O maracuxáVV. AA. (2012): Dicionario de alimentación e restauración, pax. 153. Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega. ISBN 978-84-453-5056-0 (do tupí mara kuya, "froito que se serve" ou "alimento na 'cuia' (cabaza que serve de cunca") é o froito e a planta coñecida cientificamente coma Passiflora edulis da familia Passifloraceae. Ás veces denomínase maracuxá a todas as pasifloras en xeral.
Esta planta rubideira tamén é coñecida como maracuxaceiro (do portugués maracujazeiro). O froito tamén se coñece coma froita da paixón.
É espontáneo nas zonas tropicais e subtropicais das Américas.
É cultivada tamén como planta ornamental pola súa flor (tal como as outras especies do mesmo xénero). Ademais a Passiflora edulis é cultivada con fins comerciais, debido ao froito, no Caribe, no sur da Florida e no Brasil, que é o maior produtor - e tamén consumidor - mundial de maracuxá. O maracuxá de uso comercial é redondo ou ovoide, amarelo ou púrpura escuro cando está maduro, e ten unha gran cantidade de sementes no seu interior.
O froito utilízase especialmente para producir zumes ou polpa de maracuxá, ás veces mesturada con zumes doutros froitos, como a laranxa. Crese que o froito posúe proriedades calmantes.
Á súa flor chámanlle 'flor da paixón' por mor da semellanza das súas formas botánicas cos signos da paixón de Xesús Cristo: coroa de espiños, cinco chagas e mesmo os tres cravos cos que foi crucificado.
A flor do maracuxá é polinizada principalmente por abesouros.
Etimoloxía O nome maracuxá —introducido ao galego e ás demais linguas europeas a través do portugués— (maracujá) é unha corrupción do guaraní mburukuja; etimoloxicamente mberu kuja, "viveiro de moscas", pola dozura do néctar que resulta atractivo para a desova dos insectos ou máis ben porque o contido dos seus froitos lembra un grupo de moscas.
Descrición O maracuxá é unha planta rubideira que pode acadar os 9 metros de lonxitude en condicións climáticas favorábeis, aínda que o seu período de vida non supera polo xeral a década. O talo é rexo e lígneo; presenta follas alternas de gran tamaño, perennes, lisas e de cor verde escura. Unha mesma planta pode presentar follas non lobuladas cando comeza a se desenvolver, e despois follas trilobuladas, polo fenómeno de heterofilia foliar. As raíces, como é habitual nas gateadoras, son superficiais.
A flor preséntase individualmente; pode acadar os cinco centímetros de diámetro nas variedades bravas, e até o dobre nas seleccionadas polo seu valor ornamental. Adoita ser abrancazada, con pigmentacións rosáceas ou avermelladas, en P. edulis; noutras especies semellantes presentan cores que van dende o encarnado intenso até o azul pálido. miniatura|350px|Flor e follas do maracuxá.
Foron os colonizadores españois os que a denominaron o froito da paixón; a súa estrutura pentarradial recibiu unha interpretación teolóxica, cos cinco pétalos e cinco sépalos simbolizando os dez apóstolos (doce, menos Xudas Iscariote e Pedro), mentres que os cinco estames representarían os cinco estigmas. Finalmente, os tres pistilos corresponderían aos cravos da cruz.
A froita do maracuxá é unha baga oval ou arredondada, de entre 4 e 10 cm de diámetro, carnosa e zumarenta, recuberta dunha pela grosa, cerosa, delicada e incomestíbel. A polpa contén numerosas sementes miúdas. A cor presenta grandes diferenzas entre variedades; a máis frecuente nos países de orixe é amarela, obtida da variedade P. edulis f. flavicarpa porén, polo seu superior atractivo visual, adoita exportarse aos mercados europeos e de América do Norte o froito de P. edulis f. edulis, de cor vermella, laranxa intenso ou púrpura. Esta variedade é coñecida coma gulupa en Colombia.
Valor nutritivo O froito é fonte de vitaminas A, C e do complexo B. Alén diso, presenta boa cantidade de sales minerais (ferro, sodio, calcio e fósforo)
Coidados As doenzas e as pragas que atacan a planta do maracuxá provocan prexuízos económicos importantes e provocan un maior uso de agroquicos, alén de seren a principal ameaza á expansión e á produtividade do cultivo de maracuxá acedo e maracuxá doce. Nalgunhas rexións do Brasil, doenzas como a bacteriose,Xanthomonas axonopodis pv. passiflorae murcha de fusarium (Fusarium oxysporum f. sp. passiflorae), virose do endurecemento do froito (Passion fruit Woodiness Virus – PWV ou Cowpea aphid-borne mosaic virus - CABMV) e a antracnose (Colletotrichum gloeosporioides) foron importantes limitadores da produción. Estas doenzas vense favorecidas por condicións edafoclimáticas favorábeis. Notas
Véxase tamén
Outros artigos Lista de froitas Pasiflora (xénero) Pasiflora azul
Ligazóns externas Páxina da Embrapa Mandioca e Fruticultura Tropical 3=Passiflora'' sp
Categoría:Froiteiras Categoría:Froitas exóticas Categoría:Plantas rubideiras Categoría:Passiflora Categoría:Flora de América