Marcelino Menéndez Pelayo, nado en Santander o 3 de novembro de 1856 e finado na mesma cidade o 19 de maio de 1912, foi un escritor, político e erudito español, consagrado fundamentalmente á historia das ideas, a crítica e historia da literatura española e hispanoamericana e a filoloxía hispánica en xeral, aínda que tamén cultivou a poesía, a tradución e a filosofía, irmán do escritor Enrique Menéndez Pelayo.
Traxectoria Marcelino Menéndez Pelayo naceu o 3 de novembro de 1856 na cidade cántabra de Santander; fillo de Marcelino Menéndez Pintado, catedrático de Matemáticas no Instituto de Santander e alcalde da cidade durante o bienio progresista, e de María Jesús Pelayo e España. Tivo tres irmáns: Enrique, Jesusa e Agustín.
Estudou o bacharelato no Instituto Cantábrico da súa cidade natal, onde destacou pola súa boa memoria. Posteriormente, completou a súa formación na Universidade de Barcelona (1871-1873) con Manuel Milà i Fontanals, na de Madrid (1873), onde unha arbitrariedade académica do catedrático Nicolás Salmerón, que fixo repetir curso aos seus alumnos sen nin sequera examinalos, haberíao de enfrontar a matar co krausismo postkantiano e os hegelianos en xeral, e en Valladolid (1874), onde intimou co que sería o seu grande amigo, o conservador Gumersindo Laverde, que o apartou do seu inicial liberalismo e orientouno cara ao partido máis conservador, o dos chamados neocatólicos. Fixo unha viaxe de estudos a bibliotecas de Portugal, Italia, Francia, Bélxica e Holanda (1876-1877) e exerceu de catedrático da Universidade de Madrid (1878) tras pasar por un tribunal no que estaba outro gran culto e crítico, Juan Valera, a cuxo faladoiro nocturno, na súa casa, acudiría posteriormente.
Foi elixido membro da Real Academia Española (1880), deputado a Cortes (1884?1892), proposto para o Premio Nobel en 1905, membro da Real Academia da Historia en 1882, co discurso La historia considerada como obra poética. Nesta institución foi bibliotecario desde 1892 e director desde 1910. Entrou na Real Academia de Ciencias Morais e Políticas en 1889 e na Real Academia de Belas Artes de San Fernando en 1892. Finalmente, entre 1898 e ata a súa morte en 1912, foi director da Biblioteca Nacional de España, sucedendo no cargo a Manuel Tamayo e Baus.
Antes de morrer volveu ao liberalismo, aínda que ancorado en puntos de vista solidamente cristiáns, e corrixiu moitos dos seus primitivos xuízos desfavorables sobre Gaspar Núñez de Arce ou Benito Pérez Galdós, que terminou por ser o seu amigo e ao que apoiou no seu acceso á Real Academia Española da Lingua.
Morreu na súa cidade natal, a cuxo municipio legou a súa rica biblioteca particular de corenta mil volumes. O seu paisano o cardeal Ángel Herrera Oria, quen se consideraba en certa medida o seu discípulo, resumiu o seu labor: «Consagrou a súa vida á súa patria. Quixo poñer á súa patria ao servizo de Deus».
Obra La novela entre los latinos (Santander, 1875). Foi a súa tese doutoral. Estudios críticos sobre escritores montañeses. Telesforo Trueba y Cosío (Santander, 1876). Polémicas, indicaciones y proyectos sobre la ciencia española (Madrid, 1876). La ciencia española, 2ª edición refundida e aumentada (Madrid, 1887–1880). Horacio en España (Madrid, 1877, 2ª ed. 1885). Estudios poéticos (Madrid, 1878). Odas, epístolas y tragedias (Madrid, 1906). Traductores españoles de la Eneida (Madrid, 1879). Traductores de las Églogas y Geórgicas de Virgilio (Madrid, 1879). Historia de los heterodoxos españoles (Madrid, 1880–1882). Calderón y su teatro (Madrid, 1881). Dramas de Guillermo Shakespeare tradución (Barcelona, 1881). Obras completas de Marco Tulio Cicerón, tradución (Madrid, 1881–1884). Historia de las ideas estéticas en España (Madrid, 1883–1889). Estudios de crítica literaria (Madrid, 1884). Obras de Lope de Vega (1890–1902). Antología de poetas líricos castellanos desde la formación del idioma hasta nuestros días (1890–1908). Ensayos de crítica filosófica (Madrid, 1892). Antología de poetas hispano-americanos (1893–1895). Historia de la poesía hispano-americana (Madrid, 1911). Bibliografía hispano-latina clásica (Madrid, 1902). Orígenes de la novela (Madrid, 1905–1915). El doctor D. Manuel Milá y Fontanals. Semblanza literaria (Barcelona, 1908). Obras completas (iniciadas en 1911). «Biblioteca de traductores españoles», en Obras completas (Madrid: CSIC, 1952–1953).
Véxase tamén Ligazóns externas
Obras completas de Menéndez Pelayo en liña e descargable Sitio web consagrado a Menéndez Pelayo Biblioteca de Menéndez Pelayo Marcelino Menéndez Pelayo na BVMC
Categoría:Escritores de Cantabria Categoría:Políticos de Cantabria Categoría:Académicos da Real Academia Española Categoría:Nados en Santander Categoría:Nados en 1856 Categoría:Nados en 1912 Categoría:Nacionalistas españois Categoría:Académicos da Real Academia da Historia Categoría:Biógrafos Categoría:Académicos de número da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas