David Ferreiro Quiroga, nado en Baños de Molgas o 1 de abril de 1988, é un futbolista galego que xoga de centrocampista na UD Ourense, da Primeira Federación.
Formado na canteira do desaparecido CD Ourense, disputou máis de 600 partidos oficiais ao longo da súa carreira, 307 deles na Segunda DIvisión, categoría na que vestiu as camisetas de Racing de Santander, Hércules, Lugo, Huesca e Cartagena. No Huesca militou durante seis tempadas, conseguindo dous ascensos á Primeira División, categoría na que xogou 72 partidos.
Traxectoria Formouse nas categorías inferiores do Pavillón Ourense, un dos clubs de base polideportivos máis importantes do deporte galego. Posteriormente pasou polas categorías inferiores do principal club da súa cidade, o Club Deportivo Ourense, onde chegou a debutar co primeiro equipo na tempada 2006-07. Ao ano seguinte foi un habitual no once ourensán, xogando con tan só 19 anos 34 partido na Segunda División B. A seguinte tempada xogou no Atlético Ciudad de Lorquí, da mesma categoría, a na seguinte tempada fichou por dúas campañas polo Zamora. Despois de disputar dúas grandes tempadas, o Granada fixouse nel e contratouno para cedelo ao Cádiz, dentro do acordo de colaboración que mantiñan ambos clubs.
Completou unha gran tempada no club gaditano, xogando 39 partidos e anotando 8 goles na Segunda División B. Alí acabou campión do Grupo IV e xogou a fase de ascenso á Segunda División, mais perdeu na última rolda ante o Lugo, capitaneado polo seu excompañeiro do Ourense Manu. Tras ser obxectivo no mercado de fichaxes do propio Lugo, o 29 de xullo de 2012 fíxose oficial a súa fichaxe polo Racing de Santander, da Segunda División, en calidade de cedido por unha tempada. Nos primeiros partidos da competición, Ferreiro non foi convocado e estivo apartado do equipo. Posteriormente o adestrador do equipo santanderino, o lucense Fabri, comezou a darlle algunha oportunidade na Copa do Rei e nalgúns partido de liga nunha posición pouco habitual para el: a de dianteiro centro. Co cambio de adestrador do equipo, fíxose coa titularidade, xogando ao final 35 partidos e anotando 1 gol.
Na seguinte tempada volveu ser obxectivo do Lugo, mais por mor da súa relación contractual co Granada, este club decidiu cedelo ao Hércules. No club alacantino foi peza clave e un dos mellores do equipo, aínda que finalmente non puido evitar o descenso do equipo á Segunda División B. O 11 de xullo de 2014, tras acabar o seu contrato co Granada, fichou finalmente polo Lugo, equipo que levaba varias tempadas detrás da súa contratación.
Xogou dúas tempadas no Lugo, disputando case todos os partidos, ata que en 2016 fichou pola SD Huesca. Co equipo aragonés conseguiu ascender á Primeira División na súa segunda tempada. Aínda que o equipo acabou descendendo ao ano seguinte, volveu lograr un novo ascenso na tempada 2019/20, na que acabou como campión de Segunda, sendo Ferreiro un dos xogadores máis destacados. Continuou como un dos piares do equipo na tempada 2020/21 en Primeira, pero o equipo acabou descendendo de novo. Militou unha sexta campaña no Huesca, acadando os 217 partidos oficiais e 13 goles.
En 2022 fichou polo Cartagena, tamén de Segunda, onde non conseguiu render ao nivel esperado, disputando 29 partidos nunha tempada e media, só 10 deles como titular.
En xaneiro de 2024 o club rescindiu o seu contrato e o xogador incorporouse ao Málaga, da Primeira Federación. Axiña se fixo coa titularidade e foi unha peza fundamental para que o equipo de Sergio Pellicer acadase o ascenso á Segunda División, aportando tres goles e catro asistencias. Os seus dous goles ao Real Madrid Castilla na derradeira xornada foron vitais para que o equipo andaluz acabase terceiro e accedese á fase ascenso con mellores condicións.
No verán de 2024, ao remate do seu contrato co Málaga regresou a Galicia para fichar polo Arenteiro, tamén da Primeira Federación, volvendo así a formar parte dun club ourensán 16 anos despois da súa saída do desaparecido CD Ourense. Un 2026 fichou pola UD Ourense, logo do primeiro ascenso do equipo vermello á Primeira Federación.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en futbolme.com
Categoría:Nados en 1988 Categoría:Nados en Baños de Molgas Categoría:Futbolistas da provincia de Ourense Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do CD Ourense Categoría:Xogadores do Zamora CF Categoría:Xogadores do Granada CF Categoría:Xogadores do Cádiz CF Categoría:Xogadores do Racing de Santander Categoría:Xogadores do Hércules CF Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Xogadores do SD Huesca Categoría:Xogadores do FC Cartagena Categoría:Xogadores do Málaga CF Categoría:Xogadores do CD Arenteiro