O vello faro de illa Pancha atópase na illa Pancha, na parte máis occidental da ría de Ribadeo. Foi comezado a construír en 1857. Comparte illa co novo faro, o único en funcionamento como tal dende 1983.

Pertence ó Dominio Público Portuario do servizo de sinalización marítima. Dende 1993 depende da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.

Historia Planeado como unha luz de terceira orde destinada a alumear a entrada á ría e ao porto de Ribadeo, e contratado o 31 de maio de 1857, este faro inaugurouse o 30 de decembro de 1859 cun alcance de 9 millas náuticas. Unha real orde do 29 de novembro de 1860 dispuxo o seu acendido para o 30 do mes seguinte coa aparencia de luz fixa vermella e 9 millas de alcance. Este faro estivo activo ata o 1 de outubro de 1983, data na que entrou en funcionamento o novo faro.

O proxecto do enxeñeiro Marcelo Sánchez Movellán, cun orzamento de 47 500 reais, ideou unha luz simétrica, elevada 9 m sobre o terreo (24 m sobre o nivel do mar), coa torre cadrada de 3,5 m de lado e 6,7 m de altura encaixada no centro dun edificio de planta cadrada e 128 m² de superficie para así protexela dos temporais. A torre remata nun balcón de ferro forxado e unha torre octogonal para soportar a lanterna hexagonal de vidros planos.

En 1858 engadiuse unha ponte de ferro sobre tres piares ancorados en dous illotes. Como faro de illa, e a categoría da súa luz, debía estar atendido por dous torreiros; con todo, para economizar no servizo e suprimir un encargado decidiuse construír unha ponte de unión con terra. En 1883 substituíuse a lámpada por unha de petróleo dunha mecha. En 1917 entrou en servizo un xogo de pantallas para producir ocultacións.

miniatura|Os dous faros, no 2012. No último terzo do século XX foi construído un segundo faro na illa, o único que funciona dende 1983, se ben o vello faro aínda mantén montada a lente de Fresnel. O novo faro ten unha torre illada con lanterna de montantes inclinados, acadando a súa luz as 21 millas náuticas. É un dos 187 do patrimonio administrado por Portos do Estado (dependente do Ministerio de Fomento).

Coa adopción do faro no 1993 pola Autoridade Portuaria de Ferrol - San Cibrao instalouse un sistema de alimentación de reserva composto por baterías encargadas de subministrar a corrente continúa en caso de fallo da rede eléctrica. Tamén foi monitorizado o faro na súa totalidade para ser supervisado dende o centro de control situado no porto de Ferrol.

En 2002 realizáronse actuacións na illa para mellorar a contorna dos faros antigo e novo. No ano 2004 reforzouse a ponte de acceso á illa. No ano 2006 substituíuse o equipo luminoso de reflectores por unha lanterna de óptica xiratoria con paneis de Fresnel e con cambiador de lámpada principal e outra de reserva de 70 W.

No ano 2014 comezou o proceso para que o vello faro sexa usado coma hotel no marco da iniciativa 'Faros de España', contando con oposición veciñal. En abril de 2017 comezou a actividade como apartamentos turísticos con dúas habitacións.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Lista de faros de Galicia Ligazóns externas Mapa dos faros e balizas da Autoridade Portuaria de Ferrol Listaxe de faros en Galicia

Categoría:Ribadeo Illa Pancha