Jorge Cano Bermúdez de Castro, nado na Coruña o 4 de xullo de 1990, é un futbolista galego. Xoga de interior dereito no Compostela.
Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol aos 7 anos na canteira do Montañeros, ata que en idade alevín ingresou no Deportivo da Coruña. Pasou polas diferentes categorías inferiores do club ata o equipo xuvenil, e en 2009 regresou ao Montañeros, para xogar co primeiro equipo na Segunda División B.
Debutou na categoría de bronce do fútbol español na xornada 5 da tempada 2009/10, da man do adestrador José Ramón ante o Eibar en Ipurua. Marcou o seu primeiro gol na seguinte xornada, contra o Barakaldo, e a partir de entón comezou a ser habitual no once titular do equipo. Militou durante tres tempadas no Montañeros, disputando 84 partidos e sumando 13 goles, ata que ao remate da tempada 2011/12 o club descendeu e prescindiu do seu equipo sénior.
Na pretempada 2012/13 anunciouse a súa volta ao Deportivo da Coruña, para militar no seu filial, o Fabril, na Terceira División. Militou unha soa tempada no equipo adestrado por José Luis Devesa, disputando 32 partidos de liga e 2 máis da frustrada promoción de ascenso.
En 2013 fichou polo Cerceda, da mesma categoría. Durante a súa primeira tempada, o equipo dirixido por José Luis Lemos rematou subcampión do grupo I, mentres que Jorge Cano foi o máximo goleador do grupo, con 24 goles, 3 máis que o segundo, Curra. Disputou a promoción de ascenso e marcou un gol ante o Tenerife B, pero o equipo caeu na primeira eliminatoria. Na seguinte campaña sumou 13 goles e volveu xogar a promoción de ascenso, perdendo de novo na primeira rolda, desta vez ante a SD Logroñés.
En 2015 recalou no Boiro, no que militou durante as seguintes tres tempadas. Na primeira delas o equipo logrou o ascenso á Segunda División B como campión e Jorge Cano foi elixido mellor xogador do Grupo I Terceira División. Xa na terceira categoría, o equipo logrou a permanencia no campo, pero foi descendido administrativamente por motivos económicos. Cano pechou o seu paso polo club ao remate da tempada 2017/18, despois de 114 partidos e 32 goles.
Entre 2018 e 2022 xogou no Bergantiños, logrando na súa terceira campaña o ascenso á Segunda División RFEF. En decembro de 2019 foi titular no histórico partido de Copa do Rei contra o Sevilla en Riazor. Dous anos despois, tamén na Copa do Rei, marcoulle un gol ao Rayo Vallecano, da Primeira División, nun partido disputado nas Eiroas. Acumulou un total de 135 encontros co club de Carballo, nos que marcou 24 tantos.
En xullo de 2022 foi anunciado como novo xogador do Compostela, tamén da Segunda RFEF.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com Datos do xogador en futbolme.com
Categoría:Nados en 1990 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Montañeros CF Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do CCD Cerceda Categoría:Xogadores do CD Boiro Categoría:Xogadores do Bergantiños FC Categoría:Xogadores da SD Compostela