A batalla de Okinawa (nome en clave: operación Iceberg), librouse na illa de Ryukyu de Okinawa e foi o maior asalto anfibio na guerra do Pacífico. Combateuse durante 82 días, desde principios de abril até mediados de xuño de 1945.
A batalla denominouse Tifón de Aceiro en inglés Typhoon of Steel, e chuvia de aceiro (Tetsu no ame) ou vento violento de aceiro (Tetsu no Bofu) en xaponés. Estas denominacións dan conta da ferocidade dos combates, a intensidade dos disparos, e a enorme cantidade de buques aliados e vehículos blindados que asaltaron a illa. A batalla resultou ser unha das que tivo máis vítimas, civís e militares, en toda a segunda guerra mundial: a totalidade dos falecidos supera o cuarto de millón. Cinco divisións do XXIV Corpo dos Estados Unidos, a 7.ª, 27.ª, 77.ª, 81.ª e 96.ª, e dúas divisións de Marines, a 1.ª e 6.ª, combateron na illa, mentres que a 2.ª División de Marines se mantivo en reserva e non se planeou que desembarcara. A invasión foi apoiada por forzas aéreas navais, anfibias e tácticas.
O obxectivo principal da operación era apoderarse da grande illa de Okinawa a só 340 km de distancia do Xapón. Despois dunha longa campaña de ir choutando de illa en illa (os estadounidenses denominaron isto island hopping), os Aliados achegábanse ao Xapón, e planearon usar Okinawa como base para as operacións aéreas para invadir o territorio xaponés, co nome en clave Operación Downfall. Finalmente os bombardeos atómicos sobre Hiroshima e Nagasaki e a entrada soviética na guerra provocarían a rendición do Xapón tan só unhas semanas despois da fin dos combates en Okinawa.
Orde de batalla
Forzas terrestres
As forzas terrestres estadounidenses encadrábanse dentro do X Exército, comandado polo tenente xeneral Simon Bolivar Buckner, Jr. O X Exército estaba composto por dous corpos: o III Corpo Anfibio comandado polo xeneral maior Roy Geiger, que se compoñía da 1.ª e 6.ª División de Marines, e o XXIV Corpo baixo o mando do xeneral maior John R. Hodge, que se compoñía da 7.ª e 96.ª Divisións de Infantaría. A 2.ª División de Marines e o X Exército tamén controlaba a 27.ª e 77.ª Divisións de Infantaría, que nun principio manteríanse en reserva. No total, o X Exército contaba con máis de 180 000 homes, 102 000 do exército e 81 000 do Corpo de Marines.
A forza xaponesa (sobre todo defensiva) na campaña compoñíase duns 67 000 efectivos pertencentes ao 32.º Exército e uns 9000 efectivos da Armada Imperial Xaponesa que se encontraban na Base Naval de Oroku (só uns poucos centos dos cales foran adestrados e equipados para combate terrestre), apoiados por 39 000 habitantes das Illas Ryūkyū (incluídos 24 000 recrutados apresuradamente para a milicia chamada Boeitai e 15 000 traballadores non uniformados), ademais de 1500 alumnos de escolas secundarias organizados en primeira liña da fronte como Unidades de Voluntarios Ferro e Sangue (Iron and Blood Volunteer Units) e 600 alumnas Himeyuri organizadas nunha unidade de enfermería. O 32.º Exército inicialmente consistía na 9.ª, 24.ª e 62.ª Divisións e a 44.ª Brigada Mixta Independente. A 9.ª División trasladouse a Taiwán antes da invasión, dando lugar a un cambio nos plans defensivos xaponeses. A resistencia primaria debería de ser no sur, comandada polo tenente xeneral Mitsuru Ushijima, o seu xefe de Estado maior, o tenente xeneral Isamu Chō e o seu xefe de operacións, Coronel Hiromichi Yahara. Yahara avogou por unha estratexia defensiva, e Chō por unha ofensiva. No norte, o coronel Udo Takehido estaba ao mando. As tropas da Armada foron lideradas polo contraalmirante Minoru Ōta.
Esperábase que os estadounidenses desembarcasen de seis a dez divisións para se enfrontar coas tres divisións (unha delas coa metade de efectivos).
Forzas navais A mediados de marzo a Armada dos Estados Unidos e os seus aliados reuniron unha frota composta por 330 buques de guerra e 1.139 buques de transporte.Batallas por Tierra, Mar y Aire 1939-1945, p. 228. Entre os buques de guerra encontrábanse 8 portaavións estadounidenses, os Enterprise, Essex, Intrepid, Hornet, Franklin, Bunker Hill, Cowpens, San Jacinto, 4 portaavións de escolta, os Savo Island, Petrof Bay, Sargent Bay e Steamer Bay, 9 cruceiros, 14 acoirazados, e 12 destrutores. O esforzo na ofensiva de primavera de 1945 foi moito maior que o da ofensiva da primavera anterior en Europa, durante o desembarco de Normandía, onde os Aliados empregaran 284 buques. A maioría dos avións de caza, dos bombardeiros en picado e dos avións de ataque a terra pertencían á Armada dos Estados Unidos, con base nos portaavións. Os xaponeses utilizaran as tácticas kamikaze desde a batalla do golfo de Leyte, pero por primeira vez convertéronse nunha parte importante da defensa. Entre o desembarco estadounidense do 1 de abril e o 25 de maio, producíronse sete ataques kamikaze, nos que se utilizaron máis de 1500 avións.
Aínda que as forzas terrestres aliadas estaban compostas enteiramente por unidades estadounidenses, buques da Frota Británica do Pacífico (BPF coñecida na Armada dos Estados Unidos como Task Force 57) proporcionarían aproximadamente un cuarto do poder naval e aéreo dos aliados (450 avións). A TF 57 composta por unha gran cantidade e variedade de buques, entre eles 50 buques de guerra entre os que se encontraban os portaavións HMS Formidable, HMS Illustrious, HMS Indomitable e HMS Victorious. As cubertas de voo dos portaavións británicos eran máis pequenas, o que significaba que podían transportar menos avións que un portaavións estadounidenses, pero eran máis resistentes aos ataques kamikaze. Aínda que todos os portaavións foron proporcionados polo Reino Unido, o grupo era un combinado da Mancomunidade de Nacións composta por unidades da Mariña Real Británica, Mariña Real Canadense, Mariña Real Neozelandesa e Mariña Real Australiana. A súa misión era neutralizar os campos de aviación xaponeses na illas Sakishima e proporcionar cobertura aérea contra os ataques kamikaze xaponeses.
Batalla naval miniatura|200px|USS Bunker Hill en chamas, tras un ataque kamikaze xaponés preto de Okinawa, 11 de maio de 1945. Á Frota Británica do Pacífico asignóuselle a tarefa de neutralizar os aeródromos xaponeses da illa Sakishima, o que fixo con éxito do 26 de marzo até o 10 de abril. O 10 de abril a súa atención desprazouse aos aeródromos no norte de Formosa. A forza retirouse á Baía de San Pedro o 23 de abril. O 1 de maio a Frota Británica do Pacífico volveu á acción e atacou de novo os aeródromos. Os portaavións sufriron varios ataques de kamikazes, pero grazas ás cubertas de voo blindadas, estes non sufriron danos irreparables e só experimentaron unha breve interrupción nas súas misións.Hastings (2007), p. 401. Nos tres meses de batalla de Okinawa, os xaponeses voaron en 1900 misións kamikaze, afundindo a ducias de barcos aliados e matando máis de 5.000 mariñeiros estadounidenses, a conta de 1465 avións kamikaze perdidos (outros 2200 avións xaponeses e 763 avións de estadounidenses tamén foron destruídos, incluso durante a batalla en terra). Os buques que se perderon foron os máis pequenos, en particular os destrutores da primeira liña de defensa, así como destrutores de escolta e buques de desembarco. Aínda que os aliados non perderon ningún dos seus portaavións, algúns deles resultaron severamente danados. Lanchas motoras con base en terra tamén foron utilizadas nos ataques suicidas dos xaponeses. A prolongada duración da campaña baixo condicións de estrés forzou ao Almirante Chester W. Nimitz a dar un paso sen precedentes: relevou os principais comandantes navais para que puidesen descansar e recuperarse. A frota cambiou a súa denominación co relevo dos comandantes navais; así comezara a campaña como 5.ª Frota, comandada polo Almirante Raymond Spruance, e finalizouna como 3.ª Frota comandada polo Almirante William F. Halsey.
Operación Ten-Go
A Operación Ten-Gō (do xaponés Kyūjitai: 天號作戰, Shinjitai: 天号作戦 ten-gō sakusen) tamén chamada como Ten-ichi-gō (Operación Ceo Un) foi a última operación naval xaponesa na guerra do Pacífico durante a segunda guerra mundial. En abril de 1945 o acoirazado Yamato, comandado polo Almirante Seiichi Itō, xunto con outros nove buques de guerra xaponeses, recibiron a orde de realizar un ataque suicida contra os aliados.Yoshida, Requiem, 30. O Yamato e outros buques, da Operación Ten-Go, foron descubertos por submarinos pouco despois de saír de augas xaponesas,Skulski, The Battleship Yamato, 12. e atacados por avións embarcados nos portaavións estadounidenses. Baixo o ataque de máis de 300 avións nun lapso de dúas horas, o maior acoirazado do mundo afundiuse o 7 de abril de 1945, moito antes de que puidese chegar a Okinawa. Os pilotos dos torpedeiros estadounidenses foran instruídos para atacar de forma eficaz, lanzando os seus torpedos preferentemente á proa ou á popa, onde a blindaxe se cría que era máis fina. Ademais do Yamato, o cruceiro lixeiro Yahagi, e catro dos oito destrutores tamén foron afundidos. No total, a Armada Imperial Xaponesa perdeu uns 3700 mariñeiros, incluíndo o almirante Itō, a un prezo de só dez avións dos Estados Unidos e 12 aviadores.
Batalla terrestre miniatura|200px|Okinawa, desembarco estadounidense 13 de abril de 1945. Os primeiros desembarcos producíronse o 26 de marzo de 1945 cando tropas da 77.ª División de Infantaría desembarcaron nas illas Kerama a uns 32 km ao suroeste das praias principais de Okinawa.Chant, Batallas, p.227. Tras cinco días de combates, a illa foi declarada segura. O 31 de marzo marines do Batallón de Recoñecemento e soldados da 77.ª División desembarcaron sen oposición na illa Keise Shima, a só 16 km ao oeste da capital de Okinawa, Naha; a illa sería utilizada como base principal da artillaría pesada.
Norte de Okinawa O desembarco foi realizado polo XXIV Corpo e o III Corpo Anfibio nas praias Hagushi na costa oeste de Okinawa o Día-L 1 de abril de 1945, que cadrou no domingo de Pascua. Ás 08:30 horas, 4 divisións estadounidenses, a 7.ª e 96.ª de Infantaría e a 1.ª e 6.ª de Marines, comezaron o desembarco. En apenas unha hora e sen oposición, 16 000 homes xa tomaran terra. Ao caer a noite, a cifra alcanzou os 60 000. A 2.ª División de Marines realizou unha manobra de distracción fronte ás praias de Minatoga na costa sueste para confundir os xaponeses sobre as intencións estadounidenses e evitar que os defensores se moveran de alí.Chant, Batallas, p. 228. O X Exército estendeuse por todo o centro-sur da illa con relativa facilidade, capturando as bases aéreas de Kadena e Yomitan. Á luz da débil oposición, o xeneral Buckner decidiu proceder inmediatamente coa segunda fase do seu plan: a toma do norte de Okinawa. A 6.ª División de Marines encabezou o ataque no istmo de Ishikawa. O terreo era montañoso e boscoso, coas defensas xaponesas concentradas en Yae-Take, unha masa retorcida de cristas rochosas e barrancos na península de Motobu. Houbo fortes enfrontamentos antes de despexar a península o 18 de abril. Os marines da 6.ª División percorreron 135 km, apoderándose de 1.129 km². As baixas xaponesas foron máis de 2500 mortos e 46 prisioneiros, as baixas dos marines foron 236 mortos, 1061 feridos e 7 desaparecidos. Mentres tanto, o 16 de abril a 77.ª División de Infantaría atacou Ie Shima, unha pequena illa no extremo occidental da península. Houbo fortes enfrontamentos antes de que Ie Shima fora declarada asegurada o 24 de abril e fora convertida noutra base aérea para as operacións contra o Xapón.Chant, p.228.
Sur de Okinawa miniatura|200px|Marines da 1.ª División en Okinawa. miniatura|200px|Bombardeo efectuado por un F4U dos marines. miniatura|200px|Mapa da batalla de Sugar Loaf Hill.