A fauna de EdiacaraPronunciado en Australia "idiácara" (/iːdiˈækərə/), tamén coñecida como organismos ediacáricos, biota de Ediacara, biota ediacariana, biota do período ediacárico ou, anteriormente, biota ou fauna vendiense ou vendiana, está formada por antigas formas de vida sésiles con formas tubulares ou foliáceas que habitaron a Terra durante o período ediacárico (hai uns 635-542 millóns de anos) e que representan os organismos pluricelulares complexos máis antigos coñecidos.Outros organismos multicelulares máis sinxelos, como as algas vermellas apareceron polo menos hai 1 200 millóns de anos, pero os organismos ediacáricos están considerados como os primeiros organismos complexos dos que se ten rexistro fósil.
Apareceron pouco despois de que a Terra se desxeara despois da extensa e última glaciación do período crioxénico, e desapareceron en gran parte pouco antes da rápida aparición de biodiversidade coñecida como explosión cámbrica, que consistiu na primeira aparición no rexistro fósil dos patróns e morfoloxías básicas que máis adiante formarían a base dos animais modernos.
A estes patróns incorporaríanse poucos elementos propios da diversidade dos organismos ediacáricos, xa que os posteriores organismos do Cámbrico desprazaron e substituíron totalmente as formas de vida que dominaran o rexistro fósil de Ediacara.
Os organismos ediacáricos apareceron por primeira vez hai uns 580 millóns de anos, e prosperaron até o inicio do Cámbrico, hai 542 millóns de anos. Aínda que se descubriron en estratos correspondentes ao Cámbrico medio (hai uns 510-500 millóns de anos) algúns raros fósiles que poderían representar superviventes, as comunidades de fósiles máis primitivas desapareceron do rexistro fósil ao final do período ediacárico, deixando unicamente curiosos fragmentos dos ecosistemas que anteriormente prosperaran.Conway Morris, S. (1993): "Ediacaran-like fossils in Cambrian Burgess Shale–type faunas of North America". Palaeontology 36 (0031-0239): pp. 593–635. Existen diversas hipóteses para explicar esta desaparición, entre elas unha mostraxe polarizada, un ambiente cambiante, a aparición de depredadores ou a competencia con outras formas de vida.
A posición filoxenética destes organismos constitúe un gran problema para os paleontólogos. Mentres que moitos deles parecen corresponder a formas de vida sen representantes na fauna actual, algúns organismos ediacáricos parece ser que estaban estreitamente relacionados con grupos que máis adiante se converterían en prominentes; por exemplo, a morfoloxía dalgúns taxons como Funisia dorothea suxiren a súa relación cos poríferos ou cos cnidarios,Droser and Gehling 2008. Synchronous Aggregate Growth in an Abundant New Ediacaran Tubular Organism. Science 319: 1660-1662 mentres que Kimberella amosa parecido cos moluscos, e mesmo algúns propuxérona como un antepasado destes, o que levou a pensar que algúns organismos xa presentaban simetría bilateral, aínda que esta afirmación é controvertida. A maioría dos fósiles macroscópicos son morfoloxicamente distintos ás formas de vida posteriores: aseméllanse a discos, bolsas cheas de lama ou colchóns esponxosos.
Debido ás dificultades para situar estes organismos na árbore filoxenética, algúns paleontólogos suxeriron ao comezo que polo menos parte da biota edicárica representaría unha rama independente completamente extinta dentro dun reino propio, denominado Vendozoa, reclasificado no 1992 como Vendobionta.Seilacher, A. (1992): "Vendobionta and Psammocorallia: lost constructions of Precambrian evolution". Journal of the Geological Society, London 149 (4): pp. 607–613. Outros mesmo consideran que estes organismos formarían parte dunha especie de experimento fracasado da vida pluricelular, que supuxo que a vida pluricelular posterior volvera evolucionar máis adiante a partir de organismos unicelulares non relacionados.
Historia
Os primeiros fósiles ediacáricos descubertos foron os de Aspidella terranovica, con forma de disco, en 1868. O seu descubridor, Alexander Murray, un agrimensor e xeólogo, considerounos como ferramentas útiles para determinar a idade de rochas da illa de Terra Nova. Porén, como se encontraban por debaixo dos "estratos primordiais", os estratos cámbricos (que se consideraba daquela que contiñan os primeiros indicios de vida), pasaron catro anos antes de que alguén se atrevese a suxerir que podían ser fósiles. Pero a proposta de Elkanah Billings ao respecto foi descartada polos seus colegas a causa da súa explicación demasiado sinxela, e os fósiles foron considerados non como tales, senón estruturas debidas ao escape de gases, concrecións inorgánicas ou mesmo trampas colocadas por un deus malicioso para sementar a falta de fe. Naqueles tempos aínda non se coñecían estruturas similares en ningún outro lugar do mundo, e este debate pronto caeu no esquecemento.
En 1933, Georg Gürich descubriu exemplares moi similares aos de Terra Nova en Namibia, pero a firme crenza en que a vida tiña as súas orixes no Cámbrico fixo que fosen asignados a este período, e non se estableceu ningunha relación con Aspidella.
En 1946, Reg Sprigg descubriu fósiles semellantes a medusas nos outeiros de Ediacara, nos montes Flinders de Australia, pero críase que estas rochas se formaran no Cámbrico inferior, de maneira que, aínda que o descubrimento espertou certo interese, non atraeu a atención dos especialistas.
miniatura|esquerda|Cyclomedusa, un organismo do período ediacárico de filiación incerta, con aspecto esponxoso.
Non foi até o descubrimento británico do icónico Charnia, en 1957, cando se empezou a considerar seriamente que o período precámbrico puidera albergar vida. Este fósil en forma de fronde foi descuberto no bosque de Charnwood, en Inglaterra, e a causa dos detallados mapas xeolóxicos do British Geological Survey non houbo ningunha dúbida de que estes fósiles estaban insertos en rochas precámbricas. O paleontólogo Martin Glaessner estableceu finalmente a conexión entre este descubrimento e os anteriores, e cunha combinación de datacións máis precisas dos exemplares existentes e unha inxección de vigor á investigación, descubríronse moitos máis membros da fauna ediacárica.
Porén, todos os exemplares descubertos até 1967 se encontraban en xacementos de arenitos moi rugosos que impedían que quedasen conservados os detalles delicados, o que facía difícil a interpretación dos fósiles.
O descubrimento de S. B. Misra de capas de cinza fosilífera nas cinzas volcánicas de Mistaken Point (Terra Nova e Labrador) cambiou a investigación, pois a conservación dos detalles que facía posíbel a fina cinza permitiu describir características anteriormente inadvertidas.
A pobre comunicación, xunto coa dificultade de correlacionar formacións xeolóxicas globalmente distintas, fixo que xurdise unha plétora de nomes diferentes para designar estes organismos. En 1960, propúxose o nome francés Ediacarien (ediacariano ou ediacárico), derivado dos outeiros de Ediacara, no sur de Australia, fronte aos termos rivais Sinian (siniano) e Vendian (vendiano) para referirse ás rochas precámbricas terminais, nome que tamén se deu aos organismos. Finalmente, o termo Ediacarien aplicouse tamén á época ou período xeolóxico do Precámbrico final e ás súas rochas correspondentes. En marzo de 2004, a Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas (IUGS) puxo fin á inconsistencia, establecendo formalmente o nome do período terminal do Neoproterozoico na honra do topónimo australiano..
Conservación miniatura|"Tapete" de cianobacterias nas rochas ediacáricas na costa do mar Branco, en Rusia. A maior parte dos rexistros fósiles compóñense da robusta materia esquelética de cadáveres degradados. Por iso, como os organismos ediacáricos tiñan corpos brandos e carecían de esqueleto, a súa abundante conservación é sorprendente. Probabelmente contribuíu a isto a ausencia de criaturas escavadoras nos sedimentos, pois a partir da evolución destes organismos no Cámbrico as impresións de corpos brandos aparecen xeralmente bioturbadas antes de que puideran fosilizar.
"Tapetes" de microbios Os "tapetes" de microbios son zonas de sedimentos que quedaron estabilizadas pola presenza de colonias de microbios que segregan fluídos pegañentos ou unen as partículas sedimentarias de diversas maneiras. Parece que migraron cara a arriba cando quedaban cubertas por unha capa delgada de sedimentos, pero iso é unha ilusión provocada polo crecemento da colonia; os individuos en si non se moven. Se queda depositada unha capa de sedimentos demasiado grosa antes de que poidan medrar ou reproducirse a través dela, algunhas partes da colonia morren, deixando fósiles cunha característica textura engurrada de "pel de elefante".
miniatura|Neste fósil de Charniodiscus apenas pode distinguirse a textura de "pel de elefante". A maioría dos estratos ediacáricos coa textura de "pel de elefante" (característica dos "tapetes" de microbios que conteñen fósiles), ademais do resto de fósiles deste período, encóntranse case sempre en estratos que conteñen estes tapetes. Aínda que os tapetes de microbios estiveron moi estendidos no pasado remoto, a evolución dos seus depredadores naturais no Cámbrico fixo diminuír significativamente o número dos organismos pacedores, polo que estas comunidades están actualmente limitadas a refuxios inhóspitos, onde os depredadores non poden sobrevivir o tempo suficiente como para comelas.
Fosilización A conservación destes fósiles está considerada como un enigma científico fascinante pois ao seren organismos de corpo brando, normalmente non fosilizarían. A diferenza doutras formas de vida de corpo brando posteriores (como as dos xistos de Burgess ou as calcarias de Solnhofen), os organismos ediacáricos non estaban localizados en ambientes restrinxidos suxeitos a condicións locais infrecuentes, senón que eran un fenómeno global. Por tanto, os procesos que interviñeron na fosilización deberon ser sistemáticos e presentes en todo o mundo. Deberon existir condicións moi diferentes ás actuais durante o período ediacárico que permitiron que estas delicadas criaturas se conservasen. A hipótese máis estendida é que os fósiles se preservaron grazas a que foron rapidamente cubertos por cinzas ou area, atrapándoos xunto á lama ou aos tapetes de microbios nos que vivían. As capas de cinza ofrecen máis detalles fósiles e poden datarse con precisión cunha marxe de erro dun millón de anos ou menos por medio da datación radiométrica.
Porén, é máis habitual encontrar fósiles ediacáricos en capas de area depositadas por tormentas ou por correntes oceánicas de alta enerxía que arrastraban as capas superficiais do fondo mariño, coñecidas como turbiditas. Os organismos de corpo mol case nunca fosilizan así, pero a presenza de extensas capas de microbios probabelmente contribuíu á preservación dos organismos ediacarianos, estabilizando as impresións no sedimento.
Alcance da conservación O ritmo de cementación do substrato superxacente, en relación ao ritmo de descomposición do organismo é o que determina se se conserva ou non a superficie (superior ou inferior) do organismo. A maioría dos fósiles en forma de disco descompuxéronse antes de que se cubrira o substrato superxacente, e a cinza ou a area encheron o baleiro, deixando un molde da parte inferior do organismo. En cambio, os fósiles de organismos esponxosos tenden a descompoñerse despois da cementación do sedimento superxacente, polo que se conserva a superficie superior. A súa natureza máis resistente reflíctese no feito de que, en raras ocasións, se encontran fósiles de organismos esponxosos dentro de estratos acumulados por tormentas. A violenta sedimentación non as destruíu, como sucedería cos discos, menos resistentes. Ademais, nalgúns casos, a precipitación bacteriana de minerais formou unha "máscara mortuoria" similar a un molde do organismo.
Morfoloxía