Kosmos 215 (Космос 215 en ruso), tamén denominado DS-U1-A Nº 1 e Zybalik (que significa pimpín en ruso), foi un satélite artificial soviético lanzado o 18 de abril de 1968 mediante un foguete Kosmos 2I desde Kapustin Yar que é considerado como o primeiro observatorio espacial.

Características Kosmos 215 foi o primeiro e único membro do modelo de satélites DS-U1-A. Estaba adicado a facer observacións da ionosfera terrestre e da radiación de estrelas xoves. O satélite non estaba estabilizado, pero a súa velocidade de rotación foi limitada a 0,12 graos/s mediante un mecanismo de freado. A identificación das estrelas fíxose grazas a un magnetómetro e a que dous dos telescopios proporcionaban información sobre as magnitudes visuais B e V.

Kosmos 215 foi inxectado nunha órbita inicial de 426 km de apoxeo e 261 km de perixeo, cunha inclinación orbital de 48,5 graos e un período de 91,0 minutos. Reentrou na atmosfera o 30 de xuño de 1968.

Instrumentos Kosmos 215 levaba a bordo oito telescopios duns 7 cm de diámetro e un campo de visión dun grao para facer observacións no rango visible na banda entre 1250 e 2700 ángstrom, no ultravioleta e na banda de raios X entre 0,5 e 5 ángstrom. Tamén portaba dous fotómetros co que facer observacións da radiación solar dispersada nas capas superiores da atmosfera terrestre. En cada órbita, Kosmos 215 observaba entre 10 e 25 estrelas.

A carga científica do satélite foi desenvolvida por N. Dimov e V. Prokoviev no observatorio de Crimea, por Vladimir Kurt no instituto Sternberg e por V. Tiyt en Estonia.

Resultados Kosmos 215 mideu a luminiscencia da envoltura de hidróxeno da Terra, confirmando que se estende ata os 20 000 km de altura e descubriu (simultaneamente con satélites norteamericanos) un resplandor a latitudes tropicais, producido case con seguridade pola recombinación de electróns con hidróxeno atómico.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Satélites Kosmos Categoría:Programa Dnepropetrovsk Sputnik Categoría:Observatorios espaciais