Treponema pallidum é unha especie de bacterias do tipo das espiroquetas que comprende varias subespecies que causan enfermidades como a sífilis, sífilis endémica, pinta e frambesia. Son anaerobias ou microaerófilas.
A forma do Treponema pallidum é ondulada e máis plana que outras espiroquetas, que son máis acusadamente helicoidais.P.V, Madigan, J.T., Martinko, J. Parker. Brock Biología de los Microorganismos. Pearson. Prentice Hall. 2003. Páxina 434. ISBN 84-205-3679-2. A célula está composta por entre oito e veinte espiras enroladas. Mide de 5 a 20 microns de longo e só 0,5 de diámetro, polo que é longa e delgada. A súa estrutura básica consiste nun filamento axial incluído nun cilindro helicoidal de citoplasma. O filamento é morfoloxicamente similar ao flaxelo bacteriano e é o que lle dá mobilidade mediante un movemento de rotación como o dun sacarrollas de toda a célula. Os treponemas, ademais da súa membrana plasmática, teñen unha membrana ou vaíña externa, e estes flaxelos discorren polo espazo periplásmico entre as membranas.
É unha bacteria bastante fráxil. Fóra do corpo, non soporta os climas secos ou as temperaturas superiores a 42°C. Non resiste a penicilina, que é o antibiótico que se utiliza contra ela.
Subespecies Hai polo menos catro subespecies de T. pallidum, que son: Treponema pallidum pallidum, causante da sífilis. T. pallidum endemicum, causante da sífilis endémica non venérea ou bejel. T. pallidum carateum, causante da pintaPinta. T. pallidum pertenue, causante do pian ou frambesia (enfermidade cutánea tropical). Hai algunha discusión sobre cal destas debe considerarse subespecie e cal especie. Así, o axente causante da pinta é ás veces descrita como a especie Treponema carateum en vez de como unha subespecie de T. pallidum.
Identificación no laboratorio miniatura|dereita|150px|Micrografía na que se ve Treponema pallidum (negra e delgada) con tinguidura de Dieterle. Utilizando o microscopio óptico os treponemas son visibles con iluminación de campo escuro. Esta bacteria pode detectarse utilizando tinguiduras especiais como a tinguidura de Dieterle.
Treponema pallidum tamén se detecta por seroloxía, por medio da proba VDRL non treponemal, reaxina plasma rápido (RPR), probas de anticorpos treponemais (FTA-ABS), reacción de inmobilización de Treponema pallidum (TPI) e proba TPHA da sífilis.
Non foi posible cultivala no laboratorio, pero algúns investigadores propuxeron o cultivo de T. pallidum en medios complexos (medio de Smith-Noguchi) en condicións anaerobias. A bacteria pode ser transmitida aos coellos por inoculacion nos seus testículos (un microorganismo semellante, o T. cuniculi, é un patóxeno natural dos coellos). Na práctica, o microorganismo non sobrevive moito tempo fóra do corpo. A 4 °C (temperatura dun banco de sangue) sobrevive durante catro días; á temperatura moderada dunha habitación só durante unhas poucas horas; e só unha hora a 41,5 °C.
Importancia clínica
T. pallidum pallidum é unha espiroqueta móbil que se contaxia xeralmente por contacto sexual, e entra no seu hóspede por brechas no epitelio escamoso ou columnar. O microorganismo pode tamén transmitirse ao feto por vía placentaria durante as fases finais do embarazo, dando lugar á sífilis conxénita. A forma helicoidal de T. pallidum pallidum permítelle moverse como un sacarrollas a través dos medios viscosos como o mucus. Chega á circulación sanguínea e sistema linfático dos seus hóspedes a través dos tecidos e membranas mucosas.
As subespecies que causan frambesia (pian), pinta, e sífilis endémica non venérea (bejel) son morfoloxicamente e seroloxicamente indistinguibles de T. pallidum pallidum (sífilis), pero a súa forma de transmisión non é de natureza venérea e o curso das enfermidades que producen é significativamente diferente.
Patoxenia miniatura|dereita|T. pallidum. Posúe como factor de virulencia a capacidade de fixarse ás células do hóspede da pel ou mucosas e chegar aos tecidos subepiteliais a través de lesións pouco aparentes ou quizais a través das células, dando lugar a unha lesión primaria. Disemínase polo sangue uníndose ao epitelio vascular segregando unha substancia similar ao mucopolisacárido dos tecidos do hóspede camuflando desta maneira os seus antíxenos e pasando así ao espazo perivascular, onde causa a destrución dos vasos, endoarterite obliterante, impide a circulación de sangue polo vaso, orixina necrose e ulceración, dando lugar ao chancro típico da sífilis, e espállase polos vasos sanguíneos por todo o corpo.
O T. pallidum aproveita as ulceracións da pel ou mucosas, que son a súa principal vía de entrada. Cando entra únese por medio das proteínas Tp155 e Tp483 á fibronectina presente na membrana do epitelio; e pola Tp751 á laminina tamén presente na membrana epitelial. Unha vez adherida empeza a colonizar e a penetrar nos tecidos por medio dunha metaloproteinase, a MMP-1, que degrada coláxeno e as unións endoteliais. T. pallidum non ten lipopolisacárido (LPS) a pesar de ser gramnegativa, e os chancros sifilíticos son causados en boa parte polo propio hóspede, en resposta á proteína principal da espiroqueta, a Tpn47, xa que desencadea unha resposta inmune xeneralizada que é moi pouco eficaz para eliminar o treponema, xa que este é moi pouco antixénico. Ademais a bacteria ten unha proteína chamada neelarredoxina que converte o O2 (liberado polos macrófagos) en H2O2, e unha hidroxiperoxidase de membrana convértea en H2O, evadindo así a acción das especies reactivas do oxíxeno das células do sistema inmunitario. O T,. pallidum é moi invasivo grazas aoa seus endoflaxelos (3-6) e a unha proteína MCP que detecta a histidina e a glicosa nos tecidos e serve como factor quimiotáctico para o treponema. Ademais, varía antixenicamente as proteínas de membrana TpK, dificultando a súa eliminación. Encontrouse actividade de beta-lactamase na Tpn47.T. pallidum. Estrutura antixénica
Tratamento O tratamento con penicilina pode matar á bacteria, pero non reverte os danos producidos. Durante a fase primaria e secundaria da sífilis, o tratamento con penicilina é doado. Na etapa terciaria, a penicilina é tamén efectiva, pero en formas g-sódicas, que permiten que se difunda polo líquido cefalorraquídeo, xa que a bacteria se localiza nesa zona na fase final. O tratamento da sífilis a tempo, non deixa secuelas. Pero esta doenza aumenta as posibilidades de contraer outras enfermidades de transmisión sexual.
Xenoma En 1998 publicouse en Science a secuencia do xenoma de T. pallidum. A recente secuenciación de varios xenomas de espiroquetas permitiu unha análise exhaustiva das semellanzas e diferenzas entre as especies deste filo bacteriano. O Treponema pallidum subsp. pallidum ten un dos xenomas bacterianos máis pequenos, de 1,14 millóns de pares de bases (1,14 Mb), o que fai que a bacteria teña capacidades metabólicas limitadas, o que reflicte a súa adaptación evolutiva por redución xenómica no rico ambiente dos tecidos de mamíferos.
Vacina Non hai vacina para a sífilis. A membrana externa de T. pallidum ten poucas proteínas de superficie, polo que os anticorpos non son efectivos, o que dificulta a elaboración dunha vacina. A prevención realízase mediante o uso de profilácticos.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas "Syphilis- CDC Fact Sheet." Centers for Disease Control and Prevention. Maio de 2004. Centers for Disease Control and Prevention. 7 de febreiro de 2006
Categoría:Espiroquetas