Stephanie Lynn "Stevie" Nicks, nada o 26 de maio de 1948 en Phoenix (Arizona), é unha cantante e compositora estadounidense, coñecida sobre todo polo seu traballo con Fleetwood Mac e a súa extensa carreira en solitario, que colectivamente produciron máis de 40 éxitos top 50 e venderon ao redor dos 140 millóns de álbums. Foi considerada "A raíña reinante do Rock and Roll" pola revista Rolling Stone, e como membro de Fleetwood Mac, foi engadida ao Rock and Roll Hall of Fame en 1998. Como artista en solitario, foi nomeada a oito premios Grammy, e con Fleetwood Mac a cinco máis.
Nicks uniuse a Fleetwood Mac en 1974, xunto coa súa parella sentimental e artística Lindsey Buckingham. O segundo álbum de Fleetwood Mac tras a incorporación de Nicks e Buckingham, Rumours, publicado en 1977, é o décimo álbum máis vendido de todos os tempos, con máis de 40 millóns de copias en todo o mundo e permanecendo no número 1 das listas de álbums estadounidenses durante 31 semanas, ademais de acadar a cima das listas de varios países.
Nicks comezou a súa carreira en solitario en 1981 co álbum Bella Donna, que chegou a vender 8 millóns de copias, e dende entón ten producido sete traballos máis de estudio, o máis recente deles titulado In Your Dreams e publicado o 3 de maio do 2011. Tras superar a súa adición á cocaína e a súa dependencia aos tranquilizantes, Nicks segue sendo unha artista en solitario moi popular. Nicks é coñecida pola súa distintiva voz, estilo visual místico e as súas letras simbólicas.
Categoría:Cantantes de Arizona Categoría:Nados en Phoenix Categoría:Nados en 1948