Este artigo trata sobre o peixe, para o xogo tradicional infantil véxase Mariola (xogo).
A mariola,Ríos Panisse (1977) Ciliata mustela, tamén coñecida como barbada, barbada congreira, barbada da pedra, barbada de fondo, barbada de terra, barbada de golfo, barbada lisa, e así mesmo polos de anguía barbudaRodríguez Villanueva et al. (1995) e bacallau de cinco barbelas,Lahuerta e Vázquez (2000) é un peixe osteíctio da orde dos gadiformes e familia dos lótidos, que vive nas costas do nordeste do Atlántico.
Características Anatomía De corpo pequeno, alongado, de até 45 cm de lonxitude (por termo medio uns 25 cm), coa cabeza pequena un pouco deprimida dorsoventralmente, con cinco barbelas (ao que alude un dos seus nomes vulgares) dúas situadas a medio camiño entre os ollos e o extremo do fociño, dúas no labio inferior e outra no mento. A boca é pequena, con dentes nos maxilares e no vómer, dispostos en bandas. Os ollos son pequenos e saltóns. Presenta dúas aletas dorsais, a primeira reducida a un raio seguido de longos filamentos curtos, delgados e vibrátiles, inseridos nun suco; a segunda, "normal", situada a continuación e chegando até o pedúnculo caudal. A aleta caudal é oblonga, coa marxe posterior arredondada; as pectorais son arredondadas, e chegan até o nivel da orixe da segunda dorsal; as aletas pelvianas son máis curtas que as pectorais, co segundo raio máis longo que os demais: presenta só unha aleta anal, que remata ao nivel do da segunda dorsal, pero é de base máis curta. A liña lateral é case horizontal.
A súa coloración vai da parda avermellada á parda escura, ás veces negra; as aletas xeralmente teñen as marxes avermelladas. As partes inferiores son de cor avermellada ou moura, fusionándose cunha de cor gris apardazada pálida.
Hábitat e bioloxía
Vive no Atlántico noroeste,Ciliata mustela en FishBase ver mapa de distribución desde as costas do sur de Islandia e o norte de Noruega, até as de Portugal (a altura do cabo da Roca) en augas pouco profundas, até uns 20 m de profundidade,Muus, Bent J. et al. (1998) sobre fondos rochosos, con algas, e en pozas intermareais sobre fondos areosos,, ás veces nadando entre rochas e sedimentos en marismas en marea baixa. Os individuos maiores poden encontrarse fóra do límite intermaeral sobre fondos de area, lama ou grava.Rodríguez Solórzano et al. (1983)
Aliméntase principalmente de crustáceos, e ás veces tamén de pequenos peixes, algas, vermes poliquetos e moluscos gasterópodos.
Reprodúcense no inverno e na primavera.
En Galicia A mariola é moi frecuente en todo o litoral galego,Solórzano et. al (1988) podéndose ver ás veces nas pozas que quedan ao descuberto na baixamar. Adoita agocharse debaixo das pedras, ou en fendas das rochas, esperando aos cangrexos para apañalos. É de escaso interese pesqueiro.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingïue de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8. Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7. Ríos Panisse, Mª C. (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I Invertebrados y peces. Verba, Anejo 7. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Comnpostela. ISBN 84-7191-008-X. Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4. Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2. Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.
Outros artigos Gadiformes Gádidos Lótidos
Ligazóns externas Ciliata mustela en WORMS Contén numerosas fotografías. Ciliata mustela en Encyclopedia Of Life (EOL) Contén numerosas imaxes e varios mapas de distribución. A "mariola" non é (só) un xogo (O Castafol.usc.es, 27.05.2014)
Categoría:Gadiformes