Denis Suárez Fernández, nado en Salceda de Caselas o 6 de xaneiro de 1994, é un futbolista galego. Xoga de mediapunta no Alaves primeira División.

Traxectoria

Comezos Comezou a xogar ao fútbol aos 4 anos na canteira do Porriño Industrial, no que xogou durante 11 anos, ata que ingresou en 2009 nas nas categorías inferiores do Celta de Vigo. Con só 16 anos debutou co Celta B na Segunda División B, nun encontro ante o Izarra. Xogou 16 partidos co filial celeste, ata que o 23 de maio de 2011 foi traspasado por preto dun millón de euros ao Manchester City, despois de ter espertado o interese de varios outros clubs, como o FC Barcelona, o Chelsea ou o Manchester United.

Manchester City Debutou co club inglés nun partido amigable de pretemporada contra Los Angeles Galaxy, substituíndo ao bosníaco Edin Džeko no minuto 88, e converteu un penalti na quenda de penaltis. Debutou oficialmente nun encontro da EFL Cup ante o Wolverhampton Wanderers, entrando como substituto de Samir Nasri no minuto 56, nun partido que o City venceu por 5-2. O seu equipo acabou proclamándose esa tempada campión da Premier League, áinda que o xogador non chegou a ser convocado para ningún partido da competición.

Na tempada 2012/13 xogou un segundo partido co primeiro equipo na EFL Cup, ante o Aston Villa, e foi convocado para un partido da Premier ante o Arsenal, pero foi no equipo de reservas no que xogou de xeito máis habitual.

FC Barcelona

Filial En agosto de 2013 foi traspasado por 1,8 millóns de euros ao FC Barcelona, co que asinou un contrato por catro tempadas, a primeira delas no equipo filial, o Barcelona B."Denis Suárez, nuevo jugador del Barcelona", artigo en Marca, 21 de agosto de 2013 . Titular indiscutible no equipo adestrado por Eusebio Sacristán, disputou 36 partidos na Segunda División, marcando 7 goles e contribuíndo ao terceiro posto na liga, igualando o mellor resultado histórico do filial barcelonés.

Cesión ao Sevilla En xullo de 2014 foi cedido ao Sevilla para as seguintes dúas campañas, como parte do acordo que levou a Ivan Rakitić ao Barcelona. Debutou co club andaluz xogando como titular na Supercopa de Europa que este perdeu ante o Real Madrid no Cardiff City Stadium, no mesmo partido que debutou como sevillista o tamén galego Iago Aspas, e sumou un total de 46 partidos durante a campaña 2014/15. O club dirixido por Unai Emery gañou ese ano a Europa League, conquista na que Denis Suárez contribuíu con 3 goles en 9 partidos (ante Rijeka, Villarreal e Zenit).

Villarreal No verán de 2015 foi traspasado ao Villarreal, club co que asinou un contrato de catro anos, aínda que o Barcelona reservou unha opción que lle permitiría recuperar ao xogador pagando unha cláusula. Foi un dos xogadores máis destacados do equipo adestrado por Marcelino, que acadou esa tempada as semifinais da Europa League e o cuarto posto na liga. Contribuíu con 48 partidos, 5 goles e 13 asistencias, sendo o terceiro máximo asistente da liga, só por detrás de Koke e Vitolo.

FC Barcelona (2ª etapa) As súas destacadas actuacións en Vila-real levárono á selección española e a que o Barcelona decidise exercer a súa opción de recompra sobre o xogador en xullo de 2016. Debutou co primeiro equipo do Barça na ida da Supercopa de España ante un dos seus anteriores equipos, o Sevilla, e acabou conquistando o título no partido de volta, no que xogou como titular. O equipo adestrado por Luis Enrique gañou tamén a Copa do Rei e Denis Suárez pechou a súa primeira tempada no equipo con 36 partidos, a metade deles como titular, e 3 goles. Ademais debutou na Liga de Campións, saíndo de inicio no derradeiro partido da fase de grupos, unha vitoria por 4-0 sobre o Borussia Mönchengladbach.

Na seguinte campaña o Barcelona gañou tanto a liga como a Copa do Rei e Denis Suárez volveu achegar tres goles, contando con minutos na final de Copa ante o Sevilla. Xogou un total de 27 partidos, 10 deles como titular. Os seus números reducíronse na súa terceira tempada no Barcelona, na que apenas contou coa confianza do técnico Ernesto Valverde, excepto nos partidos da Copa do Rei, polo que en xaneiro foi cedido ao Arsenal.

Cesión ao Arsenal Aínda que debutou só catro días despois da súa fichaxe diante do seu exequipo, o Manchester City, no equipo de Londres viviu unha mala experiencia por mor das lesións. Xogou só 95 minutos co Arsenal, repartidos en seis partidos (catro na Premier League e dous na Europa League).

Celta de Vigo En xuño de 2019 regresou ao Celta de Vigo, que pagou polo seu traspaso preto de 13 millóns de euros. Vestiu por primeira vez a camiseta do primeiro equipo celeste na xornada inaugural da tempada 2019/20, unha derrota en Balaídos contra o Real Madrid (1-3). Xogou 105 partidos co Celta nas tres primeiras tempadas das catro que compoñían o seu contrato, marcando 5 goles. Con todo, en xullo de 2022 foi apartado do equipo por orde do presidente Carlos Mouriño, quen acusou ao xogador de ter influído a Bryan Bugarín na súa decisión de marchar ao Real Madrid, a través do seu papel nunha axencia de representación de futbolistas. Denis Suárez sempre negou esta acusación, pero non volveu vestir a camiseta do Celta. Despois de oito meses apartado do equipo, deixou o club en xaneiro de 2023.

Espanyol En xaneiro de 2023 asinou un contrato por cinco meses co Espanyol, cedido polo Celta ata a fin do seu contrato, e outro para xogar dende o verán no Villarreal. No club catalán tivo como adestrador ao tamén galego Diego Martínez ata que os malos resultados do equipo levaron á súa destitución e á chegada de Luis García. Denis Suárez disputou 18 partidos, 11 deles como titular, pero non puido evitar o descenso do equipo.

Villarreal (2ª etapa) No verán de 2023 regresou ao Villarreal, o equipo no que máis destacara oito anos antes.

Selección nacional

Selección española Foi internacional coas categorías inferiores da selección española, coas que disputou preto de medio cento de partidos, conquistando o Europeo sub-19 de 2012 en Talín. O 29 de maio de 2016 disputou o seu primeiro e único partido coa selección española absoluta, sendo convocado por Vicente del Bosque para un amigable ante Bosnia e Hercegovina. Saltou ao terreo de xogo do Kybunpark tralo descanso, como substituto do canario David Silva.

Selección galega Foi convocado pola selección galega para o partido contra Venezuela disputado no estadio de Riazor o 20 de maio de 2016, que finalizou con empate (1–1).

Palmarés Sevilla Europa League (1): 2014/15.

Barcelona Primeira División (2): 2017/18, 2018/19. Copa do Rei (2): 2016/17, 2017/18. Supercopa de España (1): 2016.

España sub-19 Campionato europeo da UEFA Sub-19 (1): 2012

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Ficha no sitio oficial do Manchester City

Categoría:Nados en Salceda de Caselas Categoría:Nados en 1994 Categoría:Futbolistas da provincia de Pontevedra Categoría:Xogadores do Celta de Vigo B Categoría:Xogadores do Manchester City FC Categoría:Xogadores do FC Barcelona B Categoría:Xogadores do Sevilla FC Categoría:Xogadores do Villarreal CF Categoría:Xogadores do FC Barcelona Categoría:Xogadores do Arsenal FC Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do RCD Espanyol Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-17 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-19 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Galicia