Procopio (en latín, Procopius, en grego Προκόπιος), nado cara ao 500 e finado cara ao 565, foi un dos máis eminentes historiadores bizantinos.
Acompañou ao xeneral bizantino Belisario nas guerras do emperador Xustiniano, e se converteu no principal historiador bizantino do século VI, escribindo Ὑπὲρ τῶν Πολέμων Λόγοι, Hypèr tōn Polémon Lógoi (en galego, A historia das guerras); Περὶ Κτισμάτων, Perì Ktismáton (Os edificios) e Ἀπόκρυφη Ἱστοροα, Apókryphe Historía (Historia arcana ou Historia secreta). É comunmente clasificado como o derradeiro gran historiador do mundo antigo occidental.
Traxectoria Era orixinario de Cesarea de Palestina. Estudou o grego clásico e asistiu a unha escola de dereito, probabelmente en Beirut. Cando aínda era mozo foi a Constantinopla e destacou como avogado e mestre en elocuencia, ata o punto que atraeu a atención de Belisario, que o nomeou o seu secretario (ὑπογραφεύς). Nesta condición Procopio acompañou ao gran xeneral ás súas guerras en Asia, África e Italia, nas cales realizou a miúdo algunhas tarefas diplomáticas e mesmo operacións militares.
Durante a Guerra gótica de Italia recibiu o departamento do comisariado e á fronte da frota tivo parte decisiva na vitoria da campaña. Foi testemuña de feitos como o Asedio de Roma (537-538) e a captura da capital dos godos, Rávena, onde se rendeu o rei godo Vitixes. Volveu con Belisario á capital un pouco antes do 542, pero non participou na segunda campaña do xeneral en terras itálicas, desta vez contra o novo rei godo Tótila.
O emperador deulle o título de ilustre, fíxoo senador e o 562 nomeouno prefecto de Constantinopla. Morreu pouco antes ou ao pouco da morte de Xustiniano I o 565, cando tiña algo máis de 60 anos.
Obra Na súa obra histórica dá unha descrición moi esmerada da praga que afectou a Constantinopla o 543, cuns detalles médicos que fixo pensar que era médico ou tiña grandes coñecementos, pero o máis probábel é que a súa fonte fosen algúns médicos amigos. Como historiador é eloxiado por todos os que o seguiron; escribía sobre modelos clásicos, cun estilo elegante e descritivo, pleno de vigor, demostrando continuamente que escribía sobre temas dos que tiña unha moi boa información; foi o principal historiador do reinado de Xustiniano I.
As súas obras principais foron: Ὑπὲρ τῶν Πολέμων Λόγοι, Historia das guerras, obra dividida en 8 libros sobre as guerras libradas polo Imperio Bizantino durante o reinado de Xustiniano. Dous sobre as guerras persas, do 408 ao 553, dous sobre as guerras cos vándalos do 395 ao 545 e catro sobre as guerras góticas (de feito o cuarto libro é un suplemento con materias tamén doutros acontecementos) ata o 553, que foi continuado por Agatías ata o 559. Περὶ Κτισμάτων, Libri VI. de Aedificiis conditis vel restoratis auspicio Justiniani. Panexírico destinado a eloxiar as obras públicas erixidas por Xustiniano. Estruturado en seis libros, foi escrito seguramente durante a segunda metade da década de 550 e publicouse o 561. Preséntase a Xustiniano como o prototipo de gobernante cristián que levanta igrexas pola gloria de Deus, fortifica a cidade para gardar os seus súbditos ou mostra unha especial preocupación polo fornecemento de auga. Ἀπόκρυφη Ἱστοροα, Historia Arcana ou Historia Secreta. Colección de anécdotas, a miúdo licenciosas e outras veces absurdas, que constitúen unha crónica escandalosa da corte do 549 ao 562. É a súa obra máis famosa. Menciónase no Suídas baixo o título grego de Anécdota, pero non se descubriu ata varios séculos máis tarde, na Biblioteca Vaticana, e non se editou ata o 1623. Historia Secreta fai referencia aos mesmos anos que os sete primeiros libros de Historia das Guerras, pero segundo o autor, narra aquilo que non estaba autorizado a escribir nas súas obras oficiais por medo ás represalias do emperador. A historia secreta revela un autor profundamente decepcionado co emperador Xustiniano I e a súa esposa, a emperatriz Teodora, así como Belisario, o seu antigo xefe e protector, e Antonina. As anécdotas expoñen os segredos das súas accións públicas, así como a vida privada do emperador, a súa muller e os seus. Xustiniano é mostrado como cruel, corrupto e incompetente mentres que de Teodora detállase a súa vulgaridade e luxuria insaciábel, combinadas con mal carácter e ruindade. Algunhas opinións dubidaron que Historia Secreta fose escrita por Procopio, pero a análise do texto corrobora o seu autoría. Orationes.
Véxase tamén Ligazóns externas Historia secreta Versión inglesa en Internet Medieval Sourcebook Historia secreta Versión inglesa no LacusCurtius Historia secreta Versión en castelán en Satrapa1 Sobre os edificios Versión inglesa en LacusCurtius
Categoría:Historiadores bizantinos Categoría:Finados en 565