Ramón Sampedro Cameán, nado na parroquia de Xuño o 5 de xaneiro de 1943 e finado en Boiro o 12 de xaneiro de 1998, foi un mariñeiro, escritor galego e defensor da eutanasia.
Traxectoria miniatura|dereita|As furnas, Praia das Furnas, Xuño, O Porto do Son. Con 19 anos enrolouse na mariña mercante como mécanico co obxectivo de coñecer mundo. Aos 25 anos, o 23 de agosto de 1968 un accidente na praia das Furnas, no Porto do Son, déixao tetrapléxico, sen poderse mover de pescozo para abaixo. Decidido a morrer, pero impedido fisicamente para suicidarse, emprende unha loita legal polo dereito a exercer a eutanasia. Co código penal español, a eutanasia activa, é dicir, a axuda a morrer a unha persoa que ten vontade de facelo pero que non pode facelo en por si, está castigada pola lei e considerada homicidio.
Esta loita legal non deu os froitos agardados, malia a repercusión dos medios do caso, pois chegou tanto á xustiza española como a unha comisión europea en Estrasburgo. O seu caso apareceu nos xornais de todo o mundo.
En xaneiro de 1998, e logo de vinte e nove anos sen poder moverse, leva a cabo un plan para acabar coa súa vida, coa axuda de diversas persoas. Envelénase con cianuro potásico e filma os seus últimos momentos e a súa morte cunha cámara de vídeo, para exculpar esas persoas. A xornalista Ramona Maneiro foi acusada de achegarlle o vaso co veleno, pero foi absolta por falta de probas. Anos máis tarde, cando o delito xa prescribira, Maneiro recoñeceu que fora ela quen o asistira no suicidio.
Obra Escribiu dous libros: Cartas desde el infierno (1996) onde agrupou os seus escritos ata ese momento e, xa postumamente, o poemario Cando eu caia (1998). Traducida ao castelán.
Cartas desde el infierno (Planeta, 1996) Cando eu caia (Edicións Xerais, 1998)
Cine Condenado a vivir é un telefilme realizado para a TVG en 1999 que leva á ficción a historia de Ramón Sampedro. O actor encargado de dar vida ó tetrapléxico coruñés é Ernesto Chao. No 2004, Alejandro Amenábar levou as súas vicisitudes ao cine con Mar adentro, filme que recibiu gran cantidade de premios, entre os que destacou un Óscar ó mellor filme en lingua non inglesa. O papel de Ramón Sampedro interpretouno Javier Bardem. Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Live and Let Die, na revista TIME.
Categoría:Escritores en lingua galega Categoría:Poetas de Galicia Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Nados no Porto do Son Categoría:Nados en 1943 Categoría:Finados en 1998