Râșnov (en alemán Rosenau; en húngaro Barcarozsnyó; no dialecto saxón transilvano: Rusnâ; do latín: Rosnovia) é unha vila do Condado de Braşov, Romanía cunha poboación duns 16 000 habitantes. Ten unha superficie de 164,36 km2.
Atópase a uns 15 km da vila de Braşov e máis ou menos á mesma distancia de Bran, na estrada que liga as rexións de Valaquia e Transilvania. Coñécese pola súa cidadela no alto dun outeiro.
Historia En 1956 a poboación era de 7.974 habitantes, en 2011 case o dobre: 14.081. É posíbel que o nome derive do eslavo "žrŭnovy", que significa (vila ou val) "do muíño". No século XIV, os documentos xermanos xa empregaban o nome de Rasnov, mais o nome alemán actual, Rosenau, baséase na etimoloxía popular, influenciada pola verba alemá "Rose" (roseira ou rosa). A vila moderna actual atópase nunha chaira aos pés dun outeiro. No alto da lomba atópanse os restos da cidadela de Râșnov construída contra o ano 1215 polos cabaleiros teutóns e que foi mencionada por vez primeira en 1331. A cidadela conquistouse só unha vez na historia, alá polo ano 1600 por Gabriel Báthory.
En 1856 descubriuse preto da vila un campamento romano (orixinariamente un castro), o Castro de Cumidava.
Turismo
Pode chegarse a Râșnov collendo un autocar (por 4 lei) dende a turística vila Brașov (a tres horas en tren dende Bucarest). Râșnov atópase na estrada que leva a Bran, onde se atopa o famoso castelo de Drácula. A vila nova atópase na parte baixa, nunha chaira par dun alto outeiro onde se atopa a fortaleza e un enorme letreiro co nome da vila ao estilo Hollywood. A vila nova conta cunha igrexa e bonitas casas saxoas pintadas a cores. Para chegar até a cidadela o mellor xeito e camiñar menos dun quilómetro por unha estrada até a base do outeiro, dende alí organízanse subidas nunha especie de tren-tractor ao cumio cada 20 minutos. Para entrar na cidadela hai que pagar uns 8 lei por persoa, dentro atoparemos unha aldea medieval medio derruída, algunhas tendas de recordos e unhas fermosas vistas do val e dos Cárpatos.
Lenda
Hai unha lenda arredor da cidadela de Râșnov. Durante un longo asedio á fortaleza, os cidadáns de Râşnov comezaron a se preocupar pola falla de auga fresca dispoñíbel; así que ordenaron a dous soldados turcos, que foran capturados con anterioridade, a cavar un pozo no centro da fortaleza; prometéndolles que os ceibarían unha vez remataran o traballo. Segundo a lenda local, levoulles 17 anos rematar o pozo, e aínda así os mataron. Aínda hoxe podemos ollar este famoso pozo no centro da fortaleza de Râşnov; ten 143 metros de fondura. Deporte
O complexo deportivo de Râșnov construíuse ás aforas da vila, no val de Cărbunarii, para o festival xuvenil olímpico de inverno europeo 2013 que tivo lugar preto da vila de Braşov.
Galería de imaxes
Véxase tamén Outros artigos Brașov Bran Castelo de Bran Ligazóns externas The Râşnov Fortress Fotos de Râşnov Historia da fortaleza
Categoría:Cidades de Romanía