Os taumarqueotas ou Thaumarchaeota (en grego "arqueas marabillosas") son un novo filo recentemente proposto de Archaea, que comprende só catro especies: Nitrosopumilus maritimus, Cenarchaeum symbiosum, Nitrososphaera viennensis, e Nitrososphaera gargensis (e hai varias especies máis propostas para ser incluídas no grupo). Todos os organismos deste grupo descubertos ata agora son oxidantes de amoníaco quimiolitoautótrofos e crese que poden desempeñar un importante papel nos ciclos bioxeoquímicos como o ciclo do nitróxeno e o do carbono.

O filum foi proposto en 2008 baseándose en datos filoxenéticos, como as secuencias dos xenes dos ARN ribosómicos destes organismos, e a presenza dunha forma de topoisomerase de tipo I que se pensaba que só existía en eucariotas. Esta asignación foi confirmada por posteriores análises publicadas en 2010 que examinaron os xenomas das arqueas oxidantes de amoníaco Nitrosopumilus maritimus e Nitrososphaera gargensis, que concluíron que estas especies formaban unha liñaxe distinta, que incluía tamén a Cenarchaeum symbiosum, que foi o primeiro membro dos que hoxe son Thaumarchaeota que foi descrito.

O Cenarchaeum symbiosum (orde Cenarchaeales) atopouse vivindo en simbiose cunha esponxa mariña. Esta especie pensábase que estaba emparentada con especies de Crenarchaeota non termofílicas que habitan en diversos ambientes terrestres e mariños. Agora inclúese en Thaumarchaeota. Esta especie crece ben a 10 °C.

En 2005, publicáronse as evidencias do cultivo de Nitrosopumilus maritimus, que é un organismo que oxida o amoníaco illado dun tanque dun acuario mariño, que crece a 28 °C. Pensouse inicialmente que era un Crenarchaeota "de baixa temperatura".

Notas

Categoría:Arqueas