miniatura|350px|Efectos da gastrina sobre a produción de ácido gástrico. O esquema non mostra os efectos estimulatorios da gastrina sobre as células ECL.
A gastrina é unha hormona peptídica humana que estimula a secreción de ácido clorhídrico (HCl) no estómago por parte das células parietais da parede estomacal e favorece a motilidade gástrica. Libérase polas células G no antro do estómago, duodeno, e páncreas. Únese aos receptores de colecistoquinina B das células similares ás enterocromafíns (células ECL), estimulando a produción de histaminas, e induce a inserción de bombas ATPase K+/H+ na membrana apical das células parietais (o cal, á súa vez, incrementa a liberación de H+). A liberación desta hormona é estimulada pola presenza de péptidos na luz do estómago.
Historia A súa existencia foi suxerida por primeira vez en 1905 polo fisiólogo británico John Sydney Edkins, e as gastrinas foron illadas en 1964 por Roderic Alfred Gregory e H. J. Tracy na Universidade de Liverpool.Gregory, R. A.; Tracy, H. J. (1964). "The constitution and properties of two gastrins extracted from hog antral mucosa: Part I the isolation of two gastrins from hog antral mucosa". Gut 5 (2): 103. DOI: 10.1136/gut.5.2.103 . En 1964 determinouse a estrutura da gastrina.Gregory, H.; Hardy, P. M.; Jones, D. S.; Kenner, G. W.; Sheppard, R. C. (1964). "The antral Hormone Gastrin: Structure of Gastrin". Nature 204 (4962): 931. DOI: 10.1038/204931a0 .
Fisioloxía Xenética O xene GAS codificador da gastrina está situado no brazo longo do cromosoma 17 (17q21).
Síntese A gastrina é unha hormona peptídica linear producida polas células G do duodeno e no antro pilórico do estómago, que a segregan ao sangue. A gastrina pode atoparse fundamentalmente en tres formas nas que as cifras se refiren ao número de aminoácidos, que son: gastrina-34 ("gastrina grande") gastrina-17 ("gastrina pequena") gastrina-14 ("minigastrina")
Tamén existe unha gastrina sintetizada artificialmente, chamada pentagastrina, cunha secuencia de aminoácidos idéntica á secuencia dos 5 últimos aminoácidos do extremo C-terminal da gastrina.
Liberación A gastrina libérase en resposta a certos estímulos. Estes poden ser: Distensión do estómago. Estimulación vagal mediada pola bombesina neurócrina ou péptido liberador da gastrina (GRP) nos humanos. Presenza de proteínas parcialmente dixeridas especialmente aminoácidos. Hipercalcemia.
A liberación de gastrina é inhibida por: Presenza de ácido no estómago (principalmente HCl), o que é un caso de retroalimentación negativa. A hormona somatostatina, que tamén inhibe a liberación de gastrina, igual que a secretina, GIP (polipéptido inhibidor gástrico), VIP (péptido intestinal vasoactivo), glicagón e calcitonina.
Funcións A presenza de gastrina estimula as células parietais ou oxínticas do estómago a segregar ácido clorhídrico (o ácido gástrico). Isto fano tanto de forma directa, actuando sobre as células parietais, coma indirecta, uníndose aos receptores de colecistoquinina B das células ECL do estómago, as cales responden liberando histamina, e esta, á súa vez, actúa de modo parácrino sobre as células parietais estimulándoas a segregar ións H+. Este é o estímulo principal para que as células parietais segreguen ácido.
Ademais das funcións xa mencionadas, a gastrina ten outras funcións adicionais, como:
Estimular a maduración das células parietais e o crecemento do fundus do estómago. Causa a secreción de pepsinóxeno por parte das células principais do estómago, que é a forma inactiva do encima dixestivo pepsina. Incrementa a mobilidade da musculatura lisa antral e promove a motilidade estomacal. Aumenta as contraccións do antro en dirección ao píloro, e relaxa o esfínter pilórico, o que estimula o baleiramento gástrico. Inflúe na relaxación da válvula ileocecal. Induce a secreción pancreática e o baleiramento da vesícula biliar. Favorece a contracción do esfínter esofáxico inferior, polo que os baixos niveis de gastrina poden favorecer o refluxo gastroesofáxico.
Factores que inflúen na secreción Na luz gástrica: Factores estimulatorios: dietas ricas en proteínas e aminoácidos (carnes), hipercalcemia. (por exemplo, durante a fase gástrica) Factores inhibitorios: acidez (pH por debaixo de 3), por un mecanismo de retroalimentación negativa exercido por medio da liberación de somatostatina polas células δ do estómago, o cal inhibe a liberación de gastrina e histamina.
Parácrinos: Factor estimulatorio: bombesina. Factor inhibitorio: somatostatina, que actúa sobre os receptores de somatostatina 2 das células G de modo parácrino, é dicir, por difusión local nos espazos intercelulares, pero tamén sistemicamente a través da súa liberación na circulación sanguínea da mucosa local; inhibe a secreción ácida ao actuar sobre as células parietais.
Nerviosos: Factores estimulatorios: axentes beta-adrenérxicos, axentes colinérxicos, péptido liberador da gastrina (GRP). Factor inhibitorio: Reflexo enterogástrico.
Circulación: Factor estimulatorio: epinefrina. Factores inhibitorios: péptido inhibidor gástrico (GIP), secretina, somatostatina, glicagón, calcitonina.
Enfermidades Na síndrome de Zollinger-Ellison, a gastrina prodúcese en exceso, a miúdo debido a un gastrinoma (tumor produtor de gastrina, xeralmente benigno) localizado no duodeno ou no páncreas. Para investigar a hipergastrinemia (altos niveis de gastrina no sangue), faise a a "proba da pentagastrina".
Na gastrite autoinmune, o sistema inmunitario ataca as células parietais ou oxínticas, orixinando hipoclorhidria (baixa acidez estomacal). Isto dá lugar a que no corpo se produza un elevado nivel de gastrina nun intento de compensar o incremento de pH (basicidade) do estómago. Finalmente, pérdense todas as células parietais e establécese unha aclorhidria, que leva á perda da retroalimentación negativa na secreción de gastrina. A concentración de gastrina plasmática é elevada en practicamente todas as persoas que padecen mucolipidose de tipo IV (con niveis de 1507 pg/mL; nun rango de 400-4100 pg/mL, cando o normal é 0-200 pg/mL), que é un efecto secundario da aclorhidria constitutiva. A detección deste síntoma facilita a diagnose de pacientes con este trastorno neuroxenético.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas Overview at colostate.edu
Categoría:Hormonas Categoría:Estómago