Juan Velasco Damas, nado en Dos Hermanas (provincia de Sevilla) o 15 de maio de 1977, é un exfutbolista que xogaba na demarcación de lateral dereito.

Traxectoria Tras xogar en equipos modestos chega ás categorías inferiores do Sevilla FC, finalmente debuta co primeiro equipo o 5 de marzo de 1997, esa tempada remata co descenso do equipo a Segunda División onde xogaria as dúas tempadas seguintes.

No verán de 1999 ficha polo Celta de Vigo para suplir a baixa de Michel Salgado, que fora vendido ao Real Madrid. Debutou co Celta o 22 de agosto de 1999.

En Vigo viviría os seus mellores anos como futbolista na época dourada do equipo, disputando a Copa da UEFA as cinco tempadas que permaneceu no club, agás a última, na que disputou a Liga de Campións, a isto habería que sumar un subcampionato de Copa na tempada 2000/01. Entre os seus partidos máis salientables están as goleadas ao SL Benfica (7-0) e Juventus (4-0) na Copa da UEFA.

No ano 2002 sufriría unha lesión que o tería sen xogar durante catro meses e que reduciría o seu rendemento de en diante, pasando de ser titular indiscutíbel a alternar o banco co once titular.

A tempada 2003/04, pese a comezar co debut do equipo na Liga de Campións rematou co descenso do equipo a Segunda División. Tralo descenso ficha polo Atlético de Madrid, onde xogaría dúas tempadas sen chegar a ser titular. No verán de 2006 ficha polo RCD Espanyol onde tivo problemas similares, porén o equipo proclamaríase subcampións da Copa da UEFA por tralo Sevilla FC.

En febreiro de 2007 fichou polo Norwich City da segunda división inglesa, e en 2008 polo Panthrakikos FC, equipo recentemente ascendido á primeira división grega.

En xaneiro de 2010 fichou polo Larissa FC, onde problemas crónicos nas costas fixérono retirarse do fútbol en 2011.

Coa selección de fútbol A súa excelente primeira campaña no Celta valeulle ser convocado coa Selección de fútbol de España para o encontro disputado o 26 de xaneiro de 2000 ante Polonia e disputar a Eurocopa de Fútbol Bélxica/Países Baixos 2000

Palmarés Subcampión da Copa do Rei 2001, final xogada no Estadio de La Cartuja (Sevilla), entre o Celta de Vigo e o Zaragoza.

Subcampión da Copa da UEFA 2007, final xogada en Glasgow entre o RCD Español e o Sevilla FC, con triunfo do equipo andaluz na quenda de penaltis despois de finalizar o encontro co resultado de 2-2.

Campionatos internacionais TítuloClubRexiónAnoCopa Intertoto da UEFACelta de VigoEuropa2000

Categoría:Nados en Sevilla Categoría:Nados en 1977 Categoría:Futbolistas de Andalucía Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Sevilla FC Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores do RCD Espanyol Categoría:Xogadores do Norwich City FC Categoría:Xogadores do Panthrakikos FC Categoría:Xogadores do AE Larissas 1964 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Xogadores do Celta de Vigo internacionais coa selección de fútbol de España