Germán Waidele Figueirido, nado en Ourense o 11 de novembro de 1927 e finado en Gandia (provincia de Valencia) o 2 de outubro de 2012, foi un futbolista galego, máis coñecido como Mekerle e como Mecarle. Xogaba na posición de dianteiro.
Traxectoria
Fillo dun alemán e unha muller de Arbo. Xogou no Rápido de Pereiró, e en 1947 estivo a proba no Celta de Vigo e xogou co Berbés (por entón filial celeste) un partido de homenaxe a Deva. Tras xogar no Pontevedra CF na tempada 1947-48, fichou polo equipo vigués. Por mor dunha lesión nun adestramento non puido debutar en primeira división até o 16 de xaneiro de 1949 en Alcoi, nunha derrota por 1-0 ante o Alcoyano.
A tempada seguinte foi a da súa confirmación, ao coincidir co nacemento da chamada "Dianteira Eléctrica" ou "Fronte de Xuventudes" pola súa curta idade, que estaba composta por Atienza, Hermidita, Sobrado, Vázquez e o propio Mekerle. Estreouse como goleador fronte ao Athletic Club en San Mamés. Nun encontro no Estadio Municipal de Balaídos fronte ao FC Barcelona bateu contra o porteiro rival Velasco e causoulle unha lesión ocular, o que fixo que despois acadase a titularidade Antoni Ramallets. A tempada 1950-51 foi a mellor da carreira de Mekerle, anotando 12 goles en 23 partidos. Nas 6 tempadas que Mekerle xogou no Celta disputou un total de 82 partidos oficiais en Liga marcando 29 goles.
Despois dunha ano no que tivo un papel secundario por problemas extradeportivos co adestrador ao negarse a entrar no campo de Sarriá, o que lle custou unha multa económica e case a expulsión da disciplina olívica, en 1954 fichou polo Hércules CF, onde xogou catro tempadas. Na tempada 1958-59 xogou no RCD Mallorca e despois estivo dous anos no Cádiz CF e dous no Orihuela Deportiva CF.
Tras retirarse como xogador, foi adestrador de balonmán no porto de Alacant e de fútbol na UD Onil. Ademais, traballou como celador no hospital de Alacant.
Vida persoal
Casou en Alacant con Mercedes González Meiriño e tiveron un fillo.
Notas
Categoría:Futbolistas de Ourense Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Hércules CF