Salvador Antonio Rodríguez Fraíz, nado en Tomonde (Cerdedo Cotobade) o 30 de novembro de 1912 e finado en Campañó (Pontevedra) o 9 de xuño de 1995, foi un relixioso e investigador galego.

Traxectoria Fillo e neto de canteiros, en 1926 ingresou no seminario de Santiago de Compostela. En 1927 escoitou recitar ao poeta Xosé Manuel Cabada, o que fixo espertar o seu amor pola lingua galega logo de ser castelanizado no seminario.

En 1937 foi ordenado sacerdote, sendo destinado a San Martiño de Moaña como coadxutor. En 1939 foi a Vilariño (Teo), onde coñeceu a Raimundo López Pol. Ao ano seguinte foi destinado a Cervás (Ares), onde reconstruíu a igrexa parroquial de San Pedro, do século XII, e a capela da Nosa Señora da Mercede de Chanteiro. Ao tempo, era capelán do rexemento de artillaría de costa do cuartel de Montefaro. Neste tempo participou en charlas radiofónicas e publicou artigos en revistas.

O 15 de marzo de 1951 tomou posesión como párroco de Campañó. O día de san Pedro dese mesmo ano inaugurouse a chegada da luz eléctrica á parroquia. Nos arquivos parroquiais atopou un documento de 1102 polo que se doa un predio no Casal de Rei aos condes de Galicia Raimundo de Borgoña e Urraca de León. Descubriu unha mámoa a carón da casa reitoral e cerámica castrexa xunto á igrexa.

En Pontevedra trabou amizade con personalidades do Museo Provincial, como Filgueira Valverde, Alfredo García Alén, Modesto Rodríguez Figueiredo e Agustín Portela Paz. En 1959 comezou a colaborar en Faro de Vigo coa columna "Desde al atrio de la Peregrina" miniatura|300px|O Boletín de Estudios del Seminario Fontán-Sarmiento de Hagiografía, Toponimia y Onomástica de Galicia homenaxeou a Antonio Rodríguez Fraiz no n.º 11 do ano 1990. En 1959 marchou a América como misioneiro, formando parte do Equipo Misioneiro Pontificio para América creado por Pío XII. En Buenos Aires entrou en contacto coa emigración galega e cos exiliados, contactando con Virxinia Pereira (a viúva de Castelao), Rodolfo Prada, Ramón Suárez Picallo, Eduardo Blanco Amor ou Luís Soto. No camposanto de Chacarita oficiou unha misa en lingua galega, co gallo de décimo aniversario do pasamento de Castelao.

Regresou a Campañó e retomou as súas relacións co Museo de Pontevedra, publicando artigos na revista do Museo. Deu outras misas en lingua galega, como a misa por Rosalía de Castro en Santiago, en Iria Flavia, no Santiaguiño do Monte (Padrón) e na carballeira de San Xusto (San Xurxo de Sacos) en 1975, onde foi denunciado pola Garda Civil.

Estudoso da cultura galega, foi membro do Pedrón de Ouro, da comisión de Arte Sacra da arquidiocese de Santiago de Compostela, e do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, participando na sección de Historia e Xeografía. Cofundou o Museo do Pobo Galego, formando parte do seu padroado até a súa morte. Neste museo consérvase o seu legado, cunha sala que leva o seu nome. Instalouse unha placa na súa casa natal de Tomonde e outra na igrexa de Campañó.

Obra en galego Ensaio Historia de Coroza, 1968. Canteiros e artistas de Terra de Montes e ribeiras do Lérez, 1982. Os Milagros de Amil. Campaniola. As pontes do Lérez. Castelao na alma dos escritores do seu tempo. Don Fernando García Leiro. El Monasterio de Acibeiro. Alicerces. Santa Maríña de Tomonde.

Obra en castelán Ensaio Los ascendientes del padre Martín Sarmiento en Cerdedo, 1972.

Recoñecementos IV Edición Premios San Martiño de nomalización lingüística (1994), no Concello da Estrada.

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Salvador Antonio Rodríguez Fraiz, un crego do noso pobo En el centenario de Antonio Rodríguez Fraiz, el cura de Campañó Solla Varela, Carlos (23/11/2014). "Antonio Rodríguez Fraiz, o crego nacionalista" Faro de Vigo.

Categoría:Nados en Cerdedo Cotobade Categoría:Sacerdotes católicos de Galicia Categoría:Nados en 1912 Categoría:Finados en 1995 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Enciclopedistas de Galicia Categoría:Misioneiros