Juan Ignacio Rodríguez Rodríguez, coñecido como Juanito, nado en Albacete o 27 de setembro de 1943, é un exfutbolista español, que xogaba de centrocampista.

Traxectoria Nacido en Albacete, formouse como futbolista na canteira do Albacete Balompié, xogando no equipo xuvenil ata 1962. Subiu entón ao primeiro equipo, co que rendeu a gran nivel na Terceira División, chamando a atención do Real Madrid, que o fichou en 1964. Na súa primeira tempada, o Real Madrid cedeuno ao Valladolid, da Segunda División, onde tivo como adestrador ao húngaro Jenő Kalmár. Debutou con dous goles ante o Mestalla e disputou un total de 23 encontros co equipo valisoletano, marcando sete tantos. Na tempada 1965/66 foi cedido ao Rayo Vallecano, tamén en Segunda, co que marcou cinco goles en dez encontros.

A continuación fixo unha paréntese na súa carreira deportiva para realizar o servizo militar obrigatorio en Ceuta, Ao seu regreso, reincorporouse ao Real Madrid de Miguel Muñoz, co que debutou en partido oficial o 12 de febreiro de 1967, nun partido da Primeira División ante o Zaragoza na Romareda. Pechou a tempada con tres partidos disputados e como campión de liga. Na campaña 1967/68 foi cedido ao Castellón, onde recuperou a estabilidade, con 24 partidos e cinco goles.

No verán de 1968 pasou ao Deportivo da Coruña, despois de ser recomendado polo coruñés Amancio ao presidente deportivista, Antonio González. No equipo galego millitou durante cinco tempadas, vivindo dous descensos a Segunda e un ascenso a Primeira. Disputou un total de 90 encontros oficiais, nos que anotou 10 goles.

Tras un segundo paso dun ano polo Rayo Vallecano, en 1974 regresou ao Albacete, co que conseguiu o ascenso á Terceira División esa mesma tempada. Retirouse un ano despois do ascenso, en 1976, con 32 anos. Inmediatamente trala súa retirada converteuse en adestrador do equipo xuvenil do Albacete e máis tarde desempeñou diferentes funcións no club, entre elas a de adestrador do primeiro equipo durante nove xornadas na tempada 1986/87. Foi ademais secretario técnico, director deportivo, director de instalacións deportivas e en 2018, con 74 anos, foi nomeado embaixador do club.

Palmarés Real Madrid Primeira División (1): 1966–67.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com

Categoría:Nados en Albacete Categoría:Nados en 1943 Categoría:Futbolistas de Castela-A Mancha Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Albacete Balompié Categoría:Xogadores do Real Valladolid Categoría:Xogadores do Rayo Vallecano Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Xogadores do CD Castellón Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Adestradores de fútbol de España Categoría:Adestradores do Albacete Balompié