Colaborou en El Ciclón, El Cínife, Faro de Vigo, Galicia, Villagarcía-Carril e Galicia Nueva, e en El Eco de Galicia e no diario La Nación de Bos Aires onde publicou unha serie de "Cróneca(s)" de actualidade e algunhas narracións. Na súa faceta como escritor adoitaba asinar as obras como Farruco Porto Rey. Colaborou con Castelao en diversas publicacións, nas que o político nacionalista achegaba as súas ilustracións.

Publicou varias obras bilingües e o Diccionario gallego-castellano, que apareceu en fascículos no semanario Villagarcía-Carril ata o 17 de xuño de 1900 (foi reeditado pola Real Academia Galega no ano 2000). É un dicionario bilingüe coas entradas en galego –só recolle como lemas as formas galegas distintas do castelán– e as definicións e equivalencias en castelán. Ten preto de 15.000 entradas e nel refúndese o material dos traballos lexicográficos precedentes. A principal fonte de referencia é o Diccionario gallego de Cuveiro Piñol. Como novidade, proporciona a categoría gramatical dos lemas, e inclúe outros datos como a procedencia ou o étimo da palabra e a delimitación do campo do saber ao que pertence. A maior parte deste dicionario consérvase en folios manuscritos, aínda que moitos deles non presentan unha redacción definitiva. Foi nomeado académico correspondente da Real Academia Galega en 1908.

Tivo relación coas Irmandades da Fala, o Partido Galeguista e as Xuventudes de Defensa. Ademais exerceu como emprendedor cultural animando e participando na creación de diversas publicacións periódicas en Vilagarcía así como do teatro Salón Varietés, unha sala de cinema con capacidade para 500 espectadores que se inaugurou o 14 de agosto de 1908.

Obras Las mil y una composiciones, 1894. Pisto, 1894 (bilingüe). Diccionario gallego-castellano, 1900 Papel e tinta, 1901 (poesía bilingüe, con prólogo de Lisardo Barreiro). Ilusiones, 1903. O Alalá, 1906 (diálogo en verso galego aparecido en El Eco de Arosa). Cascarrabias ou o filósofo das carqueixas, 1912. Fermosinda, 1918. A tola de Sobrán, 1927 (comedia nun acto estreada polo Cadro de Declamación da Irmandade da Fala da Coruña en 1920). Recoñecementos O Concello de Vilagarcía de Arousa recoñeceu a súa obra e intervención social dándolle nome a unha das rúas da vila arousáRúa de Francisco Porto Rey, no rueiro de Vilagarcía. no barrio de Fontercarmoa,Rúa Francisco Porto Rey , en Dato Capital. cuxas rúas levan nomes de destacados escritores.

Vida persoal Fillo de Francisco Porto Codesido, primeiro maquinista da locomotora Sar, a primeira máquina de tren que realizaba os traxectos do primeiro camiño de ferro de Galicia entre O Carril e Santiago de Compostela, e de Carmen Rey Formoso. Tivo nove irmáns (Manuel, Domingo, José, Moncho, Josefina, Luisa, Sara, "Tia" Ermitas e Carmen). Josefina Porto Rey casou con Charles Lessner,Fillo de Friedrich Leßner, xastre de orixe alemá exiliado en Londres pola súa militancia comunista, e afillado de Karl Marx. enxeñeiro da Galicia Railway Company que construíu devandita liña de ferrocarril. Ao seu finamento Lessner foi soterrado no English Naval Cemetery de Rubiáns.

A familia paterna dos Porto procede do Concello de Cerdedo e segundo informacións familiares, aínda sen documentar, teñen entre os seus devanceiros un irlandés que chegaría a Galicia fuxindo das persecucións por parte dos inglesesEntrevista a Xoaquin Porto Casas, fillo de Porto Rey, en La Voz de Galicia (1994), no século XVII, posiblemente derivada da Flight of the Earls.

Casou coa mestra Antonia Casás Santiso (1857-1930) e tivo dezasete fillos, entre eles Xoaquín, que foi secretario do concello de Vilagarcía, Ramón Porto Casás e Manuel Porto Casás, apresado polos nacionalistas franquistas pola súa militancia galeguista. A actriz Mercè Pons Veiga e o economista Joám José Romero Durán son algúns dos seus bisnetos.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Gran Enciclopedia Galega

Ligazóns externas Biografía en Patrimonio Vilagarcía. Recensión de A Tola de Sobrán no Arquivo de Ánxel Casal. Descrición da familia de F. Porto Rey e a relación con The West Galicia na bitácora persoal dun bisneto. Análise do Diccionario galllego-castellano de F. Porto Rey (Páx. 24) en Cadernos de Lingua (2000). Análise de Fermosinda, no Boletín oficial del Centro Gallego (Nº 187, marzo de 1919), publicado en Avellaneda, Arxentina.

Categoría:Xornalistas de Vilagarcía de Arousa Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Nados en Vilagarcía de Arousa Categoría:Nados en 1876 Categoría:Finados en 1941 Categoría:Membros correspondentes da Real Academia Galega Categoría:Escritores de Galicia coa obra no dominio público