Laureano Prieto Rodríguez, nado en Carracedo da Serra (A Gudiña) o 9 de setembro de 1907 e finado en Ourense o 23 de xullo de 1977, foi un mestre que se especializou na etnografía galega, particularmente a relacionada coa comarca de Viana (Ourense).
Traxectoria dereita|miniatura|Casa de Laureano Prieto en Carracedo da Serra. Fillo de Manuel Prieto e Adelina Rodríguez, estudou as primeiras letras co párroco de Carracedo para continuar despois os estudos en Viana e Verín e o bacharelato no instituto de Ourense. Emigrou a Cuba, onde xa estaban traballando o seu pai e máis o seu irmán Enrique, aínda que regresou pronto a Galicia para estudar Maxisterio. Alí foi onde coñeceu a Vicente Risco, con quen comezou a interesarse polos costumes e tradicións galegas. Foi mestre en Bembibre (Viana), en Pentes (A Gudiña) e na propia Gudiña. Pasou logo a ser mestre de Oleiros (Silleda) para regresar a Ourense, onde se xubilou. Casou dúas veces, con Elena e con Carmen, e tivo unha filla, María Elena.
Publicacións Á par do seu traballo como mestre dedicouse á investigación etnográfica e recollida de léxico e tradicións propias da Gudiña e Viana, publicando numerosos traballos en distintas revistas especializadas, como o Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense ou o Boletín Avriense, tanto galegas como portuguesas. Igualmente colaborou intensamente con Risco, Cuevillas, Taboada Chivite, Ferro Couselo e Xaquín Lorenzo. Formou parte do grupo Marcelo Macías, creado por Ferro Couselo en 1970.
Tamén colaborou con distintas institucións, como por exemplo o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Participou, con Ferro Couselo, nas escavacións do Castro de Santa Ádega (en Vilamarín, Ourense), en 1963.
A seguir, algúns dos traballos publicados: "Antiguas minas del río Camba", en Boletín de la Comisión de Monumentos de Orense, 1946. "Juegos infantiles (Tierra de La Gudiña)", en BCMO, 1947. "Cuentos de animales" en Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, 1948. "Notas etnográficas sobre animales domésticos y salvajes de La Gudiña", en Douro Litoral, 1949. "As adiviñas na terra da Gudiña (Ourense) e no concelho de Vinhais (Tras-os-Montes)", en DL, 1949. "A cantiga na Gudiña", en DL, 1950 e 1951. "La zooantropía en Galicia", en Zephyrus, 1953. "Astrología y meteorología popular", en BCMO, 1957-1958. Contos vianeses, Galaxia 1958. Contos pra nenos, Galaxia 1968. "A meiguería negra en terras de Viana do Bolo", en Boletín Avriense, 1971. "Notas encol da fala vianesa", en BA 1973. "Contos de cregos na terra de Viana", en BA 1978.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
"Homenaxe a Laureano Prieto Rodríguez", en Boletín Avriense, VIII, 1978. "A Gudiña, historia, arte e natureza", en Guía do Concello da Gudiña, 2000.
Categoría:Profesores de Galicia Categoría:Personalidades da etnografía de Galicia Categoría:Nados en 1907 Categoría:Finados en 1977 Categoría:Nados na Gudiña Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes