A aminopeptidase N (ANPEP) é un encima da membrana plasmática. Tamén se chama CD13 (cluster de diferenciación 13), alanil (membrana) aminopeptidase (nome oficial completo), aminopeptidase M, e alanina aminopeptidase. Este encima úsase como biomarcador para detectar danos nos riles e para axudar na diagnose de certos trastornos renais. Atópase en grandes niveis na urina en casos de problemas renais.
A aminopeptidase N está localizada nas membranas dos microvilli das células renais e do epitelio do intestino delgado, e tamén na membrana plasmática doutras células como as da liña mielomonocítica.
No intestino delgado a aminopeptidase N intervén na dixestión final dos péptidos xerados pola hidrólise de proteínas polas proteases gástricas e pancreáticas. A súa función nas células do epitelio tubular proximal renal e noutros tipos celulares está menos clara.
O seu gran dominio extracelular carboxiterminal contén unha secuencia consenso pentapéptida característica de membros da superfamilia das metaloproteinases que se unen ao cinc. A comparación das secuencias con encimas coñecidos desta clase indica que a aminopeptidase N e o CD13 son a mesma proteína. A aminopeptidase N pensábase que estaba implicada no metabolismo de péptidos reguladores por diversos tipos celulares, entre os que están as células do epitelio do intestino delgado (enterocito), e células epiteliais tubulares renais, macrófagos, granulocitos, e membranas sinápticas do sistema nervioso central.
A aminopeptidase N humana funciona como receptor para unha cepa do coronavirus humano, o cal é unha importante causa de infeccións no tracto respiratorio superior.
Está codificada por un xene do cromosoma 15 humano. Os defectos neste xene parecen ser unha causa de varios tipos e leucemia ou linfoma.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas A base de datos MEROPS para as peptidases e os seus inhibidores: M01.001 MeshName - CD13+Antigens
Categoría:Hidrolases Categoría:Antíxenos CD