miniatura|Mero (Epinephelus marginatus) Os serránidos ( Serranidae ) son unha familia de peixes mariños incluída na orde Perciformes. Normalmente habitan en arrecifes de augas tropicais, subtropicais e temperadas, próximos á costa, nunha distribución cosmopolita; algunhas especies viven en augas doces. Hai especies que se pescan intensamente para consumo humano e son moi apreciadas gastronomicamente pola súa extraordinaria calidade.

Características Teñen un corpo robusto, alargado e algo comprimido, e poden presentar tamaños moi diversos: desde 3 cm ata 3 m, con pesos desde os 20 g ata os 400 kg. Liña lateral ben marcada, que se estende ata a base da aleta caudal. A cabeza está ben desenvolvida, coa boca grande e lixeiramente protráctil. O preopérculo é dentado (salvo algunhas excepcións) e o opérculo ten 1-3 espiñas (neste caso, unha espina principal e outras menores por riba e por baixo).

Adoitan presentar cores brillantes, nunha coloración disruptiva que pode servir de camuflaxe (a modo das raias dos tigres).

Unha ou dúas aletas dorsais, moi xuntas e sempre cunha primeira parte espiñosa (7-12 espiñas) e unha segunda de radios brandos; esta pode pregarse nunha rañura. Na anal, tres espiñas e o resto con radios brandos. As ventrais moi próximas ás pectorais. A caudal é arredondada ou truncada (raras veces bifurcada), cun pedúnculo moi groso.

Tódolos serránidos son carnívoros e aliméntanse de peixes e crustáceos ou, algunhas especies, de plancto. Adoitan ser depredadores de emboscada, agochados entre os saíntes dos arrecifes, rochosos ou coralinos, á expectativa das posibles presas ás que capturan cun rápido movemento.

Moitas especies son hermafroditas protóxinicas Comezan o seu desenvolvemento como femias e posteriormente cambian de sexo a machos. As larvas son planctónicas, e permanecen a mercé das correntes oceánicas ata que se establecen nas poboacións adultas.

Alcanzan grande importancia comercial para as pesquerías industriais e artesanais, así como para a pesca deportiva. Algunhas especies de pequeno tamaño son moi cotizadas para a cría en acuarios.

Clasificación Divídese en cinco subfamilias principais, con máis de 450 especies: Anthiinae Liopropomatinae Grammistinae Serraninae Epinephelinae

Outros autores (Nelson, 1994) establecen só tres subfamilias: Anthiinae, Serraninae e Epinephelinae (está dividida nas tribos Epinephelini, Niphonini, Liopropomatini, Diploprioni e Grammistini).

miniatura|Anthias anthias A subfamilia Anthiinae está representada por especies pequenas e de cores vistosas, de distribución circuntropical en arrecifes coralinos, en augas profundas (60–335 m). Forman estruturas sociais complexas de miles de individuos, e aliméntanse de pequenos animais planctónicos. Son consideradas hermafroditas: nacen como femias e cambian a machos durante a última parte da súa vida.

Xénero Anatolanthias Anthias Caesioperca Caprodon Dactylanthias Giganthias Hemanthias Holanthias Hypoplectrodes Lepidoperca Luzonichthys Nemanthias Odontanthias Othos Planctanthias Plectranthias Pronotogrammus Pseudanthias Rabaulichthys Sacura Selenanthias Serranocirrhitus Tosana Tosanoides Trachypoma

A subfamilia Liopropomatinae tamén está formada por especies pequenas e coloridas, que habitan principalmente en zonas profundas e con pouca luz, como covas e gretas.

Xénero Bathyanthias Jeboehlkia Liopropoma Rainfordia

A subfamilia Grammistinae agrupa especies de tamaño mediano, asociadas a ambientes de covas e grietas. Aliméntanse de pequenos crustáceos. A maioría excreta unha toxina a través da pel cando son atacados, coa que repelen os seus depredadores.

Xénero Belonoperca Rypticus Diploprion Aporops Pseudogramma Suttonia Grammistes

miniatura|300px|Serranus cabrilla Na subfamilia Serraninae hai especies de tamaño pequeno a mediano, abundantes en arrecifes rochosos e zonas areosas costeiras. Son carnívoros solitarios que viven no fondo e aliméntanse de pequenos crustáceos e peixes. Algunhas especies son hermafroditas simultáneos, e os individuos funcionan como machos e femias ó mesmo tempo. Outras especies cambian de sexo, desde femias a machos ó longo da súa vida, e outras presentan sexos separados.

Xénero Acanthistius Bullisichthys Centropristis Chelidoperca Cratinus Diplectrum Hypoplectrus Paralabrax Parasphyraenops Schultzea Serraniculus Serranus

miniatura|300px|Paranthias furcifer Finalmente, a subfamilia Epinephelinae comprende as especies de maior tamaño, aínda que tamén outras pequenas. Son depredadores na cadea trófica e controlan a densidade de especies herbívoras e planctívoras nos arrecifes. A maioría son hermafroditas, cambiando o sexo de femia a macho durante a súa vida.

Xénero Aethaloperca Alphestes Anyperodon Aulacocephalus Cephalopholis Cromileptes Dermatolepis Epinephelides Epinephelus Gonioplectrus Gracila Grammistops Mycteroperca Niphon Paranthias Plectropomus Pogonoperca Saloptia Triso Variola

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas FishBase