A Commonwealth de Massachusetts (en inglés, Commonwealth of Massachusetts) é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América. Localízase ao nordés do país, a uns cantos quilómetros da fronteira co Canadá. Massachusetts é o sexto menor estado dos Estados Unidos pero, a pesar do seu pequeno tamaño, é o décimo terceiro en poboación. O seu nome provén dunha voz indíxena local que significa "lugar do monte grande" e historicamente fixo parte das 13 colonias orixinais que se rebelaron contra o Reino Unido na Guerra de Independencia dos Estados Unidos.
Massachusetts é o centro económico, cultural e educativo de Nova Inglaterra, e tamén o estado máis populoso da rexión, con aproximadamente a metade de toda a súa poboación. A capital e a maior cidade é Boston, capital financeira, de transportes e educativo do estado e de Nova Inglaterra.
A rexión onde está localizado o estado foi unha das primeiras en ser colonizada polos británicos. A provincia colonial de Massachusetts foi fundada en 1620 (só a provincia colonial de Virxinia foi fundada antes). Massachusetts é famoso no país por ser pioneira en diversas áreas: o primeiro xornal foi publicado en Massachusetts, e a primeira biblioteca pública tamén, a primeira institución americana de educación superior foi fundada aquí en 1636. Posteriormente, o estado construiría as primeiras escolas públicas de ensino de segundo grao no país, durante a década de 1820.
Massachusetts foi unha das trece colonias británicas que se rebelaron contra o dominio británico en 1775, na Revolución Americana de 1776. Varios eventos que levaron ao inicio da guerra ocorreron en Massachusetts, así como as primeiras batallas da guerra. O 6 de febreiro de 1788, Massachusetts ratificou a constitución americana, converténdose así no sexto estado dos Estados Unidos de América.
O nome do estado vén da tribo indíxena masachusett, unha tribo indíxena pertecente á familia dos algonquinos. Masachusett significa no idioma algonquino Próximo á gran montaña, unha referencia ao Great Blue Hill, unha montaña localizada ao sur de Boston.
O alcume máis coñecido do Massachusetts é The Bay State. A orixe vén da localización do primeiro asentamento permanente fundado en Massachusetts, ás marxes da Baía de Massachusetts. O xentilicio é Bay Staters. Outros nomes menos usados son The Old Colony State, The Puritan State e The Baked Bean State.
O estado é famoso internacionalmente pola calidade das súas universidades privadas, entre as cales salientan a Universidade Harvard e mailo Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, así como os numerosos Colleges como Wellesley College. Tamén é coñecido polos sitios de veraneo, como o famoso Cape Cod, e moitos outros lugares de Nova Inglaterra.
Tamén é coñecido por ser o primeiro estado do país en permitir o matrimonio entre persoas do mesmo sexo.
Historia Ata 1691 Nativos indíxenas xa vivían na rexión hai máis de 10 mil anos. Diversas tribos indíxenas, todas da familia indíxena algonquina, habitaban a rexión cando chegaron os primeiros europeos, a comezos do século XVII. Estímase que a poboación de amerindios entón era de aproximadamente entre 25 e 40 mil. Porén, as doenzas contaxiosas traídas polos europeos -para as cales o sistema inmunolóxico dos indíxenas nunca entrara anteriormente en contacto - decimaron a poboación indíxena. Nun século, ata a década de 1620, a poboación amerindia caera a apenas 7 mil indíxenas.
En 1602, o británico Bartholomew Gosnold desembarcou en Cape Cod, no extremo oriental do estado. Considérase que este cabo foi nomeado así por Gosnold. O francés Samuel de Champlain mapeou o litoral da Nova Inglaterra ao longo de 1605 e 1606, incluíndo o litoral do actual Massachusetts. En 1614, o capitán británico John Smith fixo un mapeamento máis extensivo do litoral.
Os puritanos, membros da Igrexa Anglicana da Inglaterra, querían reformas inmediatas da Igrexa, facendo presión por tales reformas ao longo do século XVI, pero só conseguiron ser discriminados no Reino Unido. Varios deles romperon totalmente coa Igrexa e pasaron a ser acusados de separatistas pola poboación anglicana. Despois das numerosas exploracións europeas no continente americano no inicio do século XVII, estes puritanos comezaron a considerar a idea de fundar unha colonia no Novo Continente e o 16 de setembro de 1620, 102 británicos, dos cales 41 eran puritanos, embarcaron no Mayflower para ancorar en Cape Rod o 11 de novembro. Os 102 colonos decidiron crear un plan de administración antes de fundar oficialmente un asentamento permanente, plano coñecido como The Mayflower Compact. En decembro, os colonos fundaron oficialmente Plymouth, o segundo asentamento británico permanente nas Américas.
Os habitantes de Plymouth sufriron moito no primeiro inverno na rexión. Os alimentos, obtidos a través da caza, eran insuficientes, as casas eran precarias e as roupas dos colonos -que non tiñan idea do rigoroso clima da rexión no inverno- non os protexían adecuadamente do frío intenso da rexión. Aproximadamente a metade dos colonos morreu. Durante a primavera, xa en 1621, os colonos de Plymouth estableceron relacións amigables cos nativos indíxenas, que ensinaron aos colonos a cultivaren soia e millo e usar a pel dos animais cazados para confeccionar roupas adecuadas para o inverno. Os colonos tamén construíran casas máis resistentes. Así puideron enfrontarsen con éxito ao inverno de 1621 - 1622. Para celebrar este feito, crearon unha festa anual que terminou converténdose na Semana de Acción de Grazas.
As noticias do éxito do asentamento de Plymouth atraeron a máis británicos, a maioría puritanos, que fundaron novos asentamentos nas proximidades de Plymouth, á que consideraban a capital. En 1640, a colonia de Plymouth tiña 8 asentamentos e máis de 2.500 habitantes.
En 1628, a Compañía da Baía de Massachusetts, unha compañía británica, enviou un grupo de puritanos á Baía de Massachusetts. En 1629, a colonia de Massachusetts Bay Colony foi oficialmente creada polo goberno británico, dando a esta compañía o dereito de asentar, colonizar e administrar a rexión. En 1630, John Winthrop, xunto con outros mil colonos, fundaron un asentamento que se tornaría despois na cidade de Boston.
A colonia da Baía de Massachusetts prosperou economicamente, grazas ao cultivo de tabaco. En 1640, a colonia tiña máis de 10.000 habitantes. En 1641, a colonia redactou unha constitución rudimentaria e unha forma democrática de goberno, pero prohibiu a práctica de calquera relixión a non ser o puritanismo. Varios colonos, en busca de liberdade relixiosa, mudáronse para outras colonias xa estabelecidas, como Maryland e Virxinia, e fundaron Connecticut en 1635, Rhode Island en 1636, Nova Hampshire en 1638 e Maine en 1680. Todos estes asentamentos facían parte da colonia da Baía de Massachusetts, aínda que Connecticut e Rhode Island tornáronse colonias separadas en 1637.
En 1675, a tribo algonquina wampanoag iniciou unha guerra contra as colonias británicas de Plymouth e da Baía de Massachusetts. Esta tribo estaba liderada por Metacomet, que consideraba que os colonos, cedo ou tarde, ían exterminar os indíxenas e ocupar as súas terras. O pai de Metacon, Massasoit -que era líder dos wampanoag ata a súa morte, cando foi sucedido polo seu fillo- tivera relacións amigables cos colonos de Plymouth desde a primavera de 1621. A guerra perdurou por un ano ata que un indíxena, loitando do lado dos colonos, matou a Metacon. A guerra xa causara a morte de centenas de persoas, incluíndo mulleres e nenos, en ambos os lados.
En 1680, o goberno británico creou a provincia colonial de Nova Hampshire, mediante a secesión do norte da colonia da Baía de Massachusetts.
A colonia comercializaba abertamente con varios países, aínda que o Reino Unido consideraba que o único país con quen as colonias británicas tiñan o dereito de comercializar era coa metrópole, o Reino Unido, e a colonia da Baía de Massachusetts non era unha excepción. En varias ocasións, o Reino Unido intentou monopolizar o comercio entre a Baía de Massachusetts e outros países, pero o comercio da colonia británica con outros países continuou. Como represalia, a Compañía da Baía de Massachusetts perdeu o dereito de gobernar a colonia en 1684, que foi entón ocupada por tropas británicas, e pasou a ser gobernada directamente polo Reino Unido, xunto con outras colonias da Nova Inglaterra.
En 1689, os habitantes de Massachusetts depuxeron o gobernador da colonia, Edmund Andros, que fora escollido polo rei Xacobe II de Inglaterra. O sucesor deste, Guillerme de Orange e a súa esposa, María, crearon en 1691 a provincia colonial de Massachusetts, mediante a fusión da provincia colonial de Plymouth co que era a provincia colonial da Baía de Massachusetts, creando unha única provincia colonial, gobernada por un Tenente Gobernador, un enviado da coroa británica.
1691 - 1788 Massachusetts participou activamente da primeira guerra franco-india, iniciada en 1689 e que durou ata 1713, entre colonos de Nova Francia e Nova Inglaterra. Despois do fin da guerra, a economía de Massachusetts comezou a prosperar, a través do cultivo de tabaco, soia, té e millo, e foron fundadas novas cidades. A segunda guerra franco-india comezou en 1740 e, de novo, o estado participou activamente, enviando tropas. A guerra rematou en 1763, coa vitoria definitiva dos británicos.
As diversas guerras franco-indias deixaron o Reino Unido cunha débeda de máis de 136 mil libras esterlinas. Para pagar as débedas, o goberno británico instituíu varios impostos nas trece colonias pero que foron ignorados por Massachusetts. A Stamp Act of 1765, un imposto que se aplicaba a todos os documentos, intercambios comerciais e xornais nas 13 colonias, produciu grandes protestas en Massachusetts. Entón, ningunha das 13 colonias dispuña de representación no Parlamento do Reino Unido, e o lema No taxation without representation (Non aos impostos sen representación) tornouse nun grito de guerra da poboación do estado. Nunha manifestación, os colonos aforcaron un cobrador de impostos británicos, e queimaron a súa casa. Noutra manifestación, destruíron a casa do Tenente Gobernador do Massachusetts.
250px|dereita|miniatura|Imaxe dos colonos destruíndo o té británico importado da China, no porto de Boston.
En 1770, nunha destas manifestacións, tropas británicas mataron varios colonos. Este incidente, coñecido como "O Masacre de Boston", indignou aos colonos das 13 colonias británicas. John Hancock, de Boston, liderou un boicot contra o té vendido pola Compañía Británica das Indias Orientais. O 16 de decembro de 1773, preto de 60 colonos, vestidos como amerindios mohawk, destruíron 342 caixas de té en barcos británicos ancorados no porto de Boston, botando o contido nas augas da baía, no evento que ficou coñecido como a Festa do Té. Os británicos ordenaron a prisión dos 60 colonos, do pagamento da debida indemnización e o peche do porto de Boston, que pasou a ser ocupada por forzas británicas.
O 18 de abril de 1775, tropas británicas marcharon en dirección á Concord para confiscar os depósitos de armas e municións da cidade. Os colonos americanos, sabendo do feito, conseguiron chegar antes que os británicos e avisar aos colonos. Ao día seguinte, os colonos da cidade enfrontáronse cos británicos en Lexington, na primeira batalla da Revolución Americana de 1776. A guerra pola independencia comezara.
Diversas batallas ocorreron en Massachusetts, a maior parte antes de 1777. Massachusetts participou activamente no envío de tropas e na fabricación de armas e materiais. En 1783 acabou a guerra, e o 6 de febreiro de 1788, Massachusetts converteuse no sexto estado dos Estados Unidos de América, ao ratificar a constitución americana.
1788 - 1900 En 1820, o goberno americano creou o estado de Maine, separando a sección nordeste de Massachusetts, que adquiriu así os seus actuais límites territoriais.