miniatura|O rapto das sabinas, por Jacques-Louis David, 1799, óleo sobre lenzo, 385 x 522 cm, Museo do Louvre, París.miniatura|A morte do Xeneral Wolfe, por Benjamin West, 1770, óleo sobre lenzo, 151 × 213 cm, Galería Nacional do Canadá, Ottawa. A pintura de historia, ou pintura histórica, é un xénero pictórico que se inspira en escenas con eventos da historia cristiá, da historia antiga (Mesopotámica, exipcia, grega, romana...), da mitoloxía ou dos acontecementos históricos recentes. Igualmente, inclúese neste xénero a alegoría e aqueles cadros que toman a súa narración non da historia senón da literatura. É dicir, chámaselle «histórica» non porque represente exclusivamente acontecementos históricos senón porque narra unha historia.Laneyrie-Dagen, en Ler a pintura, páx. 24, define así a «pintura de historia»:
Valoración A pintura de historia considerouse tradicionalmente como o xénero máis importante. Esta preeminencia explícase dentro dun concepto determinado da arte en xeral: non se valora tanto que a arte imite á vida, senón que propón exemplos nobres e verosímiles. Non se narra o que os homes fan senón o que poden chegar a facer. Por iso deféndese a superioridade daquelas obras artísticas nas que o narrado considérase elevado ou nobre.
Xa o renacentista Alberti, na súa obra De pictura, Libro II, sinalou que «a relevancia dun cadro non se mide polo seu tamaño, senón polo que conta, pola súa historia».Calvo Serraller, Os xéneros da pintura, páx.19. A idea provén da Grecia clásica, na que se valoraba máis a traxedia, isto é, a representación dunha acción nobre executada por deuses ou heroes, que a comedia, que se entendía como as accións cotiás de persoas vulgares. Neste sentido, Aristóteles, no seu Poética, acaba dando prevalencia á ficción poética, pois narra o que podería suceder, o que é posible, verosímil ou necesario, máis que o realmente sucedido, que sería o campo do historiador. Agora ben, tendo presente que non se trata de que esa ficción sexa pura invención ou fantasía senón que o mito é fabulación, estilización ou idealización a partir de exemplos humanos posibles historicamente. Cando Aristóteles valora por riba de todo á traxedia é porque, de entre todas as accións humanas posibles, as que imita son as mellores e máis nobres.
É por iso que, cando en 1667 André Félibien (historiógrafo, arquitecto e teórico do clasicismo francés) xerarquiza os xéneros pictóricos, reserva o primeiro lugar á pintura de historia, á que considera o grand genre. Durante os séculos XVII ao XIX, este xénero foi a pedra de toque de todo pintor, no que debía esforzarse por destacar, e que lle valía o recoñecemento a través de premios (como o Premio de Roma), o favor do gran público e mesmo o ingreso nas academias de pintura. Ademais do elevado da mensaxe que transmitían, existían razóns técnicas. En efecto, este tipo de cadro esixía ao artista un gran dominio doutros xéneros como o retrato ou a paisaxe, e debía ter certa cultura, con coñecementos en particular de literatura e historia.
Certamente, esta posición comezou a decaer dende finais do século XVIII e ao longo do XIX, en proveito doutros xéneros como o retrato, as escenas de xénero e a paisaxe. Aos poucos comezouse a valorar máis a representación do que a arte clásica consideraba «comedia»: o cotián, as historias menores de xente vulgar. Non por casualidade, as representacións que fixo Hogarth dos seus contemporáneos foron chamadas por este comic history painting («pintura de historia cómica»).
Características A pintura de historia caracterízase, en canto ao seu contido, por ser unha pintura narrativa: a escena representada conta unha historia. Expresa así unha interpretación da vida ou transmite unha mensaxe moral ou intelectual.
Adoitan ser cadros de grande formato, grandes dimensións. Hai unha concentración duns poucos personaxes principais no medio doutros personaxes menores en confusa multitude. E todo iso enmarcado, xeralmente no fondo e os lugares menos destacados do cadro, en estruturas arquitectónicas propias da época que se representa.
As cores adoitan ser sobrias. Dáse importancia ao coidado nos accesorios, nos detalles das vestimentas ou os obxectos relacionados co tema a tratar. No entanto, o acontecemento, se é axeitado, non necesita ocorrer exactamente como se representa, e os artistas con frecuencia tómanse grandes liberdades cos feitos históricos á hora de retratar a mensaxe desexada. Isto non foi sempre así, pois nun principio os artistas vestían aos seus personaxes con traxe clásico, con independencia de cando ocorresen os feitos que se relatan. Cando, en 1770, Benjamin West propúxose representar A morte do Xeneral Wolfe en traxe contemporáneo, diversas persoas dixéronlle con firmeza que empregase vestimenta clásica. Pero el representou a escena coa roupa do momento no que ocorreu o acontecemento. Aínda que o rei Xurxo III rexeitou mercar a obra, West tivo éxito tanto ao superar as obxeccións dos seus críticos como á de inaugurar un estilo máis axeitado dende o punto de vista histórico en semellantes pinturas.
Clases Dentro da pintura de historia cabe diferenciar clases de cadros pola orixe do tema representado, xa que o exemplo nobre que propón podía provir da historia, tanto clásica como contemporánea ao autor; a mitoloxía, ou a relixión cristiá. Igualmente, poden representarse acontecementos do pasado próximo, literarios ou alegóricos.
Os acontecementos históricos elixidos serían iconográficos, non só representaban acontecementos importantes, senón algúns de particular significación na sociedade do pintor. Así, por exemplo, a firma da declaración de independencia dos Estados Unidos é un tema propio da pintura de historia estadounidense. Obsérvase un predominio das representacións de reis e de batallas.
miniatura|esquerda|Representación de san Bartolomeu no Xuízo Final da Capela Sistina, obra de Miguel Anxo. A pel que sostén na man permite identificalo como este santo.|343x343px Dentro da pintura de historia relixiosa atópanse episodios do Antigo Testamento, dos Evanxeos, así como vidas de Xesús, a Virxe e da heroica lenda dourada dos santos. As figuras relixiosas representan as ideas, os preceptos e as fontes de inspiración, de xeito que podían chegar a ser pretextos dunha expresión dialéctica ou satírica do tema. As representacións de santos adóitanse facer cos seus atributos, é dicir, acompañadas as figuras con certos obxectos simbólicos que permiten identificar a cal dos numerosos personaxes do santoral cristián está a referirse a pintura. Isto esixe certa cultura por parte do espectador, que en moitos casos segue conservándose, como as chaves para identificar a San Pedro ou santa Catarina e a roda. Pero na maioría dos supostos, é necesario un estudo máis profundo ou recorrer a dicionarios ou obras modernas de Historia da arte para achar a clave e saber, por exemplo, que un santo representado coa pel colgando é san Bartolomeu por ser despelexado no seu martirio.
A mitoloxía, en particular a grecorromana foi fonte de inspiración de numerosas obras. Moitas veces os deuses e as deusas da mitoloxía antiga representaban diferentes aspectos do psiquismo humano. Cabe observar que tamén neste caso recórrese a representacións dos deuses clásicos con atributos para identificalos, sendo neste sentido exemplar a reiterada representación do deus Zeus/Xúpiter como un home con barba e un raio.
A alegoría tiña igualmente un sentido moralizante, representando moitas veces virtudes humanas como a Xustiza ou a Fortaleza. Neste subgénero os feitos represéntanse de forma simbólica, máis que narrativa. Unha muller con espada e balanza é unha representación da «Xustiza». Como ocorre cos santos e os seus atributos, as alegorías expoñen o problema de esixir ao espectador unha certa cultura que lle permita achar no cadro as claves para identificar o que se estaba representando. Gran parte desta cultura clásica perdeuse para o espectador actual, polo que como ocorre cos santos e os seus atributos, debe recorrer a outras obras para identificar o que se está representando no lenzo a través dos obxectos simbólicos. Como no resto da pintura histórica, as dimensións son considerables. Os personaxes están revestidos de traxes intemporaris, mais a miúdo nun estado de nudez ou seminuez. Exemplos desta pintura alegórica son a A Fortaleza de Botticelli (1470) no renacemento ou A Riqueza, de Vouet (segundo cuarto do século XVII) no barroco.
Unha variante que combina a historia propiamente dita coa alegoría atópase na «historia alegórica». En principio, o cadro representa un acontecemento ocorrido realmente, pero introduce no cadro elementos simbólicos propios da alegoría. Exemplo deste tipo de historia alegórica son O desembarco de María de Médicis no porto de Marsella ou A liberdade guiando ao pobo. No primeiro deles, obra de Rubens, pódese ver o feito histórico da chegada a Francia de María de Médici, xa casada por poderes co rei Henrique IV; pero hai elementos no mar que son puramente alegóricos, como sereas ou ninfas, Neptuno e as nereidas.
Os relatos literarios que se narraban nas pinturas de historia adoitaban ser da antigüidade grecorromana ou, xa no renacemento, novos clásicos como a Xerusalén liberada de Torquato Tasso ou a Divina Comedia de Dante.
Evolución da pintura de historia A pintura de historia relixiosa é o xénero que predominou durante toda a Idade Media Occidental. Pero no Renacemento deuse paso a outros sub-xéneros dentro desta pintura narrativa, xurdindo temas de historia non relixiosa. Entre os que se atreveron a penetrarse neste novo campo estiveron Sandro Botticelli (á parte dos seus cadros mitolóxicos ou morais, a Historia de Nastaglio degli Onesti), Paolo Uccello (A batalla de San Romano), Leonardo da Vinci (A batalla de Anghiari) e o cume do cinquecento, as Estancias de Rafael no Vaticano.
A pintura de historia seguirá sendo desenvolvida no barroco, pondo aos grandes pintores ao servizo das grandes monarquías, sendo impresionante a nómina que traballou para a Monarquía Hispánica: Rubens, Velázquez, Lucas Jordán... Nos séculos XVII e XVIII viviuse o máximo esplendor dos subxéneros da pintura relixiosa, mitolóxica e alegórica. Dentro dos artistas especialmente coñecidos por traballar a pintura de historia nesta época atópase Charles Le Brun.
miniatura|A Liberdade guiando o pobo, por Eugène Delacroix, 1830, óleo sobre lenzo, 259 × 325 cm, Museo do Louvre, París.
Durante o neoclasicismo, e o que con máis amplitude temporal denomínase pintura académica ou academicismo, a pintura de historia tivo un tratamento moi destacado. O pintor que pode considerarse máximo expoñente deste movemento foi sen dúbida o francés Jacques-Louis David, que xa tivo gran repercusión pública antes da Revolución francesa con temas da antigüidade grecorromana como O xuramento dos Horacios, Belisario ou Os lictores levando a Bruto os corpos dos seus fillos; logo, durante a Revolución, representou temas históricos contemporáneos como a Morte de Marat; e despois pasou a ser o pintor áulico de Napoleón Bonaparte (A coroación de Napoleón).
Frecuentemente, en particular despois do desenvolvemento do neoclasicismo, durante a Revolución francesa e o século XIX, a pintura de historia concentrouse na representación de heroes, xeralmente masculinos, espidos; con todo, esta tendencia foi atenuándose no XIX.
Durante o romanticismo, Eugène Delacroix continuou co tratamento deste xénero, en obras como A matanza de Chios ou A Liberdade guiando o pobo. De feito, A balsa da Medusa, de Gericault, o manifesto da pintura romántica, pode considerarse tamén unha pintura de historia.