miniatura|dereita|Calcitonina. A calcitonina é unha hormona peptídica de 32 aminoácidos producida nos humanos principalmente polas células parafoliculares (tamén chamadas células C) da glándula tiroide, e en moitos outros animais no corpo ultimobranquial. Actúa reducindo o calcio (Ca2+) sanguíneo, opoñéndose aos efectos da hormona paratiroide (PTH). A calcitonina está presente en moitos vertebrados e foi atopada en peixes, réptiles, aves, e mamíferos. Pertence á familia das proteínas similares á calcitonina (calcitonina/CGRP/amilina).

Estrutura A calcitonina é unha hormona polipeptídicoa de 32 aminoácidos, cun peso molecular de 3454,93 daltons. A súa estrutura comprende unha soa hélice alfa. O splicing alternativo do xene que codifica a calcitonina produce un péptido relacionado de 37 aminoácidos, chamado péptido relacionado do xene da calcitonina (CGRP), tipo beta.

As seguintes son as secuencias de aminoácidos das calcitoninas de salmón e humana:http://www.newworldencyclopedia.org/entry/Calcitonin salmón: Cys-Ser-Asn-Leu-Ser-Thr-Cys-Val-Leu-Gly-Lys-Leu-Ser-Gln-Glu-Leu-His-Lys-Leu-Gln-Thr-Tyr-Pro-Arg-Thr-Asn-Thr-Gly-Ser-Gly-Thr-Pro humanos: Cys-Gly-Asn-Leu-Ser-Thr-Cys-Met-Leu-Gly-Thr-Tyr-Thr-Gln-Asp-Phe-Asn-Lys-Phe-His-Thr-Phe-Pro-Gln-Thr-Ala-Ile-Gly-Val-Gly-Ala-Pro

Comparada coa do salmón, a humana ten 16 residuos de aminoácidos diferentes.

Biosíntese e regulación A calcitonina fórmase pola rotura proteolítica dun prepropéptido máis grande, o cal é o produto do xene CALC1. O xene CALC1 pertence a unha superfamilia de precursores de hormonas proteicas relacionados, entre os que están a amilina (ou polipéptido amiloide dos illotes), o péptido relacionado co xene da calcitonina, e o precursor da adrenomedulina.

A secreción da calcitonina é estimulada por: O incremento sérico da concentración de Ca2+ A gastrina e a pentagastrina.

Efectos A hormona participa no metabolismo do calcio (Ca2+) e fósforo. De diversos modos, a calcitonina contrarresta os efectos da hormona paratiroide (PTH).

Máis especificamente, a calcitonina fai diminuír a concentración de Ca2+ no sangue de tres xeitos: Inhibe a absorción de Ca2+ nos intestinos. Inhibe a actividade dos osteoclastos nos ósos. Inhibe a reabsorción nas células tubulares renais do Ca2+ permitindo que este se excrete nos ouriños.

Coas súas accións preservadoras dos ósos, a calcitonina protexe contra a perda de calcio no esqueleto durante os períodos de mobilización do calcio, como a gravidez e, especialmente, a lactación.

Aínda que a calcitonina se opón á PTH nestas accións, non é diferente á PTH no seu efecto sobre a reabsorción de electrólitos nos riles. Concretamente, a calcitonina: Inhibe a reabsorción de fosfato nos túbulos renais. Fai decrecer a reabsorción tubular de Ca2+, facendo que se incremente a súa concentración nos ouriños.

Outros efectos son a prevención da hipercalcemia posprandial (de despois das comidas) resultado da absorción de Ca2+. Tamén, a calcitonina inhibe o consumo de alimentos en ratas e monos, e pode ter un efecto sobre o sistema nervioso central no que regula a alimentación e o apetito.

Receptores O receptor da calcitonina, atopado nos osteoclastos, e nos riles e zonas do cerebro, é un receptor acoplado á proteína G, que se asocia pola súa subunidade Gs á adenilato ciclase e, por tanto, xera AMP cíclico nas células diana. Pode tamén afectar aos ovarios e aos testículos.

Descubrimento A calcitonina foi purificada en 1962 por D. H. Copp e B. Cheney. Inicialmente foi considerada unha secreción da glándula paratiroide, pero despois foi identificada como unha secreción das células parafoliculares da glándula tiroide.

Fabricación farmacéutica A calcitonina que se usa en tratamentos médicos era extraída das glándulas ultimobranquiais (similares ás tiroides) dos peixes, fundamentalmente do salmón. A calcitonina de salmón parécese á humana, pero é máis activa. Actualmente, prodúcese tamén pola tecnoloxía do ADN recombinante ou por síntese de péptidos química. Está demostrado que as propiedades farmacolóxicas dos péptidos sintéticos e recombinantes son cuantitativa e cualitativamente equivalentes.

Aplicacións da calcitonina A calcitonina de salmón utilízase no tratamento de: Osteoporose posmenopáusica. Hipercalcaemia. Enfermidade de Paget (dos ósos). Metástase ósea. Dor do membro fantasma

Foi investigada como un posible tratamento da estenose espiñal lumbar .

Ademais, a calcitonina oral podería ter un efecto protector na artrose, xa que actúa directamente sobre os osteoclastos, inhibindo a reabsorción ósea, e directamente sobre os condrocitos, atenuando a degradación da cartilaxe e estimulando a formación de cartilaxe.

Tamén se suxeriu o seu uso no tratamento da manía e o trastorno bipolar.

Diagnóstico

Pode utilizarse a calcitonina con propósitos diagnósticos como un marcador de tumores de cáncer de tiroide medular, no cal poden presentarse altos índices de calcitonina, e niveis elevados desta hormona poden indicar recorrencia do cáncer. Pode utilizarse tamén en biopsias de tecidos sospeitosos (por exemplo, nódulos linfáticos inchados) para establecer se son metástases do cáncer orixinal.Basuyau, J. -P.; Mallet, E.; Leroy, M.; Brunelle, P. (2004). "Reference Intervals for Serum Calcitonin in Men, Women, and Children". Clinical Chemistry 50 (10): 1828–1830. doi:10.1373/clinchem.2003.026963. PMID 15388660.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Procalcitonina PTH Vitamina D Ligazóns externas The Calcitonin Protein

Categoría:Hormonas