O camarón do BálticoLahuerta e Vázquez (2000), p. 223. (Palaemon adspersus, Rathke 1837) é unha especie de crustáceo malacostráceo da orde dos decápodos e familia dos palemónidos. É un camarón propio das augas do Atlántico nororiental moi frecuente no mar Báltico, onde é obxecto de activa pesca polos daneses. En Galicia non é moi común, aínda que tamén se pesca e se consome como os outros camaróns presentes nas nosas augas.Ramonell, R. (1985), p. 214.
A especie foi descrita por Carl Linnaeus en 1758 como Cancer squilla.Palaemon Rathke, 1837 en ITIS. Consultada o 9/02/2021. O xénero Palaemon foi fundado por Friedrich Weber en 1795, e este camarón recibiu ao longo dos anos numerosos sinónimos (véxase sinonimia no cadro da clasificación científica, á dereita).Palaemon adspersus en ITIS. Consultada o 5/01/2013. O nome válido na actualidade deullo Rathke en 1837.
Características
Palaemon adspersus é unha especie moi semellante a Palaemon elegans, de tamaño un pouco maior, 7 cm como máximo, pero que non chega aos 10 do Palaemon serratus, o camarón máis frecuente, e máis apreciado, en Galicia.
Distínguese deste último polo seu rostro, moito menor (ademais de polo tamaño), e de P. elegans porque o seu rostro é máis rectilíneo e ancho, e dentado ao longo de toda a súa marxe superior, como naquel, pero cun só dente protorobitario e outro mesmo por riba da órbita do ollo; ademais, leva distintivas manchas de pigmento na metade inferior.
O corpo, deprimido lateralmente, e translúcido, ten unha coloración gris amarelada parecida á de P. elegans aínda que poida que un algo máis azulada.
Distribución e ecoloxía Palaemon adspersus é pouco común na maior parte do noroeste de Europa, pero é a base dunha significativa pesquería de camarón nos estreitos daneses.
No mar Báltico pode tolerar salinidades por debaixo do 5 ‰, pero pasa o inverno en augas máis profundas e máis salinas, preto da costa.
En Dinamarca, P. adspersus está estreitamente relacionado con fondos con praderías de Zostera, e é substituído por P. elegans onde faltan estas praderías.
Historia taxonómica Linneo describiu esta especie baixo o nome de Cancer squilla no seu Systema Naturae (1758, 1761). Como moitos máis xéneros, foi máis tarde separado do Cancer linneano, e a nosa especie foi coñecida como Leander squilla, namentres que o xénero Palaemon, que fundara en 1810 Pierre André Latreille, era utilizado para outras especies. En 1897, Mary Jane Rathbun deuse de conta que a especie tipo do xénero Palaemon, que elixira Latreille para describila, era Cancer squilla. Isto requiría que o xénero daquela coñecido como Leander pasara a Palaemon, mentres que o xénero entón coñecido como Palaemon tenría que pasar a Macrobrachium. Non todos os biólogos seguiron a nova nomenclatura, e a confusión finalmente resolveuse por unha decisión da Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica (ICZN), que declarou que a especie tipo de Palaemon era Palaemon adspersus.
En 1958, Lipke Holthuis solicitou á ICZN que suprimise o nome de Linneo Cancer squilla, porque era utilizado para a especie Palaemon elegans, aínda que a descrición orixinal era dunha especie diferente. A pesar da oposición dalgúns carcinólogos, entre eles Robert Gurney, a ICZN estivo de acordo, deixando dispoñíbel Palaemon adspersus Rathke, 1837 —polo principio de prioridade—, para esta especie.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Costello, M. J. et al. (eds.) (2001): European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. París: Muséum national d'Histoire naturelle. Collection Patrimoines Naturels, 50: 284-289. ISBN 2-85653-538-0. Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8. Ramonell, Rosa (1985): Guía dos mariscos de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-506-3.
Outros artigos Carideos Camarón
Ligazóns externas Palaemon adspersus en ITIS. Consultada o 9/02/2021. Palaemon adspersus en Encyclopedia of Life. Consultada o 5/01/2013. Palaemon adspersus en World Register Marine Species. Consultada o 5/01/2013.
Categoría:Carideos Categoría:Crustáceos de Galicia Categoría:Crustáceos do océano Atlántico Categoría:Marisco Categoría:Animais descritos en 1837