Dredd é un filme de ciencia ficción e cine de acción estreado no 2012, dirixido por Pete Travis e escrito e producido por Alex Garland. Baseouse no protagonista da serie de banda deseñada Judge Dredd da publicación 2000 AD, creado por John Wagner e Carlos Ezquerra. Karl Urban é o protagonista do filme no papel de Judge Dredd, un axente da lei coas capacidades de xuíz, xurado e verdugo, nunha gran metrópole distópica chamada Mega-City One situada nun ermo postapocalíptico. Dredd e a súa compañeira Judge Anderson (Olivia Thirlby) acoden a un bloque rañaceos de 200 pisos para facer cumprir a lei e axustizar a xefa mafiosa da droga residente, Ma-Ma (Lena Headey).

Garland comezou a escribir o guión do filme no 2006, aínda que o desenvolvemento desta nova adaptación de Judge Dredd, sen relación co filme homónimo de 1995, non se fixo público ata decembro do 2008. Producida polo estudio británico DNA Films, a rodaxe comezou en novembro do 2010, facendo uso extensivo de cámaras 3D. As localizacións desta rodaxe foron en Cidade do Cabo e Xohanesburgo.

Dredd estreouse o 7 de setembro do 2012 no Reino Unido e o 21 de setembro do mesmo ano no resto do mundo. As críticas do filme foron positivas en relación os efectos visuais, o elenco de actores e a acción. Porén, o filme recibiu algunhas críticas negativas enfocadas principalmente na percepción dunha falta de elementos satíricos propios da banda deseñada homónima e no exceso de violencia. Malia a boa recepción crítica xeral, o filme tan só conseguiu recadar pouco máis de 41 millóns de dólares nos cines, partindo dun orzamento estimado duns 45 millóns de dólares. O filme si obtivo un maior éxito trala publicación das edicións para o fogar, pasando a estar considerado por moitos como un filme de culto. A baixa recadación nos cines fixo que unha secuela fose improbable, pero o bo número de vendas das edicións domésticas e os esforzos dos afeccionados apoiados pola editorial de 2000 AD, Rebellion, mantiveron viva a posibilidade dun segundo filme.

Sinopse Nun futuro próximo os Estados Unidos converteuse nun páramo asolado pola radioactividade, coñecido como Cursed Earth (Terra Maldita). Na costa leste atópase Mega-City One, unha única e gran megalópole cunha poboación de máis de 800 millóns de persoas na que ocorren 17 000 crimes diariamente. Os encargados de acabar co caos e impoñer a orde son os axentes da lei chamados Judges (Xuíces), que actúan ó mesmo tempo como xuíces, xurados e verdugos. O "Xuíz Xefe" (Rakie Ayola) desta organización encárgalle a Judge Dredd (Karl Urban) a avaliación dunha nova recruta, Cassandra Anderson (Olivia Thirlby), quen posúe poderes psíquicos pero non conseguiu pasar as probas de aptitude para converterse en xuíz.

En Peach Trees, unha torre de apartamentos de 200 pisos, a xefa mafiosa Madeline Madrigal, coñecida como "Ma-Ma" (Lena Headey), executa a tres traficantes de droga rebeldes, arrancándolles a pel e tirándoos polo atrio da torre dende o piso principal, tras darlles previamente unha dose de Slo-Mo, unha nova droga moi adictiva que reduce a percepción temporal ata un 1% do normal. Dredd e Anderson acoden a investigar este crime e levan a cabo unha redada nun dos puntos de venda desta droga. Arrestan a un matón chamado Kay (Wood Harris), ó que Anderson le a mente revelando que foi un dos responsables das execucións dos traficantes. Dredd decide levalo para ser interrogado, e como resposta a banda de Ma-Ma fanse có control das medidas de seguridade da torre e selan o edificio baixo o pretexto de estar a realizar unha proba de seguridade, impedindo que os protagonistas saian do edificio ou poidan pedir axuda.

Ma-Ma dá a orde de matar a Dredd e a Anderson, forzando ós xuíces a loitar contra ducias de matóns armados mentres soben polos pisos da torre. Ao chegar ó piso 76, Ma-Ma e os seus homes asáltanos usando canóns Vulcan, tirando abaixo varias paredes do edificio e matando a moitos dos residentes. Os dous xuíces conseguen saír por unha das paredes exteriores a un terrazo do edificio, o que lles permite pedir reforzos. Mentres tanto, Ma-Ma envía ó seu secuaz Caleb (Warrick Grier) na procura dos xuíces. Cando os atopa, Dredd tira a Caleb ó baleiro á vista de Ma-Ma.

Dredd sospeita que Ma-Ma está desesperada para que Kay non confese perante os xuíces. Anderson le a mente de Kay, decatándose así de que Peach Trees é o centro da produción e distribución da droga Slo-Mo. Anderson suxire que deberían agocharse mentres esperan axuda, pero Dredd insiste en que sigan subindo os pisos da torre na procura de Ma-Ma. Os xuíces Judge Volt e Judge Guthrie responden a chamada de Dredd, pero o experto en ordenadores de Ma-Ma's (Domhnall Gleeson) denégalles a entrada ó edificio convencéndoos de que o sistema de seguridade do edificio está a ter problemas. Dous adolescentes armados enfróntanse a Dredd e Anderson, o que permite que Kay desarme e secuestre a Anderson, levándoa como refén á base de operacións de Ma-Ma no último piso da torre.

No seu camiño cara a base de Ma-Ma, esta chama ós xuíces corruptos Lex, Kaplan, Chan e Alvarez. Os catro relevan a Volt e Guthrie da garda do edificio e entran nel. Posteriormente Dredd atópase con Chan e sospeita del xa que este non lle pregunta polo paradoiro de Anderson. Chan ataca a Dredd pero este consegue matalo. Mentres tanto, Kay intenta asasinar a Anderson empregando a súa arma, pero o escáner de ADN da pistola non o recoñece e esta estoupa, arrancándolle o brazo. Isto permítelle a Anderson escapar, atopándose con Kaplan ó que mata tras lerlle a mente e descubrir que é un dos xuíces corruptos. Noutra parte da torre, Dredd mata a Alvarez pero quédase sen munición, e recibe un disparo de Lex no abdome. Lex achégase a el para executalo, pero Dredd consegue atrasalo o suficiente como para que Anderson chegue ata onde se atopan e mate a Lex.

Anderson e Dredd obteñen o código do apartamento de Ma-Ma's interrogando ó experto en ordenadores desta, e enfróntanse a ela. Ma-Ma dille a Dredd que se morre un aparello no seu pulso detonará varios explosivos colocados nos últimos pisos da torre, destruíndo o edificio. Dredd pensa que o sinal do detonador non poderá chegar ós explosivos dende o primeiro piso da torre, polo que fai que Ma-Ma inhale pola forza unha dose de Slo-Mo e tíraa polo atrio do edificio. Tras estes eventos os dous xuíces saen do edificio mentres as forzas de seguridade toman o control da torre. Anderson asume que fallou a súa avaliación e márchase, pero o "Xuíz Xefe" pregúntalle a Dredd o resultado da avaliación e este responde que Anderson está aprobada.

Elenco miniatura|dereita|Olivia Thirlby no 2012. miniatura|dereita|Lena Headey no 2007. Karl Urban como Judge Dredd No filme, Judge Dredd é un dos xuíces máis famosos e temidos. O produtor Allon Reich describiuno como "un personaxe intenso, que administra xustiza cunha falta de prexuízos extrema". Urban foi o que se ofreceu ós produtores para o papel, que considerou desafiante xa que o personaxe nunca se quita o casco e obrigaba a mostrar as emocións sen usar os ollos. Urban viu a Dredd como un home normal, cun traballo extremadamente duro nunha sociedade fragmentada, comparando o seu heroísmo có dun bombeiro. O papel tamén lle esixiu unha boa preparación física, polo que se adestrou de forma intensiva para acadar unha gran forma física. Asistiu a clases de manexo de armas e técnicas policiais para aprender como operar nun intercambio de disparos e como arrestar a criminais e forzar portas, e insistiu en levar a cabo as súas propias escenas perigosas de condución no filme. Interpretou o personaxe de Dredd cun ton vocal áspero e forte, ó que cualificou de "unha serra cortando óso" e que tivo problemas para manter durante toda a rodaxe. Olivia Thirlby como Judge Cassandra Anderson Cassandra Anderson é unha xuíza novata e posúe unha mutación xenética que lle outorga habilidades psíquicas que lle permiten sentir os pensamentos e emocións doutras persoas. Thirlby fixo que a súa personaxe contrastase có de Dredd nunha perspectiva "branco e negro", situando a Anderson nunha "zona gris onde todo se magnifica ou se escurece polo feito de que ela sabe o que está a pasar no interior das persoas". Tivo que adestrarse no uso de armas e técnicas de loita, e inspirouse en parte na cantante Debbie Harry para representar a súa personaxe. Lena Headey como Madeline Madrigal, "Ma-Ma" Ma-Ma é unha ex-prostituta convertida en xefa dunha banda criminal adicada a venda de drogas, a única provedora de Slo-Mo, unha nova droga moi adictiva. A súa interpretación da personaxe estivo inspirada na cantante Patti Smith. Reich describiu esta personaxe como "alguén a quen non lle importa nada o que os outros pensan ou senten, e que sempre fai o que desexa". Headey afirmou: "Penso que Ma-Ma é como un vello e gran tiburón branco á espera de que chegue alguén máis grande e forte para deixarse ver e matalo". Antes de que fose escollida para o papel, a personaxe de Ma-Ma estaba pensada para ser unha muller obesa e con cicatrices. Wood Harris como Kay Kay é un dos secuaces de Ma-Ma's. Harris describiu o personaxe como un vilán, pero que non se ve a si mesmo peor que os xuíces, afirmando que "Dredd vai por aí literalmente xulgando e matando xente se fan algo malo... Calquera que vaia en contra do sistema pode acabar sendo o malo... Penso que Kay xustifica desta forma a loita contra iso na súa mente".

O elenco de actores tamén inclúe a Domhnall Gleeson como o experto en ordenadores da banda, Warrick Grier como Caleb, man dereita de Ma-Ma, Deobia Oparei como TJ, o médico de Peach Trees, Francis Chouler como Judge Guthrie, Daniel Hadebe como Judge Volt e Rakie Ayola como a "Xuíz Xefe". Langley Kirkwood, Edwin Perry, Karl Thaning e Michele Levin interpretan respectivamente ós xuíces corruptos Lex, Alvarez, Chan e Kaplan. No filme tamén participan Junior Singo como Amos e Luke Tyler como Freel, os dous mozos que se enfrontan a Dredd, Jason Cope como Zwirner, o matón que morre a mans de Dredd na primeira escena do filme, Joe Vaz como Big Joe e Scott Sparrow como Japhet, dous dos matóns de Ma-Ma, e Nicole Bailey como Cathy, a muller de Japhet.

Produción

Desenvolvemento O desenvolvemento do filme anunciouse por primeira vez o 20 de decembro de 2008, aínda que Alex Garland xa comezara a traballar no guión no 2006. O estudio británico DNA Films produciu o filme en colaboración coa axencia IM Global para a distribución dos dereitos. En maio de 2010 o dono de IM Global, Reliance Big Pictures acordou participar no financiamento do proxecto en 3D cun orzamento total de 45 millóns de dólares, programando o comezo da rodaxe para finais do 2010, na localización de Xohanesburgo, Suráfrica. Pete Travis foi escollido como director e Garland, Andrew Macdonald e Allon Reich serían os produtores. Duncan Jones recibira previamente a oferta de ser o director do filme, pero nunha entrevista de 2010 afirmou que a súa visión do filme non era nada convencional e non sería axeitada para o guión de Garland. En setembro de 2010 fíxose público que o título do filme sería Dredd.

A pre-produción comezou o 23 de agosto de 2010 nos estudios Cape Town Film Studios en Cidade do Cabo. Na edición de 2010 da Convención Internacional de Banda Deseñada de San Diego, Urban confirmou que lle ofreceran o papel de Judge Dredd, e o 18 de agosto de 2010 fíxose oficial que el sería o protagonista do filme. En setembro de 2010 tamén se anunciou de forma oficial que Thirlby interpretaría a Cassandra Anderson. Ese mesmo mes, durante o Festival Internacional de Cinema de Toronto, o filme conseguiu uns 30 millóns de dólares en vendas a distribuidoras para o 90% dos mercados de cine. Estas vendas incluíron un acordo de 7 millóns de dólares coa distribuidora británica Entertainment Film Distributors.