A vea cava inferior (abreviado VCI) é un tronco venoso ou vea de gran calibre no corpo humano e outros mamíferos, que retorna o sangue dende os membros inferiores, os órganos do abdome e a pelve até a aurícula dereita do corazón. É unha vea satélite da aorta abdominal, e é responsábel do retorno venoso de todas as veas infradiafragmáticas. No ser humano adoita medir unha media de 22 cm de lonxitude, dos cales 18 cm corresponden ao seu percorrido no abdome. A vea cava inferior ten un calibre de 20 mm na súa porción máis inferior, mentres que pode chegar até os 30 mm na súa porción superior, con dúas zonas de ancheamento a nivel dos riles e outro por enriba do fígado.
Tributarias Tributarias da vea cava inferiorNomeNivelVeas diafragmáticas inferioresT8Vea hepáticaT8Veas suprarrenaisL1Veas renaisL1Veas gonadais (vea ovárica e vea espermática)L2Veas lumbaresL1-L5Veas ilíacas primitivasL5
A vea cava inferior está formada pola unión das veas ilíacas primitivas esquerda e dereita. Tamén se anastomosa co sistema das veas ácigos, que percorre o lado dereito da columna vertebral, e os plexos venosos xunto a medula espiñal. Por mor de non se atopar na liña media do corpo, existen algunhas asimetrías nos patróns de drenaxe das tributarias. As veas gonadais do lado dereito e a vea suprarrenal dereita drenan cara á vea cava inferior, mais as veas do lado esquerdo drenan á vea renal esquerda, que á súa vez drena á vea cava inferior.
Patoloxías Algúns suxeitos teñen dúas veas cavas inferiores até que as dúas se unen xusto por embaixo do fígado. Outros naceron sen a vea cava inferior e o retorno venoso é realizado polo sistema das veas ácigos. Neste último caso de axenesia de vea cava inferior dá lugar a un drenaxe venoso anómalo das extremidades inferiores, polo que aumenta o risco de trombose venosa profunda e de tromboembolismo pulmonar.CASTRO, F. J. et al. Axenesia de vea cava inferior como factor de risco de tromboembolismo pulmonar . An. Med. Interna (Madrid) [online]. 2003, vol.20, n.6 [citado 2009-12-24], pp. 34-36. ISSN 0212-7199.
En doentes con trombose venosa profunda en membros inferiores e embolia pulmonar que non son quen de ter a anticoagulación coma opción terapéutica, o procedemento de elección é a implantación dun filtro na vea cava inferior, que impide o paso de émbolos dende os membros inferiores até a circulación pulmonar.ARRIAGADA J, Ivette et al. Interrupción da vea cava inferior mediante filtros de inserción percutánea: Indicacións e resultados en 287 pacientes. Rev. méd. Chile [online]. 2007, vol.135, n.3 [citado 2009-12-23], pp. 351-358. ISSN 0034-9887. doi: 10.4067/S0034-98872007000300010.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Vea cava superior vea porta
Ligazóns externas Imaxe anatómica da VCI
Categoría:Anatomía cardíaca Categoría:Veas