Javier Fernández Abruñedo, coñecido como Bicho, nado en Sada, o 20 de febreiro de 1996, é un futbolista galego. Xoga de mediapunta na Cultural Leonesa, da Segunda División.
É curmán do escritor Isaac Xubín.
Traxectoria Formado no Rayo Sadense, con 11 anos pasou a formar parte das categorías inferiores do Deportivo da Coruña. Con 16 anos debutou no Deportivo Fabril.
Bicho debutou co primeiro equipo do Deportivo o 17 de agosto de 2013, con Fernando Vázquez como adestrador, xogando os tres últimos minutos do partido gañado por 0-1 contra a UD Las Palmas.
O 14 de xullo de 2014 anunciouse que xogaría dúas tempadas cedido no FC Barcelona B. Con todo, estivo só unha tempada no filial barcelonista, anunciándose o 31 de agosto de 2015 a súa cesión durante unha tempada ao CD Leganés.
Ao non ter contado con ningún minuto na tempada, o 31 de decembro de 2015 fíxose oficial a súa cesión á SD Compostela polo que restaba dela. Na tempada seguinte foi cedido novamente, esta vez ao Racing e Ferrol, onde xogou 34 partidos e anotou catro goles. A continuación xogou dúas tempadas máis no Fabril, aínda que sufrindo varias lesións que o mantiveron de baixa durante meses. Ao remate da tempada 2019/20 o seu contrato no Deportivo non foi renovado.
En xaneiro de 2020 foi presentado como novo xogador da SD Compostela, en Terceira División, na súa segunda etapa no club santiagués. Tras acadar o ascenso foi renovado por unha tempada máis. Disputou un total de 26 partidos co Compostela e anotou dous goles.
A finais de xullo de 2021, o San Fernando CD anunciou a fichaxe do xogador galego para a nova Primeira División RFEF. No club andaluz converteuse nun dos xogadores máis importantes do equipo, co que disputou un total de 62 partidos ao longo de dúas campañas, contribuíndo a lograr en ambos casos a permanencia na categoría.
En 2023 fichou pola Cultural Leonesa, da mesma categoría, onde continuou cun rol importante, sendo titular na maioría de partidos dos seguintes tres anos. A tempada 2024/25, na que coincidiu con outros seis futbolistas galegos (Quique Fornos, Pibe, Kevin Presa, Chacón, Antón Escobar e Manu Justo) culminou cun histórico ascenso á Segunda División como campión do Grupo I. Bicho contribuíu con 38 partidos, 27 deles como titular, números semellantes aos da campaña seguinte, na que o equipo non conseguiu a permanencia na categoría de prata.
Selección nacional Foi internacional nas categorías sub-16, sub-17 e sub-19 da selección española.
Palmarés Cultural Leonesa Primeira Federación (1): 2024/25.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en lapreferente.com Datos do xogador en transfermarkt.es Datos do xogador en scoresway.com
Categoría:Nados en 1996 Categoría:Nados en Sada Categoría:Futbolistas da provincia da Coruña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do FC Barcelona B Categoría:Xogadores do CD Leganés Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores da SD Compostela Categoría:Xogadores do San Fernando CD Categoría:Xogadores da Cultural Leonesa